Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
Un futuro con varias vías
Xulio Ríos (AGN, 05/04/2009)

Versión en PDFVersión para imprimir

 

  Barack Obama no Cuminio do G-20 en Londres; clic para aumentar
Fronte ao capitalismo tradicional, que receita medidas igualmente tradicionais para recuperar a senda do crecemento e evitar os negros augurios de crise social e a degradación da economía global, emerxen outras hipóteses e rumbos que complementan o discurso superador con outro de corte nacionalista e ata civilizatorio. [Foto: Barack Obama no Cuminio do G-20 en Londres, o 2 de abril de 2009].
 
A reconstrución da economía de mercado deu un novo impulso no cumio do G-20. Ante a persistencia da estupefacción, a multiplicación das críticas, pero tamén a falta de alternativas cribles, trátase de establecer controis e lindeiros que fixen freos a uns desequilibrios que se desvelaron como estruturais e insoportables mesmo para garantir algo tan elemental como a sorte do planeta, tanto en termos materiais como morais. Pero nesa reconstrución pode que non haxa tanta unanimidade nin uniformidade como se pensaba inicialmente. O directorio do mundo, que se iniciara con aquel primitivo G-7, hoxe, en virtude do proceso de mundialización, é máis plural e diverso e debe alargar as responsabilidades e pluralizar as opinións. O criterio delimitador básico segue a ser o mesmo, é dicir, o peso económico dun país concreto, pero os pareceres para evitar un agravamento da crise están máis diversificados e menos xerarquizados. Así, fronte ao capitalismo tradicional, que receita medidas igualmente tradicionais para recuperar a senda do crecemento e evitar os negros augurios de crise social e a degradación da economía global, emerxen outras hipóteses e rumbos que complementan o discurso superador con outro de corte nacionalista e ata civilizatorio.

Nesa outra ponla do escenario que lembra o xurdimento da crise no templo por excelencia do capitalismo e que reivindica agora o seu dereito a distanciarse e a buscar fórmulas autóctonas, avanza un sistema diferente, tanto no económico como no político, coa aspiración de superar mellor as consecuencias da crise e aproveitándoa non soamente para reforzarse cara dentro e cara fóra senón para concibir e propoñer un novo modelo de economía con mercado, fundado sobre outros valores e convencido de que as opcións de futuro están dentro, pois os modelos occidentais (sexa estadounidense ou o soviético das antípodas) acaban por fracasar de forma estrepitosa. Polo de pronto, China, líder desa outra expresión, a resultas da crise converterase neste ano na segunda economía do mundo, adiantando a Xapón un lustro antes do previsto. O máis paradoxal e sorprendente desta curiosa transformación alternativa baseada no relativismo oriental é que vai ser conducida polo Partido Comunista máis numeroso do mundo. Atentos ao que poida dar de si.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/04/2009
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta