Presenza-Opinión / Europa
|
||||||||
Europa máis ao Leste Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 01/03/2009) |
||||||||
A Comisión Europea propuso en decembro de 2008 un financiamento extraordinario de 350 millóns de euros para fomentar a “estabilidade” en Ucraína, Xeorxia, Acerbaixán, Armenia e Moldova. O checo Schwarzenberg, cuxo país ocupa a presidencia rotatoria da UE, asegurou que a forma de avanzar en relación a estes países é a través de instrumentos de asociación, o fomento de acordos de libre comercio e a creación de plataformas compartidas para xestionar temas de interese común. Pola súa banda, Benita Ferrero-Waldner, comisionada da UE de Relacións Externas e Política Europea de Veciñanza, dixo que é “claramente imperativo” para a UE intensificar os esforzos na rexión despois do conflito militar de agosto de 2008 entre Xeorxia e Rusia e da desputa de xaneiro de 2009 entre Ucraína e Rusia. Mentres, nas últimas semanas, as tensións internas de Xeorxia, país clave na estratexia occidental, ameazan cun novo conflito político cunha oposición medrada despois do fracaso da estratexia de adhesión formal á OTAN que Shaakashvili trata de amortecer ofrecendo un corredor alternativo cara Cabul, unha vez que EEUU e outros membros da OTAN deben abandonar o aeródromo de Manas por decisión do Parlamento de Kirguizistán. Pendente de resolver aínda os diferendos que enfrontan a Bruxelas e Moscova, a Asociación co Leste presentarase oficialmente en Praga en maio próximo. O gran ausente daquela será o presidente de Bielorrusia Alexander Lukashenko, pero a gran incógnita é a viabilidade política dunha proposta que, obviando a xeografía, trata de conter a influencia rusa, unha hipótese que o Kemlin saboteará de principio a fin. Eludir a Moscova nunca é solución. |
||||||||
|
||||||||
|
||||||||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 26/02/2009 |
||||||||
|