Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
2010: Ano electoral en Venezuela
Daniel González Palau (igadi.org, 01/03/2010)

Versión para imprimir

 

No 1998, o Presidente Chávez gañou as eleccións presidenciais en Venezuela cun 57% dos sufraxios. Un ano máis tarde, trala proclamación dunha Asemblea Constituínte, aprobábase a nova constitución co 71% dos apoios. Nacía a nova República Bolivariana de Venezuela. A Revolución fora anunciada durante a campaña electoral cun discurso fondamente reclamador de reformas dirixidas a atraer a atención dos excluidos, un discurso explosivo que arrasou o sistema de partidos venezolano.

A vella partidocracia morreu ante a definición dun novo suxeito e a declaración de guerra permanente á corrupción. A política voltaba ás indeterminadas mans do pobo transformando as esencias da democracia “puntofijista”. A Constitución chámalle a democracia “protagónica”. A nefasta década dos 90, tralos miles de mortos no Caracazo nas semanas posteriores á subida do prezo da gasolina tras unha orde do FMI, foi o seu contexto histórico. Chávez, quen saíra da cadea en 1995, organizara un movemento de masas que transformou Venezuela, cando menos en canto ao número de votantes e de involucrados na vida pública.

Aquela revolución sui generis autodifiniuse no 2005 como “socialista do século XXI”, nun simbólico discurso de Chávez no Foro Social Mundial. Así, o que para uns ven sendo simple populismo, caudillismo, etc., pondo dacordo a personaxes tan distantes como Esperanza Aguirre ou Joaquín Sabina, para outros o que acontece é nada menos que unha explosión da historia, un atrevemento novidoso e rupturista para saír da pobreza crónica que atinxía, desde os anos 80, á metade da poboación venezolana, atrevemento contra o imperialismo, e mesmo unha volta á historia do comunitarismo e dos grandes discursos e conceptos. Así, o “socialismo do século XXI” confórmase como un experimento que avanza de xeito gradual e sen categorías pechadas, unha vía alternativa á revolución socialista que permite a convivencia co capitalismo e non declara a guerra de clases de maneira explícita (a nacionalización e o control obreiro), e mesmo por iso hai quen di que non é socialismo.

O máis empírico e concreto que podemos dicir é que Venezuela, neste tempo, creceu varios postos na táboa do Índice de Desenvolvemento Humano, pasando do 62 ao 58 no último Informe do PNUD, e que nos últimos once anos foi, xunto a Brasil, a vangarda da economía suramericana, cun crecemento pouco frecuente na rexión. Fuxindo un bocado da empiria máis convencional poderíase dicir que en Venezuela existe un movemento político formado por millóns de persoas que intentan trascender o capitalismo, de a pouco, democraticamente, e proceso electoral tras proceso electoral, con golpe de estado como trama real e permanente (guerra de clases, entón, complexa, coma os tempos) proseguen o seu empeño.

Moitos máis datos avalados por Nacións Unidas, a Fundación Carter, ou decenas de estados amigos, avalan a limpeza da democracia venezolana, e os logros reais do proceso, mais alá de que, ao igual que fai once anos, non se teña conseguido saír da dependencia petrolera e dos vicios da vella República, que ten na corrupción o seu modus vivendi. Quizais o máis explicativo desa nova realidade resulte dos relatos de autoestima dos traballadores venezolanos que participan activamente e síntense empoderados na construción desa nova Venezuela, e aqueles outros relatos, arroupados na tradicional vestimenta occidental e formados nos seus propios mitos, sumamente enfurecidos diante da ditadura que sinten vivir. Á Venezuela máis branca parécelle unha involución, unha tiranía, polos excesos verbais e legais que o contexto revolución permite:é un atrevemento total para as capacidades cognitivas educadas na transición infinita das democracias capitalistas do fin da historia, o espectáculo e o consumo sen fin.

As eleccións

A batalla electoral marca os ritmos do proceso. A campaña é permanente. Non hai país no mundo cunha maior axitación democrática, nin con tantas figuras abertas para a participación política, o referendo vincula a todos os elixibless, mesmo nas metades dos mandatos. Cómpre dicir que as eleccións activan a participación cidadán e que constitúen en sí mesmo cotas de activismo político nos dous imaxinarios. Segundo o Latinobarómetro, Venezuela é o país onde hai menos xente que percibe a política como cousa complicada. Cada batalla electoral ofrece un curso de mobilización deixando atrás unha sinuosa historia de experiencias que enriquecen de sentido todo o que naquelas terras acontece.

O 2010 preséntase como un ano clave nesta batalla. As eleccións lexislativas do 26 de setembro marcarán o estado dos dous imaxinarios de cara ás presidenciais de 2012. Dun lado, representan a volta á asemblea lexislativa da oposición ao proceso, autoexcluida no anterior ciclo electoral, e coa necesidade de unificar algún discurso alternativo á ditadura votada, que parece só podería avanzar comezando por recoñecer os logros reais da Revolución, a incontestable inclusión social. Mais doutro lado, as eleccións tamén son un reto de primeira categoría para o Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV), aglutinante das masas bolivarianas que debería sobrepasar de largo os 7 millóns de votos, dados os 7 millóns de militantes que aseguta ter, situación inédita, paradoxal e exemplificadora dos vicios do proceso.

Afondar no socialismo e non estancarse nos logros reais, xerando estruturas para o auténtico desenvolvemento endóxeno, son as necesidades imperiosas destes meses de campaña e horizonte de futuro para conquistar a hexemonía. O chavismo, no que se atopan diferentes almas, debe concentrar forzas na mesma dirección, cousa que non é sinxela cando non é Chávez, senón outros representantes do movemento, a quen se vota nas eleccións lexislativas, moitos dos cales son tildados de burócratas ou oportunistas, boliburgueses. Así que consolidar o PSUV e camiñar cara a profundización do proceso, sen facer saltar todo polos aires, marca a liña do éxito para os de vermello.

O 23 de xaneiro, Chávez presentou a “Campaña Admirable”, o plan de mobilización bolivariana para as eleccións á Asemblea lexislativa do 26 de setembro deste ano. Diante dunha masa apaixonada polo seu Presidente, este berrou o xa clásico, “oligarcas temblad, viva la libertad”. E tamén reclamou  “unidade e lealdade total”.

A oposición, aínda sen mando definido, aparece nas manifestacións estudiantís a favor da liberdade de expresión, posicionándose contra o re-centralismo do Estado e os poderes infinitos de Chávez, laiándose de terlle tocado un Presidente tan tolo, embelesado pola figura do comandante Fidel Castro. Parece evidenciarse unha incapacidade evidente na construcción dunha mensaxe política que substitúa o discurso espectáculo antichavista, construido de costas á realidade na última década polos medios de comunicación privados de Venezuela.

Finalmente, cómpre advertir que o proceso venezolano ten relevancia en toda América do Sur. A construción da ALBA resentiríase de ter lugar un retroceso electoral notable na representación do PSUV. Moito máis, claro, tralo anuncio da instalación de máis bases estadounidenses en Colombia, o golpe de Estado (exitoso) en Honduras, e o recente dispositivo de control instalado no Caribe polos EUA tralo terremoto haitiano. Parecera que algo se move nas entrañas da historia do continente, pero non faremos augurios tan antidemocráticos coma os do Newsweek. Agardemos a ver o que sucede.

 
 

Daniel González Palau é analista do IGADI.

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/03/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta