Actualmente, intensifícanse as tentativas para fortalecer a colaboración
entre Xapón, EEUU e Corea do Sur ante calquera eventual nova crise na
península coreana. Entre o pasado 28 de novembro e o 1 de decembro, Seúl e
Washington manobraron conxuntamente no Mar Amarelo, a raíz do bombardeo de
Corea do Norte contra a illa surcoreana de Yeonpyeong.
Posteriormente, Xapón e EEUU realizaron as súas propias manobras conxuntas
entre o 3 e 10 de decembro, nas que, por vez primeira, participou como
observador o Exército de Corea do Sur. Nestes exercicios militares
participaron 44.000 efectivos dos exércitos xaponés e estadounidense, 60
barcos de guerra e 400 aeroplanos, ademais do portaavións nuclear George
Washington e do destrutor equipado co sistema AEGIS para manobrar ante a
probabilidade de Corea do Norte lance un proxectil balístico, dando paso a
unha renovación do conflito nas illas ao suroeste de Xapón.
O pasado 9 de decembro, o Ministro de Defensa de Xapón, Toshimi Kitazawa,
e o xefe do Estado Maior Conxunto de EEUU, Michael Glenn Mullen,
dialogaron en Tokio, confirmando que fortalecerían a colaboración entre
Xapón, EEUU e Corea do Sur. Mullen dixo que a situación na península
coreana supón o comezo dunha difícil etapa, polo cal resultaría imperativo
impedir a provocación de Corea do Norte mentres se incrementa a relación
mutua cooperativa entre estes países a nivel estratéxico. Mullen tamén
dixo que Xapón debería participar nas manobras conxuntas de EEUU e Corea
do Sur. A pesar da súa proximidade xeográfica, Tokio e Seúl nunca
realizaron manobras militares conxuntas.
Con ocasión do ataque norcoreano ás illas Yeonpyeong, abórdanse diversas
interrogantes: pódese afirmar o reforzamento das relacións entre Xapón,
EEUU e Corea do Sur?. Como é a relación entre estes tres países e China?.
Despois da súa reunión con Mullen, o ministro xaponés de Defensa Kitazawa
afirmou que “Xapón e EEUU son países aliados, pero restan aínda por
resolver algúns problemas con Corea do Sur. Polo tanto, é importante
arranxar esa atmosfera antes de participar en manobras militares”.
Corea do Sur aínda mantén certo resentimento ante as Forzas Armadas de
Autodefensa de Xapón (FAAX) pola colonización nipona da península coreana
(1910-1945). Seúl considera necesario concertar con Tokio o “Acordo de
Adquisición e Servizo Recíproco” (Acquisition and Cros-Servicing
Agreement) e o “Acordo de Seguridade Xeral de Información Militar” (Generel Security of Military Information Agreement). Na situación actual é difícil establecer unha inmediata alianza triangular, escenario que, no
entanto, podería alcanzarse co paso do tempo.
Con todo, esta colaboración tripartita entre EEUU, Xapón e Corea do Sur
provocaría un maior achegamento entre China e Corea do Norte. A
implicación de Washington na política asiática non agrada a China, polo
que a colaboración entre Xapón, EEUU e Corea do Sur podería causar unha
política de bloqueo cara China e Corea do Norte. Beijing está descontento
coas manobras de EEUU e Corea do Sur, razón pola que está reforzando a súa
vixilancia cara Washington. O ataque norcoreano ás illas Yeonpyeong deu a
EEUU unha oportunidade de tomar parte máis activa na política do Nordeste
Asiático, unha vez que China xa tomara a iniciativa.
A propósito da relación entre Xapón e China, Tokio anunciou o pasado 9 de
decembro un borrador final dos “Principios Fundamentais do Plan de
Defensa”, cuxa última revisión data de 2004. Xapón considera que as
melloras en defensa de China é un asunto que inquieta a rexión e a
sociedade internacional, polo que Tokio debe fortalecer a posición
defensiva nas súas illas do sudoeste. Xapón toma moi en serio o feito de
que Beijing insista en reivindicar a súa absoluta soberanía sobre as augas
adxacentes.
Baixo esta perspectiva, Xapón revisa o principio tradicional de “Poder
Defensivo Básico” que redimensiona en todo o seu territorio o labor das
súas FAAX mentres promove un novo principio de “Poder Defensivo Dinámico” que pode implicar, chegado o caso, a mobilización militar. Baseándose
nesta revisión, Xapón vai introducir un novo modelo de avión de caza,
aumentar a 22 o número dos seus submarinos (actualmente posúe 16
submarinos) e reforzar a defensa antimísil, aínda que reducirá os tanques
a 400 dos aproximadamente 600 que posúe actualmente. A adopción destes
principios decidirase ao longo do actual mes de decembro nun Consello de
Ministros. É moi probable por iso que se incrementen as diferenzas entre
Xapón e China.
Rusia tamén forma parte desta estrutura de antagonismos. O pasado 6 de
decembro, un avión ruso cruzou o Mar de Xapón, centro das manobras
militares de Tokio e Washington, polo que as FAAX e o exército
estadounidense decidiron suspender os exercicios que implicaban o uso do
AEGIS. Diversas fontes estiman que esta obstrución expresaría unha medida
de oposición á inspección aérea promovida o pasado 4 de decembro por parte
do Ministro de Asuntos Exteriores de Xapón, Seiji Maehara, no Territorio
do Norte. A relación entre Xapón e Rusia empeorou desde este verán por mor
das controversias territoriais.
Estes antagonismos irán a máis na medida en que perdure a crise na
península coreana. Nese marco, os países veciños esperan dispor da ocasión
para promover iniciativas e alentar as súas potencialidades no delicado
xadrez xeopolítico de Asia Oriental.
|