Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia/ Asia
Talibáns
Xulio Ríos (AGN, 16/08/2009)

Versión para imprimir

 

En si mesmas, as eleccións do próximo 20 de agosto en Afganistán son practicamente irrelevantes para a situación do país. Oito anos despois de iniciarse a guerra antiterrorista contra o movemento talibán este sigue contando con bases poderosas nas rexións pashtunas do sur e este do país, dificultando de xeito permanente a misión do réxime afgán e das tropas estranxeiras, fortemente castigadas nos últimos meses. Grandes coñecedores dunha topografía complexa e das oportunidades que brinda para desenvolver unha guerra de guerrillas que ao longo da historia puxo de xeonllos a todos os seus invasores, os talibáns gañaron en organización, en disciplina e en firmeza ideolóxica.A pesar do seu aspecto parabíblico, os seus xefes son capaces de librar guerras informáticas e de intelixencia contra as tropas invasoras ademais de moverse comodamente nos escenarios tradicionais. De seguir as cousas así, a guerra non durará unha ou dúas décadas, senón moitas máis.

Neste contexto, cabe imaxinar que uns centos de millóns de dólares máis ou mesmo 21.000 soldados suplementarios das tropas estranxeiras dificilmente poden resolver o problema e esa incapacidade terá como consecuencia interna o incremento do descrédito do goberno de Karzai, carente de prestixio social, sostido polos caudillos militares de diversas tribos e polas tropas internacionais, pero tamén o probable aumento da capacidade de recrutamento de máis talibáns dispostos a loitar contra as forzas de ocupación. O goberno de Karzai é só nominal, cando menos aos ollos de gran parte da cidadanía afgán, que o considera falto de capacidade para gobernar eficazmente o país, mentres o mulá Omar permítese ironizar ofrecendo a súa protección ás forzas da OTAN de elixiren saír do país.

A pesar do seu distanciamento de Obama, Karzai pode gañar estas eleccións co apoio da Casa Branca, pero sen un esforzo político complementario capaz de incentivar o abandono das armas por parte dos talibáns valerá de ben pouco. A progresiva reinserción dos insurxentes é a base indispensable para podermos falar da reconstrución do país. Este sería o autentico cambio de estratexia e non o que ata agora suxire Obama: máis militares e extensión das operacións a Paquistán, o que agravará a sensación de inseguridade que padece a maior parte da poboación. Só a reconciliación pode estabilizar o país, deixando ver a todos que a aposta pola violencia, do signo que sexa, carece de futuro. Entre tanto, os talibáns seguirán apelando á abstención e as eleccións serán puro espellismo.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/08/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta