Presenza-Opinión / África Volver a TitularesVolver a Presenza/África
Promesas de balde
Xulio Ríos (Xornal, 17/07/2009)

Versión para imprimir

 

O desenvolvemento de África foi un dos principais asuntos da reunión que o G-8 celebrou a pasada semana en L´Aquila. O cumio anunciou unha nova achega de 20.000 millóns de dólares durante os próximos tres anos para contribuír a paliar a fame neste continente. Segundo a directora do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), a ex primeira ministra de Nova Zelanda, Helen Clark, dos 25.000 millóns de dólares que os países do G-8 prometeron entregar a África antes de 2010, soamente 3.000 millóns chegaron aos países de destino. Segundo un informe de ONE, Italia e a Francia do ministro de exteriores B. Kouchner –cofundador de Médicos sen Fronteiras- están tan lonxe de cumprir os seus compromisos que poderían provocar a total debacle do pouco crédito que lle queda ao G-8. Os países máis ricos entregaron nada máis que unha terceira parte da axuda extra que prometeron para 2010, a pesar de que xa transcorreron dúas terceiras partes do periodo antes de que se cumpra o prazo, di o informe desta ONG.

A credibilidade dos países ricos está baixo mínimos. Tony Blair falou en 2001 da existencia “dunha ferida na conciencia do mundo” para referirse á necesidade de axudar aos pobos africanos a sairen da pobreza. Foi ao pouco da enunciación dos chamados “Obxectivos do Milenio” que resumían unha serie de urxencias básicas para elevar os niveis de vida co horizonte de 2015. Segundo Helen Clark, soamente Etiopía e Cabo Verde van camiño de cumprir os obxectivos. A FAO, con sede en Roma, estima que se precisan 30.000 millóns de dólares anuais para facer fronte aos desafios da crise alimentaria.

Os motivos polos que África non consegue desprenderse da pobreza son moitos e complexos. Pero non se pode negar que os países occidentais, cunha longa historia de colonialismo no continente, deben ser considerados os máximos responsables do estado de África, a rexión do mundo que menos contribuiu a provocar a crise financeira mundial pero que está padecendo as peores consecuencias. Segundo as estimacións da OCDE, este ano medrará un 2,8 %, a metade da súa taxa de crecemento do ano pasado.

Despois de Praga, O Cairo e Moscova, Obama deu ante o parlamento de Ghana o seu cuarto discurso importante deste ano en materia de política exterior. Ali defendeu a democracia e o bo goberno e renovou as súas promesas de axuda. A posta en escea, coidada, e ao gusto dos televidentes do mundo rico...

Os africanos están acostumados a escoitar moitas promesas e a esperar relativamente pouco delas, non soamente en razón das cantidades senón tamén das condicións, tantas veces leoninas, dos países ricos. A nosa capacidade de produción de cifras con moitos ceros é infinitamente superior ás posibilidades de xerar confianza con elas.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/África



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/07/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta