Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Uruguai albisca a segunda volta presidencial |
Uruguai albisca a segunda volta presidencial Roberto Mansilla Blanco (A Nosa Terra, 22/10/2009) |
Se tomamos en conta as diversas enquisas realizadas no Uruguai nas últimas semanas, as eleccións presidenciais que se levarán a cabo o próximo domingo 25 de outubro orientaránse, case indubidablemente, cara unha segunda volta electoral, a celebrarse hipoteticamente o próximo 29 de novembro. Os candidatos con maiores opcións presdenciais serían o líder da plataforma gobernamental Fronte Amplo (FA), José “Pepe” Mújica, de 66 anos, e o candidato opositor e ex presidente Luis Alberto Lacalle, do Partido Nacional ou “Branco”. Un 59% dos enquisados consideran a elevada posibilidade de realizar unha segunda volta entre Mújica e Lacalle, debido a que ambos non semellan superar o 50% necesario para gañar nunha primeira volta. As enquisas danlle a Mújica o 44% mentres Lacalle estaría no 33%. No centro da atención estará o factor decisivo que supón o voto dos “indecisos” que, segundo estas enquisas, navega entre o 7 e o 12% do electorado uruguaio. Estes comicios presidenciais manifestan diversas variables que consolidan a transición democrática iniciada en 1985, trala caída da Xunta Militar. A atomización política uruguaia, con diversos partidos minoritarios como protagonistas electorais, da a entender a ruptura do clásico bipartidismo entre os partidos Blanco e Colorado. Igualmente, a vitoria electoral do FA en 2004 permitiu a histórica chegada ao poder dunha esquerda de ampla conformación política e ideolóxica, escenario que pode repetirse no 2009, en caso de triunfo de Mújica. Non obstante, o escenario vese fortemente polarizado non só entre as candidaturas presidenciais senón, incluso, no seo do FA. Diversos sectores dentro do partido gobernamental dubidad na real capacidade de mando de Mújica, especialmente polo seu estilo directo, coloquial e, a veces, crispado e subido de ton. O propio presidente Tabaré Vázquez, cunha alta popularidade e que constitucionalmente non pode presentarse á reelección presidencial, tivo que liderar persoalmente a campaña electoral do FA, a fin de tentar asegurar os votos ante o que considerou publicamente como “as estupideces” verbais de Mújica. Esas “estupideces” están explicadas en torno á publicación, a mediados de setembro pasado, dun libro intitulado “Pepe coloquios”, onde o candidato do FA realizaba polémicas declaracións sobre o sistema político e xudicial do seu país, así como da veciña Arxentina, país de considerable rivalidade histórica para os uruguaios e onde habitan 25.000 dos seus compatriotas, que están legalmente facultados a votar en Uruguai. A utilización do pasado político de Mújica e Lacalle está igualmente consolidándose como un arma electoral de notable poder de persuasión. Mújica foi membro da guerrilla urbana dos Tupamaros a finais da década de 1960 e comezos de 1970, previo á posterior instauración da ditadura militar. O seu pasado guerrilleiro e radicalmente esquerdista é un factor mobilizador da campaña de Lacalle, a fin de desprestixiar ao candidato do FA, incorporándoo, precisamente, a unha corrente de esquerda considerada “trasnoitada” que, en diversos sectores, o equipararía co modelo de Hugo Chávez en Venezuela. Mújica ven contrarrestando esta campaña cunha reacción tranquilizadora cara o electorado e, principalmente, cara os sectores financeiros e económicos, asegurando a súa evidente empatía co presidente brasileiro Lula da Silva. Paralelamente, a campaña do FA apunta cara as polémicas amizades presidenciais de Lacalle a comezos da década de 1990, especialmente de cara a controvertidos ex presidentes sometidos a xuízo nos seus respectivos países, como o arxentino Carlos Menem e o peruano Alberto Fujimori. Tanto como a polarización electoral, o proceso do próximo domingo 25 levará ás urnas dúas demandas de reforma constitucional de alto valor para a sociedade uruguaia: a posibilidade de aprobar o voto en urna para a diáspora e a derogación da polémica Lei de Continuidade, que exoneraba de crimes aos membros da ditadura militar. Uruguai xógase o 25 de outubro o seu futuro político baixo o prisma de factores visibles que atañen ao seu pasado máis próximo.
|
Roberto Mansilla Blanco, analista do Igadi. |
20/10/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org |
http://www.igadi.org/artigos/2009/rm_uruguai_albisca_a_segunda_volta_presidencial.htm |