Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
A renovación boliviana
Xulio Ríos (AGN, 05/10/2009)

Versión para imprimir

 

A pouco máis de dous meses das lexislativas bolivianas, previstas para o 6 de decembro, as novas caras proliferan nun maratón electoral que se desenvolve baixo o marco da nova Constitución aprobada o 25 de xaneiro de 2008 que abriu paso ao tránsito da estrutura republicana ao estado plurinacional. O mapa político resultante destes comicios definirá o rumbo do próximo quinquenio e, probablemente, tamén dos próximos 20 anos. Novos órganos e novas regras de xogo deben confirmar as expectativas do gobernante MAS de Evo Morales, co maior desafío concentrado nos departamentos de Santa Cruz, Beni, Pando, Tarija e Chuquisaca, pero encarando unha delicada estratexia global baseada na polarización e na suma de todos os recursos posibles contra o indixenismo de esquerdas que el representa, que segue sen gozar da confianza das clases acomodadas e das elites rexionais e económicas máis influentes.

Os vaticinios son unánimes respecto á probable vitoria electoral de Evo Morales, quen se manexa con solvencia e comodidade nun escenario como o promovido pola oposición maioritaria, igualmente interesada, polo momento, en sepultar calquera hipótese de posible terceira vía. Favorito nas enquisas, conta cun forte apoio nas bases campesiñas e populares, reticentes máis ca nunca ás ideas, partidos e líderes tradicionais que tentan un novo pulso co obxectivo se non de gañar, que está difícil, si, cando menos, de acadar unha representación parlamentaria suficiente para bloquear as iniciativas gobernamentais e frear o proceso de renovación impulsado polo oficialismo.

A renovación boliviana iniciada en 2005 suxire un despertar da política, sumando xente nova ao escenario democrático, que será máis plural, representativo e esixente, factores que poden compensar os riscos derivados da falla de experiencia e o temor a que se produzan erros de vulto. A nova gobernabilidade esixirá maiores esforzos de todos con miras a facilitar a cohesión económica e social, empeño difícil de persistir a polarización actual. Polo momento, ningún proxecto alternativo ao “evismo” semella gozar de posibilidades no inmediato horizonte electoral e unha nova derrota pode mesmo dificultar a consolidación dunha oposición minimamente robusta e coherente.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/10/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta