Aínda que a situación nos mercados financeiros parece estar a mellorar, o impacto da crise sobre a economía real está a ser aínda moi sentido porque a crise financeira converteuse en crise comercial. A baixa liquidez dos bancos e a falla de confianza dos inversores está levando a unha forte escaseza de crédito no día a día dos particulares e das empresas.
A pesares de que a Unión Europea recoñece a necesidade de intervención dos Estados membros, a autoridade de competencia da UE está en negociacións cos bancos para controlar as axudas estatais e os plans de reestruturación. Témese que exista trato de favor para os bancos nacionais á hora de acceder ás axudas dos estados membros.
A estas alturas da crise, e tendo en conta a mala prensa que supón subsidiar a certos sectores privilexiados da economía (culpables directos de colaborar no furado financeiro), agárdase que os bancos reduzan o volume dos seus activos e se desprendan daquelas partes “tóxicas”. Ou que cando menos, se comprometan a devolver as axudas estatais nun futuro próximo, non descartándose unha combinación de ámbalas medidas.
Polo tanto, a Comisión Europea, coa intención de moldear o perfil das entidades financeiras, adoptou un marco temporal flexible para dar aos estados membros oportunidades adicionais para combater os efectos do deterioro do crédito na economía real sen perder de vista posibles tratos de favor. Cantidades limitadas de axuda, garantías e empréstitos bonificados están entre as medidas dispoñibles para os bancos.
A crise financeira creou a necesidade dunha mellor supervisión das institucións financeiras europeas de maneira imparcial, o que non é doado, pois as axudas e as intervencións son xestionadas polas autoridades estatais, e este sector estratéxico para a economía está cada vez máis implicado en actividades transfronteirizas difícilmente controlables.
De acordo con datos da Comisión Europea, existen máis de 8.000 bancos en Europa, pero máis de dous terzos dos seus activos totais están en mans de corenta institucións multinacionais. Para botar un ollo a esta rede, a Comisión creou un grupo de supervisión financeiro “ad hoc” en outubro de 2008. Non sabemos aínda o éxito que terá nas súas propostas.
Polo momento, o grupo, liderado por Jacques de Larosière, ex-director do Fondo Monetario Internacional, presentou un informe en febreiro de 2009 que foi aprobado en maio pola Comisión, onde se propoñía un plan de reforzamento do rol de supervisión do risco por parte do Banco Central Europeo (BCE), impulsando a vixilancia dos grupos financeiros internacionais dentro dos estados membros.
En xuño de 2009, os líderes da UE chegaron a un acordo de mínimos sobre os principais temas e deuse un mandato á Comisión para propoñer unhas solucións compartidas no caso de rescates de bancos con actividades transnacionais. Asunto que a Comisión non pasou por alto. O ING foi o primeiro banco intervido a nivel europeo “por ser demasiado grande para fallar”. O banco holandés desprenderase do seu negocio en seguros e xestión de investimentos, valorado en 12 ou 15 billóns de euros, e a cousa non vai quedar aquí. Lloyds Banking Group en Royal Bank of Scotland serán os seguintes en ser intervidos. Está claro que a opacidade no tratamento das contas dos bancos foi moi variable de estado a estado, e os anglosaxóns foron os primeiros en afrontar os saneamentos necesarios.
Pero o gran problema pode vir cando a combinación das tres variables: o tamaño, número de intervencións por estado e o lugar onde se apague o lume, non sexa tan favorable. Como no caso islandés, os pequenos estados poder ter menos garantías. Que pasaría se se dispara o número de intervencións en bancos máis pequenos, e en estados menos relevantes? Serán capaces os estados europeos de crear fondos de compensación e garantía a nivel europeo? Ata onde pode chegar a solidariedade de Europa? |