Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Honduras, un ano despois
 
 
Honduras, un ano despois
Roberto Mansilla Blanco (igadi.org, 24/06/2010)
 
 

Ao cumprirse o próximo 28 de xuño un ano do golpe de Estado en Honduras contra o entón presidente Manuel Zelaya, abórdanse varias conclusións e expectativas sobre un suceso tan rocambolesco como preocupante para o concerto político hemisférico.

Dentro do panorama interno, as elites militares, económicas e relixiosas hondureñas tentan “lexitimar” por todos os medios ao actual presidente Porfirio Lobo, xurdido das viciadas eleccións presidenciais de novembro pasado. Pero o prolongado silencio informativo en torno á Honduras post-golpista oculta igualmente unha sistemática represión oficial e militar cara o Fronte Nacional de Resistencia Popular (FNRP), a plataforma que denunciou o golpe de Estado contra Zelaya.

O FNRP instou á abstención electoral e o descoñecemento da presidencia de Lobo, premendo nas rúas con diversas manifestacións e marchas. Nos últimos meses se denunciaron os asasinatos de xornalistas vinculados ao FNRP, así como as desaparicións de activistas e líderes sindicais.

Estas denuncias foron certificadas a comezos de xuño a través dun informe da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH), sobre a persistencia da violacións de dereitos humanos neste país centroamericano e da “militarización” da sociedade hondureña, como resultado do golpe de Estado.

A“ lexitimación” de Lobo

No apartado do percepción exterior sobre a crise hondureña, a inicialmente ambigua posición de Washington fronte ao golpe contra Zelaya ven dando paso nos últimos meses a unha marcada aceptación da Casa Branca da presidencia de Lobo, instando a través da OEA a que os demais países latinoamericanos finalmente recoñezan a este goberno e que permitan o retorno hondureño á OEA, expulsada tralo golpe a Zelaya.

Igualmente, Washington e Lobo anotáronse un triunfo táctico no recente cumio entre a UE e América Central celebrado en Madrid en abril pasado, co goberno español como mestre de cerimonia. Co apoio estadounidense, Lobo incrementa o seu caudal de apoios a nivel rexional, especialmente de parte dos gobernos de centrodereita como Costa Rica, Colombia e Panamá e do apoio tácito por parte doutros de esquerda como República Dominicana (onde está exiliado), Nicaragua, Guatemala e O Salvador.

Paralelamente, a posición internacional de Zelaya vese notoriamente debilitada, aínda que segue a contar co apoio da maioría dos países sudamericanos, en especial do eixe da ALBA liderado por Venezuela, Bolivia e Ecuador, igualmente agrupados en torno á UNASUR.

Cara outro golpe?

A fin de desactivar paulatinamente a crise interna, Lobo aprobou un salvoconducto con todas as garantías para que Zelaya poida retornar a Honduras a facer fronte á xustiza. Pero, como ocorrera fai un ano co rocambolesco golpe de Estado, o escenario hondureño segue amosando capítulos de incrédula definición.

Lobo ven denunciando a posibilidade dun novo golpe de Estado na súa contra, a tenor do movemento das oligarquías económicas, da cúpula eclesiástica, de certos sectores militares e de afiliados aos partidos Nacional e Liberal, presuntamente molestos polas concesións presidenciais para o retorno de Zelaya.

Diversos sectores da oligarquía veñen denunciando un presunto pacto político entre Lobo e Zelaya para dar curso a un incerto goberno de unidade nacional que deixe por fora aos responsables do golpe de Estado, a cambio dunha clara impunidade xudicial.

Incluso, e ante as presións do FNRP e dos sectores opositores ao golpe de premer popularmente para levar a cabo unha consulta constituínte (matriz primordial que explica o golpe contra Zelaya do ano pasado), Lobo anunciou sorprendentemente en maio pasado a posibilidade de aceptar esta consulta e permitir o retorno de Zelaya, preservando os seus dereitos políticos.

Velaí que Lobo semella loitar contra o tempo na necesidade de avanzar nun pacto segredo con Zelaya, para desactivar a rebelión do FNRP; acelerar co apoio de Washington o definitivo recoñecemento internacional ao seu goberno; e modificar lixeiramente a estrutura institucional de poder en Honduras, “refrescándoa” dos elementos pertencentes aos sectores oligarcas pero sen diminuír substancialmente o seu poder.

Con este convulso panorama interno, resta saber qué sucederá en Honduras en caso de que Zelaya finalmente retorne e cal será a súa actitude ante o goberno de Lobo e a posición da FNRP. A comezos de xuño, Zelaya pediu aos funcionarios do goberno de Lobo que non colaboren coa Comisión da Verdade creada en maio pasado para investigar os sucesos que levaron a golpe de 2009, considerando que a mesma podería preservar un manto de manipulación, impunidade e falacia que derivaría en maior convulsión política e social.

Un ano despois, coas feridas aínda abertas do golpismo e cunha crise económica golpeando seriamente a un dos países máis pobres do hemisferio occidental, Honduras segue sumida nunha misteriosa inestabilidade.

 

Roberto Mansilla Blanco, analista do Igadi.

 
 
 
25/06/2010 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/artigos/2010/rm_honduras_un_ano_despois.htm