Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
A delegación de Bos Aires
Tino Santiago (Xornal de Galicia, 23/06/2009)

Versión para imprimir

 

Di o goberno que a sede da delegación en Bos Aires é un dispendio e que por iso se a vai levar ao Centro Galicia. Non teño o gusto de coñecela pero non me custa crelo. Non só porque tendo a pensar que o goberno adoita dicir a verdade, senón porque coñezo a capacidade de dispendio das nosas administracións. Recordo unha entrevista co presidente da Deputación d'Coruña, Salvador Fernández Moreda, e a descrición que facía dunha piscina climatizada: É máis barato levar en taxi o concello veciño aos usuarios de que o que custa o mantemento, dicíame o señor Moreda; e que lles vou dicir dos polígonos empresariais sen empresas, dos paseos marítimos, etc... Esta habilidade para o gasto superfluo dos nosos gobernantes é centenaria pero viuse multiplicada nos últimos anos, dende que empezamos a recibir fondos europeos. Así que ao revés de Santo Tomás, podo crer a Núñez Feijoo sen ter que ver cos meus propios ollos a xa famosa sede bonaerense.

Pero unha cousa é aceptar que o local era un exceso, e que en tempos de crise había que alugar unha sede máis económica, e outra é a solución. Non parece razoable que unha institución da Autonomía de Galicia se instale no local social dunha asociación privada, por moi venerable que sexa, como o é o Centro Galicia. Como publicou estes días a ex - delegada en Bos Aires, María Xosé Porteiro, sería como " (levar) a Delegación da Xunta en Pontevedra ao Casino, a da Coruña á Confederación de Empresarios e a de Vigo á sede da CIG," escribía a señora Porteiro. A delegación en Bos Aires non é unha xestoría ou un rexistro onde entregar documentación. Como a sede do Parlamento, da presidencia da Xunta, ou de calquera dos organismos autónomos ten toda unha dimensión político-representativa que co cambio se perde, ou polo menos, vese sensiblemente minguada.

Con todo, a polémica da sede podía ser un asunto menor se só fose un debate sobre como aforrar en tempos de crise. Pero ten outra dimensión de máis calado: reflicte, unha vez máis, que non acabamos de asumir que a Acción Exterior é unha competencia constitucional da Autonomía - como a educación, os servizos sociais ou as competencias en augas interiores -. Pero é unha competencia cunha característica moi especial: só se pode exercer se hai un mínimo de consenso entre os tres partidos.

A sede abriuse sen pacto, e péchase sen pacto. Como adoita dicir o señor Rajoy, non é de recibo. A acción exterior require identificar cal é o mínimo común denominador dos nosos intereses e de continuidade no tempo. Dentro desta reflexión entra acordar como queremos que sexan as delegacións no exterior. O seu despregamento non pode quedar a sorte do resultado electoral correspondente. Iso inutilízaas. Iso, tamén, é malgastar cartos de todos.

 
 

Tino Santiago.

 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/06/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta