Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Tomar altura
 
 
Tomar altura
Xulio Ríos (Revista Arraianos Nº8, 26/11/2009)
 
 

Un percibe certa sensación de esgotamento no enfoque tradicional dese proxecto orientado ao fomento das relacións entre Galicia e o norte de Portugal. A argamasa que serviu de base para potenciar a cooperación nas últimas décadas centrouse no fomento das infraestruturas e nel foise atascando co paso do tempo, o aumento das incertezas a un e outro lado, as discrepancias na ordenación de potencialidades básicas do territorio, a activación da competencia en detrimento da organización das complementariedades e as delicadas perspectivas que ensombrecen o financiamento futuro. O inventario de logros non é desprezable, nin moito menos. Pese ás coñecidas asimetrías, contamos agora ata cunha fontanería orgánico-institucional admirable e diversificada, complemento da ósmose económica, pero aínda así, é como se faltara alma nas relacións entre as dúas beiras do Miño, esa compoñente que paradoxalmente explica e diferencia a singularidade da nosa relación e proporciónalle a vantaxe comparativa adicional e, paradoxalmente tamén, a menos explorada. Tanto que ata fai dubidar: poida que falemos moito dela pero que realmente non exista.

Pese a ser un empeño nada doado, cómpre repensar o futuro con convicción. En Galicia urxe unha visión integral de Portugal, que atenda ás diferentes áreas temáticas da relación, pero tamén matizando estratexias xeográficas e políticas. Galicia debe impulsar ese salto neutralizando os hipotéticos medos de Madrid, carentes de sentido, pero sen por iso renunciar á debida e necesaria ambición. En Portugal vale que interese España pero pódese avanzar moito na identificación distintiva de Galicia, hoxe aínda nos lindes do anecdótico. A receptividade neste sentido ten sido epidérmica, minoritaria e diría que ata cutre.

Precisamos unha aproximación cualificada que nos permita reflexionar e identificar os valores desa cooperación, que non pode quedar reducida a gran exemplo da cooperación transfronteiriza en Europa, ben que o pode ser e demos facelo valer como activo permanente que universalice o noso “savoir faire”. Pero para transcender a dinámica europea, na que esta relación se insire, precisamos a implicación dos líderes colectivos e a impregnación das sociedades respectivas, con axenda e con medios, con actuacións visibles e invisibles. Non nos pase como co milagre irlandés que axiña amosou as súas fraquezas. No noso caso, estas son dificilmente explicables por tratarse de renuncias a valores naturais que constitúen un privilexio que moitos outros quixeran para si.

A apertura dun segundo carril nas relacións con Portugal debe enfatizar a aproximación entre as sociedades e as culturas, que aínda constitúe un dos grandes retos pendentes. Ese é o gran plus da eurorrexión e nel está moito por facer. Cántos portugueses conferencian habitualmente en Galicia? Cántos galegos acceden á lectura habitual da prensa lusa? En Porto, a pouco máis dunha hora de Vigo, poden celebrarse grandes eventos culturais e en Galicia estaremos aínda pendentes de canto pasa na axenda da metrópole. A fluidez segue sendo moi limitada.

Pero non só se trata de virar a nosa mirada cara ese interior inactivo máis profundo. No relanzamento do entendemento e da cooperación galego-portuguesa debiamos ter en conta que esta non é só unha forma de construír Europa senón tamén de estar no mundo. As alianzas cualificadas en moitos ámbitos poderían beneficiarnos mutuamente e facilitar as perspectivas internacionalizadoras das nosas industrias, a cultural incluída.

Pero o primeiro avance substancial é facer da eurorrexión, hoxe un gran edificio, coas súas vigas, placas, teito e paredes, un espazo humanamente habitado e habitable. Ou logramos que as persoas a cada lado a vivan como propia máis alá das rutinas do día a día ou acabará por ser un edificio en ruína do que acabaremos pasando de largo cando ninguén dispoña dos recursos para o seu mantemento.

Úrxenos tomar altura e ver máis lonxe para xerar esa creatividade que faga posible unha ampla cidadanía que transcenda o feito fronteirizo. Con vontade de ambas partes.

 

Xulio Ríos, director do Igadi.

 
 
 
26/11/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/artigos/2009/xr_tomar_altura.htm