Presenza-Opinión / Rusia Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia
A conexión BRIC-OCX
Roberto Mansilla (igadi.org, 22/06/2009)

Versión para imprimir

 

O recente cumio de Ekaterimburgo do grupo BRIC, acrónimo que reúne as potencias económicas emerxentes de Brasil, Rusia, India e China, confirmou a potencialidade dos novos eixes de poder global, cunhas perspectivas que afondan na necesidade dun cambio na arquitectura económica e financeira mundial, así como un maior peso nas decisión políticas.

Orixinalmente concibido por Rusia e China, o Grupo de Xangai, tamén reunido en Ekaterimburgo, mantén como membros a catro repúblicas centroasiáticas, e posúe como observadores a India, Paquistán, Irán e Mongolia. A súa dimensión se amplía no contexto global tras acoller o encontro do BRIC, en especial coa participación brasileira.

Enmarcado nun contexto de crise económica global e dos valores do capitalismo liberal, o compromiso establecido polos presidentes Lula da Silva, Dmtri Medveded, Hu Jintao e o primeiro ministro indio Mahmmoan Singh, de crear unha “moeda BRIC”, denominada a “divisa do Grupo Shanghai”, define unha estratexia concibida para rematar coa preponderancia do dólar estadounidense e do euro nas transaccións financeiras e económicas mundiais.

O potencial do Grupo de Xangai estaría enmarcado na capacidade de manobra de potencias económicas en ascenso, con considerable fortaleza tecnolóxica (casos de Brasil, China e India) con potencias enerxéticas como Rusia. Os BRIC conforman algo máis do 12% do comercio mundial, no que se inclúen aos países con maior crecemento e consumo enerxético nos últimos anos (China e India), o 14,6% do PIB global e o 42% da poboación mundial.

Precisamente, son cada vez maiores as demandas, especialmente dende o denominado “mundo en desenvolvemento”, de onde proceden a maioría das “potencias emerxentes”, de dar curso a unha serie de cambios que rematen a era de Bretton Woods, conferencia internacional celebrada en 1944 e que deu paso á preponderancia económica global do dólar e de diversos organismos financeiros internacionais, como o FMI e o BM. Estas demandas van orientadas a concretar unha maior equidade e equilibrio nos termos de intercambio económico e nas transaccións financeiras globais.

O Grupo de Xangai tamén semella albiscar escenarios a mediano prazo, incluíndo a novos actores, tales son os casos de Paquistán e Irán, este último actualmente sumido nunha forte crise política postelectoral. Este grupo outea unha ampliación de perspectivas de carácter global que non se limiten ao eido estritamente económico e financeiro, senón que involucre a potencialidade xeopolítica, enerxética e nuclear dos novos membros.

Con isto, a conexión BRIC-Grupo de Xangai calibra a posibilidade de periclitar a preponderancia doutros organismos globais como o G-8, incapaces de medir con eficiencia os alcances da actual crise económica mundial. Todo isto nun momento en que o presidente estadounidense Barack Obama lanza unha ambiciosa (e non menos polémica) reforma financeira orientada a conservar a súa iniciativa ante a crise global.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/06/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

 

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta