Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Definicións na UNASUR
 
 
Definicións na UNASUR
Roberto Mansilla(igadi.org, 29/08/2009)
 
 

O cumio de UNASUR que comezou este venres na localidade arxentina de Bariloche medirá a súa real capacidade como organismo mediador de conflitos e impulsador de procesos de integración, todo isto dentro dunha delicada conxuntura determinada polo incremento do gasto armamentista na rexión.

Se ben o énfase estará centrado na tensión rexional suxerida polas bases militares estadounidenses en Colombia, especificamente ante as recentes reaccións do presidente venezolano Hugo Chávez de romper as súas relacións con Bogotá, o cumio de UNASUR servirá de escenario para pulsar o verdadeiro peso xeopolítico e diplomático de Brasil como eixe impulsor de consensos.

As perspectivas centradas en Brasilia sobre a súa real capacidade diplomática poden entroncarse ante as súas pretensións militares, especificamente no apartado nuclear e nas súas demandas de presenza nun ampliado Consello de Seguridade da ONU. Velaí que o “tema candente” propiciado polas bases estadounidenses en Colombia será igualmente observada por Brasilia como un evidente movemento de disuasión lanzado dende Washington.

Probablemente, o cumio non alterará a tendencia armamentista rexional experimentada desde 2004, o cal pode espallar maiores tensións entre países con reclamacións limítrofes como Colombia, Venezuela, Ecuador, Perú e Chile. Con isto, debe observarse con atención o péndulo electoral e político que ofrecerá América do Sur entre 2009 e 2010, co potencial retorno da dereita ao poder, o cal permitirá afirmar os intereses xeopolíticos de Washington. Neste sentido, Colombia e México aparecen como os eixes hemisféricos clave para concretar eses intereses.

Velaí que as tensións políticas e militares e o curso e evolución dos variados procesos de integración rexional serán os escenarios máis delicados a tratar pola UNASUR. Así, o cumio de Bariloche servirá para pulsar o termómetro político rexional.

 

Roberto Mansilla Blanco, analista do Igadi.

 
 
 
31/08/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/artigos/2009/rm_definicions_na_unasur.htm