Presenza-Opinión / Outros
|
||||||||
A feira dos cumios Roberto Mansilla Blanco (Xornal de Galicia, 02/04/2009) |
||||||||
A total atención mundial está concentrada no Cumio do G-20 do 2 de abril, onde os países máis importantes da economía mundial, detentores de máis do 80% do PIB global, achegáronse a Londres repletos de contradicións e perspectivas diferentes sobre as solucións da crise económica mundial. En medio de anuncios sobre medidas de regulación e cooperación multilateral para “reformar” o sistema financeiro mundial, a estrela do cumio do G-20 reflíctese directamente na figura do presidente estadounidense Barack Obama, quen iniciou a súa primeira e estratéxica xira europea. Unha xira cuxo momento clave será o encontro que manterá en Londres co seu homólogo ruso Dmtri Medvedev. O cumio Obama-Medvedev definirá unha nova etapa nas relacións entre Rusia e EEUU, especialmente sobre temas vitais para a seguridade global como a ampliación da OTAN, o equilibrio nuclear, o escudo antimísiles estadounidense, a crise económica global e escenarios específicos de confrontación como Afganistán, Cosova, Irán e o espazo euroasiático. Obama achegouse a Londres cunha axenda exterior de claro carácter xeopolítico e un ambicioso plan de rescate da súa economía, que aínda agarda unha dura batalla lexislativa. Dous días antes, o 31 de marzo, celebrouse na Haia a Conferencia Multilateral sobre Afganistán, definida baixo unha nova estratexia de cooperación deseñada por Obama e que inclúe unha variable de sumo interese e importancia: a presenza de Irán como actor de estabilización e cooperación. No marco desta xira europea de Obama cobran importancia co Cumio da OTAN en Alemaña e o Cumio UE-EEUU en Praga. Finalmente, o presidente estadounidense pechará a súa xira en Turquía, nun encontro de alto nivel estratéxico para Washington. Con menos impacto mediático tivo lugar en Doha (Qatar) o II Cumio entre América do Sur e Países Árabes (ASPA), celebrado o mesmo día da conferencia internacional sobre Afganistán. O cumio ASPA reúne importantes organismos de integración como MERCOSUR e o Consello de Cooperación do Golfo Pérsico. Alén do interese informativo que supuxo a defensa realizada polo presidente venezolano Hugo Chávez ao seu similar sudanés Omar Hassan al Bashir, ante a orde de captura decretada polo Tribunal Penal Internacional, esta segunda edición do Cumio ASPA consolida un marco de integración Sur-Sur que busca mecanismos de definición destinados a concretar un sistema internacional multipolar e multilateral. A riada de cumios de alto nivel continuará o próximo 17 e 19 de abril en Trinidad e Tobago, sede do V Cumio das Américas, que contará de novo con Obama como máxima atracción. Así, está por determinar se en Trinidad poderá clarificarse a visión do novo goberno estadounidense con respecto a América Latina. Con Brasil e México como claras prioridades no contexto latinoamericano, Obama deberá afrontar neste cumio determinados retos definidos pola visión hemisférica de Chávez e a necesidade de afrontar o futuro de Cuba, así como a tendencia de integración rexional e os desafíos para a rexión formulados pola crise económica global. O pasado 29 de marzo celebrouse en Viña del Mar un encontro “progresista” organizado pola presidenta chilena Michelle Bachelet, e que reuniu ao primeiro ministro británico Gordon Brown, ao vicepresidente estadounidense Joseph Biden e aos presidentes Lula da Silva, Tabaré Vázquez e Zapatero, entre outros convidados. Todos estes cumios traducen unha dinámica de movementos que están confeccionando cambios tectónicos no sistema internacional. Por riba das crises, a multipolaridade busca impoñerse como elemento diplomático clave. |
||||||||
|
||||||||
|
||||||||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 03/04/2009 |
||||||||
|