Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Uribe III |
Uribe III Roberto Mansilla (igadi.org, 09/09/2009) |
Superado o escollo lexislativo no Congreso, que aprobou a convocatoria dun referendo para considerar a posibilidade dunha terceira reelección presidencial, o mandatario colombiano Álvaro Uribe Vélez abre un abano de posibilidades que, definitivamente, están a modificar os parámetros da historia política e constitucional do seu país. A pesar dos “globos de ensaio” enviados polo propio Uribe sobre se finalmente aceptará presentarse a un terceiro período presidencial 2010-2014, poucos dubidan sobre as súas reais posibilidades de logralo. Un 55% dos colombianos estarían dispostos a aprobar a súa posible reelección nos comicios presidenciais de marzo de 2010. Uribe posúe varias cartas ao seu favor: recuperación da autoridade estatal, debilitamento político e militar das FARC, desmobilización dos paramilitares e sólida saúde económica, factores que explican a súa indubidable popularidade. Pero cumpre observar diversos elementos que determinan a cultura política dos colombianos e as verdadeiras razóns de Uribe para a reelección. O primeiro factor estima salientar o debate político xerado na opinión pública colombiana sobre se é necesario modificar a Constitución para permitir unha reelección máis. Neste apartado, Uribe afrontou diversas críticas desde diversos sectores políticos e mediáticos, dubidosos ante unhas intencións que poderían, hipoteticamente, modificar radicalmente os parámetros da democracia “consensuada” colombiana e consolidar un personalismo político de corte caudillista, aderezado por sinuosas vías democráticas. Paralelamente, o gobernante Partido de la U, maioritario no Congreso, afrontou a decisión lexislativa sobre o referendo adoptado as clásicas tácticas políticas del “clientelismo populista”: designacións a dedo no Tribunal Constitucional, alcaldías e diversos organismos políticos, a fin de asegurar un camiño viable para a reelección. Por outra banda, Uribe mide as súas posibilidades de reelección presidencial, especialmente ante o abano de candidaturas que poderían, paulatinamente, fracturar o propio “uribismo”. Neste sentido, impúñase a figura do ex ministro de Defensa, Juan Manuel Santos, como posible “delfín político” presidencial. Se Uribe lanza a súa candidatura para 2010, tras aprobarse o referendo, estaría consolidando ao “uribismo” como o elemento hexemónico na política colombiana, cunha esquerda aletargada e aparentemente desmobilizada ante as súas pretensións reeleccionistas. Pero existen outras razóns. Non deixa de ser significativo que Uribe consolidara o seu acordo con Washington para asentar sete bases militares en territorio colombiano, precisamente nun momento en que se xogaba o seu futuro político no Congreso. A pesar da fractura xeopolítica que este acordo determina no contexto hemisférico, evidenciada nos últimos cumios da UNASUR e o frontal rexeite por parte de Venezuela, Ecuador e Bolivia, Uribe sela unha estratexia deseñada, probablemente, desde 2002, cando gañou por vez primeira a presidencia. Esta estratexia consiste en consolidar un colchón territorial proclive a albergar as bases norteamericanas para acabar militarmente coas FARC e “vixiar” a presidentes incómodos como Hugo Chávez, Rafael Correa e Evo Morales, sen esquecer a preponderancia xeopolítica brasileira. O período 2010-2014 sería decisivo nesta estratexia, cando o Plan Colombia se amplíe, moderadamente, nun Plan Andino con Perú como aliado andino e Brasil como moderado socio sudamericano. Curiosidades da política, Uribe segue o camiño trazado polo seu veciño e rival Hugo Chávez, quen gañou o referendo de reelección presidencial en febreiro pasado, unha senda que semellan seguir Evo Morales en Bolivia, Correa en Ecuador e Daniel Ortega en Nicaragua, por tomar algúns exemplos. Pero o obxectivo de Uribe semella claro: cambiar o curso da política colombiana, constituírse no principal aliado de Washington e, así, insertarse como un actor preponderante no escenario rexional. Entre finais de 2009 e 2012, América Latina afrontará un novo ciclo electoral, onde a dereita pode volver ao poder en países como Chile, Brasil, Perú e Arxentina, sen esquecer as turbulencias que poden presentarse en Bolivia, Venezuela, Ecuador e Nicaragua, e modificando así substancialmente o péndulo político latinoamericano. Uribe coñece de sobra estes escenarios e as posibilidades de influír, sutilmente, nesta conxuntura. Por iso, un paso importante nesta estratexia conxunta entre Bogotá e Washington está, indefectiblemente, concentrada na reelección de Uribe. |
Roberto Mansilla Blanco, analista do Igadi. |
09/09/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org |
http://www.igadi.org/artigos/2009/rm_uribe_iii.htm |