Igadi na Rede / Presenza-Opinión - De “SITEL” e outras bases de datos |
De “SITEL” e outras bases de datos Ramón Lugrís(A Nosa Terra, 12/11/2009) |
Cánta información hai almacenada nas enormes bases de datos que diferentes Estados recollen a través de sistemas de interceptación de comunicacións? Nun recente informe preparado por un think tank do Pentágono dos EE.UU. – a MITRE Corporation - , a medida que milloran os sensores que permiten a vixilancia das comunicacións, o volumen de dato aumenta exponencialmente ata chegar ao nível de “Yotabitios” (bitios elevados á potencia 24), equivalentes a un cuatrillón (unidade seguida de 24 ceros) de páxinas de texto1. Ises datos son analizados por supercomputadores para determinar si, nese océano de información, hai alguén que é – ou pode chegar a ser – un terrorista. O Partido Popular desencadeou hai poucos días una polémica pola utilización que fai o Estado español de SITEL, sistema de interceptación de datos, que mercara Mariano Rajoy cando era Ministro do Interior, por valor de 10 millóns de euros. Os obxetivos do PP, ao criticar, a aplicación do sistema non teñen que ver co fondo do problema de utilizar sistemas de interceptación de comunicacións, senon con tratar de deixar sen base legal as informacións que levaron á imputación do implicados na chamada “trama Gürtel”. A potencia de SITEL, alén de que as informacións recollidas están autorizadas por xuíces, non se pode comparar co sistema ultrasecreto que a Axencia Nacioal de Seguridade (NSA) dos EE.UU. está instalando no deserto do estado de Utah. Mais pode ser considerado como un exemplo máis dos sistemas que en todo o mundo están esculcando as vidas dos cidadáns. Un libro pubricado nos EE.UU. “O centinela secreto: A historia nunca contada da Axencia Nacional de Seguridade” 2, recolle unha colección de documentos desclasificados que, tras anos de investigación, acadou xuntar Matthew M. Aid, militar que prestou servicio como membro da NSA especialista en interpretación do ruso e que foi arrestado e condeado por un consello de guerra por apropiarse dunha serie de documentos “top secret”. Agora investiga no Arquivo Nacional. O libro pasa revista a unha serie de acontecementos da historia do século XX que, a través dos documentos desclasificados, presentan aspectos descoñecidos e moi reveladores. Por exemplo, que non foi a primeira vez durante a preparación da invasión de Iraq que membros das administracións estadounidenses e altos xefes militares, adaptaron á sua conveniencia as informacións dos servicios de intelixencia cando as informacións non casaban coas suas ideas ou políticas preconcebidas e non tiveron en conta datos contrarios aos seus desexos. Xa acontecera o mesmo cando as guerras de Corea e de Vietnam, con resultados catastróficos para os Estados Unidos. O libro tamén analiza os cambios que a NSA foi introducindo nos seus métodos de acordo coa millora dos sistemas informáticos, ata chegar a ese monstruo que recolle datos de todo o mundo en Utah. O autor considera que a inmensa morea de datos pouco menos que está afogando á NSA e que na sua maioría trátase de informacións que nuncha chegarán a seren traducidas ou descifradas, problemas que, según parece, poden resolverse con novos métodos (hai un plan, Turbulence, capaz de facelo). Mais o problema fundamental, curiosamente, é outro: a necesidade de enerxía. Actualmente, o centro que a NSA está construindo no deserto, por un custo de 2.000 millóns de dólares, vai consumir unha cantidade de enerxía equivalente á que consume a capital do estado, Salt Lake City. A factura anual da electricidade chega a 700 millóns de dólares, e a Axencia está pedindo máis recursos para construir novos xeneradores eléctricos máis potentes. O Congreso dos EE.UU. non está moi conforme. A enerxía eléctrica, no caso da NSA, é poder político. Como dí o autor, a divisa da Axencia é o kilovatio. Máis enerxía eléctrica garantiza maiores centros de datos, que, á sua vez, xeneran a necesidade de máis acceso ás comunicaciòns telefónicas e de correo electrónico e, por conseguinte, menos privacidade. Cantos máis datos chegan, máis informes produce a Axencia, e canto máis informes produce, maior é o seu poder político. De momento, ainda que non falta quen aconselle pechar a Axencia para non perder tantos cartos, non parece que a administración Obama vaia ir por ese camiño, tendo en conta a sua política de manter a guerra de Afganistán. Con todo, si, como moitos observadores vaticinan, a guerra fracasa, pode que se chegue á conclusión de que a NSA non é rentable. En troco, podería ser un exemplo a evitar por outros sistemas de esculca que, pola sua natureza, tenden a facérense cada día máis complexos e invasivos. 1 The MITRE Corporation, “Data Análysis Challenges” (decembro de 2008), páx. 13 [citado por James Bamford, “Who’s in Big Brother’s Database?”, in The New York Review of Books, 5 de novembro de 2009. 2 Matthew M. Aid, The Secret Sentry: The Untold Story of the National Security Agency, Bloomsbury, 2009. |
Ramón Lugrís, |
11/11/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org |
http://www.igadi.org/artigos/2009/rl_de_sitel_e_outras_bases_de_datos.htm |