Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Outro referendo en Venezuela
Roberto Mansilla (Xornal de Galicia, 11/02/2009)

Versión en PDFVersión para imprimir

 

  Chavez e partidarios do SI; clic para aumentar
Chávez intensifica a súa presenza nos medios de comunicación públicos e a súa impresionante mobilización de campaña, con amplas visitas aos barrios populares, afincando na continuidade dos programas sociais que, indubidablemente, seguen a outorgarlle unha sólida base de apoio popular. [Foto: Hugo Chávez (centro, puño en alto) en unha manifestación, o 12 de febreiro en Caracas, polo “Si” no referendo do día 15].
 
Observar a campaña electoral venezolana previa ao referendo sobre a reelección indefinida a celebrarse o próximo domingo 15 de febreiro permite considerar, dun modo sui generis, como a polarización social e política, constitúe o auténtico eixe central de todo proceso electoral que se realice neste país sudamericano.

Venezuela asoma diversas perspectivas de cara a este referendo sobre a reelección presidencial indefinida, aumentada coa facultade de someter este referendo a outros cargos públicos como alcaldes, deputados e gobernadores. O vértice principal explícase no pulso político sobre a autoridade de Chávez e os límites non só da súa presidencia senón dos seus eventuais sucesores, dentro e fóra do chavismo.

Isto confirma cómo a política venezolana dos últimos dez anos está sumamente concentrada en Chávez, eixe central do debate e da actividade política. Determinadas pola polarización actualmente existente, as recentes enquisas afirman unha especie de empate técnico, aínda que nas últimas semanas semella aumentar moderadamente a opción do Sí a favor de Chávez.

Independentemente destas enquisas, albiscase un resultado sumamente apretado, cun gañador con mínima maioría, o cal afonda os dilemas existentes entre chavistas, opositores e indecisos.

Chávez intensifica a súa presenza nos medios de comunicación públicos e a súa impresionante mobilización de campaña, con amplas visitas aos barrios populares, afincando na continuidade dos programas sociais que, indubidablemente, seguen a outorgarlle unha sólida base de apoio popular. Sabe que este referendo supón un punto de inflexión para o seu proxecto socialista, demasiado dependente da súa continuidade no poder.

Non gañar o referendo do próximo 15 de febreiro colocaría a Chávez e o chavismo nun complicado dilema, perspectiva que aumenta o esforzo gobernamental por mobilizar masiva e eficientemente ao seu electorado. Incluso, no caso de perder, Chávez dicta as pautas post-referendo con anuncios destinados a propiciar a curto prazo outros procesos constituíntes ou aplicar a decretos presidenciais que lle permitan sortear os impedimentos constitucionais para presentarse como candidato presidencial no 2012.

Pola súa banda, a oposición céntrase en advertir dos perigos que para a democracia venezolana (e latinoamericana en xeral) supón a reelección presidencial indefinida, considerada por eles mesmos como a base central da concentración dun poder sen aparentes límites.

O variopinto conglomerado da plataforma opositora segue a concentrar os seus apoios e forzas políticas na necesidade imperiosa de saír de Chávez. Sen aparente proxecto político común, as opcións do Non á reelección poden moderadamente resultar favorecidas nun referendo de tipo plebiscitario sobre a xestión de Chávez pero poden debilitarse ante a perspectiva doutras eleccións, previstas para o período comprendido entre o 2010 e 2012. A unificación política segue a ser un reto ineludible para a oposición.

O problema para Chávez e a oposición estriba na radiografía que presenta actualmente Venezuela. Os elevados índices inflacionarios (os maiores do hemisferio occidental), un desemprego rampante, o alarmante alza da indiscriminada inseguridade cidadá, deficientes servizos públicos e unha sensación de desgaste e cansanzo social ante a progresiva celebración de eventos electorais (trece eleccións en dez anos) condicionan un panorama no que a abstención semella ser, para chavistas e antichavistas, un rival a enfrontar.

Paralelamente, o clima político intensifica a noción de confrontación violenta. Os ataques á sinagoga principal de Caracas, sedes de medios de comunicación e partidos políticos opositores e as denuncias de coacción política á hora de votar, permiten explicar un panorama radicalizado por unha confrontación tan descontrolada como innecesaria.

O referendo do próximo 15 de febreiro marcará a pauta política venezolana de cara aos próximos compromisos electorais, sendo estes as lexislativas de 2010 e as municipais e presidenciais de 2012. Todo isto sen esquecer ata onde e cómo logrará consolidarse o “Socialismo do Século XXI”, con ou sen Chávez no poder.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/02/2009
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta