Presenza-Opinión / Outros
|
||||||||
Un mundo a 20 Xulio Ríos (ECO, maio/2009) |
||||||||
Nin China nin Rusia obtiveron avances en relación ao dólar. Obama deixou en claro que non quere nin falar do asunto e o FMI, moi diplomaticamente, non desbotou o debate de cara ao futuro. Pero este tema, central na orde financeira se pretenden que esta sexa realmente nova, xa non é tabú e dará que falar. Pequín si obtivo o compromiso dunha mellora na representación dos países en vías de desenvolvemento nas dirixencias do FMI e do Banco Mundial: os dereitos de voto (10%) serán transferidos en favor dos países do sur antes de 2011, adiantándose tres anos á data inicial prevista, abrindo a posibilidade de presidencias que non sexan nin europeas nin estadounidenses e con procedementos de elección máis transparentes e democráticos. Non menos sorprendente foi a revalidación do compromiso cos Obxectivos do Milenio (reducir á metade a pobreza no mundo en 2015 e dobrar os fondos destinados á Africa sahariana), se ben deberase agardar a materialización das cifras tantas veces prometidas e as súas condicións. De entrada, unha parte do stock de ouro do FMI venderase para financiar a axuda aos países en vías de desenvolvemento. Todo o acordado semella “esencial” nos tempos que corren e o risco de verse desfasados polas circunstancias segue presente, habida conta que ninguén sabe a ciencia certa cal é a dimensión da crise. Paradoxalmente, pese á súa gravidade, case ninguén se atreve a pedir responsabilidades aos principais desorganizadores da economía mundial, cuxos excesos, cometidos en total impunidade grazas ao control do dólar, están na base da actual deriva. O mesmo cuestionamento cabe facerse en relación ao FMI, cuxa escasa credibilidade devén da súa responsabilidade na conformación e xestión dun sistema económico en fase crítica por mor do estímulo de políticas de curto prazo e ao servizo dos países máis desenvolvidos. De aquí ao próximo cumio, que será en novembro en Nova York, o propio ritmo da crise determinará a medida da aplicación dos acordos e a intensidade das respectivas ambicións. |
||||||||
|
||||||||
|
||||||||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 13/04/2009 |
||||||||
|