Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
As crises dunha nova xeopolítica global
Xulio Ríos (AGN, 04/01/2009)

Versión en PDFVersión para imprimir

 

  Gordon Brown e Nicolás Sarkozy; clic para aumentar
No que atinxe á Unión Europea, a “Europa global” concibida por Sarkozy e Brown en marzo como expresión dunha comunidade “aberta, flexible e que mira cara fóra”, segue xirando arredor da asunción ou non da súa maioría de idade, o valor esencial que lle pode permitir ganar influencia nas cuestións internacionais. [Foto: Gordon Brown (esquerda) e Nicolás Sarkozy no Cumio franco-británico de marzo de 2008 en Londres].
 
O mundo experimentou destacados cambios en 2008, avanzando con paso firme cara a multipolaridade. Nos últimos anos, o sistema internacional acentuou a súa transformación gradual dende o marco dunha superpotencia coexistindo con outras potencias, herdeiro da guerra fría, ata a multipolaridade, cun progresivo desprazamento do poder mundial dende as beiras do Atlántico ata o Pacífico occidental, visibilizando así os reaxustes que está experimentando o sistema internacional, con novas reorganizacións e reestruturacións profundas que alteran o equilibrio de poder global.

A vulnerabilidade de EEUU quedou novamente en evidencia en 2008 coa crise financeira orixinada en setembro en Wall Street e cun deterioro substancial da súa imaxe global. O debilitamento do poder de EEUU tivo o seu contrapunto na recuperación do poder de Rusia, cunha demostración de forza en Xeorxia, posteriormente complementada con exercicios militares en América Latina, poñendo en xaque os propósitos de EEUU de expansionar a OTAN cara o Leste ou de instalar un escudo de defensa antimísiles ás portas de Moscova.

Pola súa banda, China deixounos a súa nova carta de presentación cunhas Olimpíadas rebordantes de polémica e de exhibicionismo das súas capacidades, agrandadas co seu primeiro espacial da historia. China confírmase como un motor esencial da economía mundial, desempeñando un papel cada vez máis importante nos asuntos internacionais. No que atinxe á Unión Europea, a “Europa global” concibida por Sarkozy e Brown en marzo como expresión dunha comunidade “aberta, flexible e que mira cara fóra”, segue xirando arredor da asunción ou non da súa maioría de idade, o valor esencial que lle pode permitir ganar influencia nas cuestións internacionais.

Os cambios rexistrados en vellos contenciosos (nuclear norcoreano ou iraniano, Afganistán ou Iraq) abriron paso a novos conflitos (en Tailandia, Paquistán, Congo ou Zimbawe), con crecentes ameazas non tradicionais á seguridade, como o terrorismo, o cambio climático ou a piratería, obrigando a facer uso da forza militar para garantir a seguridade do comercio.

Todo o mundo confía en que se aprenda da crise financeira, cunhas raíces que moitas voces relacionan coa política económica neoliberal e non intervencionista aplicada polo goberno estadounidense. É o momento de promover reformas para unha nova orde financeira e económica xusta e inclusiva que reflicta a nova xeopolítica global.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/01/2009
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta