Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Unasur
 
 
Unasur
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 13/08/2009)
 
 

Colombia foi o gran protagonista ausente do cumio da UNASUR (Unión de Nacións Sudamericanas) celebrado este luns en Quito. Paradoxalmente, na declaración final do encontro non hai unha soa mención á ampliación da presenza militar de EEUU neste país, un asunto que está xerando preocupación e tensión entre os estados latinoamericanos. Estamos no penúltimo capitulo dunha crise rexional que enreda a Colombia, Venezuela e Ecuador, principalmente, e que será abordada en Bos Aires este mesmo mes nun cumio extraordinario. Na recente xira de Uribe pola rexión, excluíndo a Ecuador e Venezuela, o presidente colombiano insistiu en que só se trata de ampliar a loita contra o narcotráfico e o terrorismo das FARC, pero outros pensan que son malas escusas pois o obxectivo final é combater os gobernos díscolos de América latina, frear a influencia de terceiros países e acoutar o emerxente liderado brasileiro. Durante a visita de Obama a México moito se criticou a febleza das políticas estadounidenses contra o narcotráfico no seu propio país, o primeiro mercado de cocaína e marihuana do mundo, en contraste coa enerxía e entusiasmo que pon fóra.

O intento de EEUU de substituír a base de Manta (Ecuador) por esta ampliación da súa presenza en Colombia indica que a política de Washington para a rexión non mudou moito. No cumio das Américas celebrado hai catro meses, Obama anunciou diálogo e cooperación, un xesto que abriu camiño a unha moderación das tensións nunha rexión que non pode esquecer a tradición de inxerencias, golpes de estado e apoio a ditaduras por parte do xigante do norte. Este avance estratéxico, similar ao que se está producindo noutras rexións do planeta, como o sudeste asiático ou África, onde EEUU perdeu influencia, vai na dirección equivocada.

Será capaz Unasur de xestionar adecuadamente esta nova crise? Os países sudamericanos teñen a suficiente maioría de idade como facerse cargo dos seus propios asuntos, pero precisan eficiencia e vontade política efectiva. A reunión de Bos Aires pode quedar en nada. Ata hoxe, o tratado constitutivo asinado en maio de 2008 só foi ratificado por Venezuela, Bolivia e Ecuador, dun total de doce países No cumio do luns creáronse novos consellos de cooperación, pero nada se avanzou sobre a designación do secretario xeral de Unasur. A consolidación da institucionalidade é un primeiro requisito para que Unasur poida responder ás múltiples expectativas orixinadas en materia de integración continental.

 

 

Xulio Ríos, director do Igadi.

 
 
 
13/08/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/artigos/2009/xr_unasur.htm