Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Baixo o peso da fame
 
 
Baixo o peso da fame
Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 27/05/2010)
 
 

A ONU dinos que a fame vai en aumento no mundo: padécena máis de mil millóns de persoas. As causas son moitas: grandes secas –como no recente caso do Níxer- e as especulacións dos países ricos coas terras dos países pobres, outra forma moderna do peor colonialismo e empobrecemento dos países máis pobres.

Uns sete millóns de persoas – case un 50 por 100 da poboación do Níxer- non dispón dos alimentos máis necesarios e case millón e medio de nenos están en perigo de morte nese país africano, no que houbo unha perda total das colleitas por mor dunha seca que converteu o país nun país de famentos (BBC Mundo.com., 21 maio).

Uns vinte millóns de hectáreas de terra arable do mundo pobre é obxecto de especulación polos países ricos. E outros trinta millóns están sendo hoxe obxecto de negociacións. Pero o 35 por 100 produce agrocarburantes e non alimentos. E estes non os reciben os países pobres senón que dispoñen deles os países ricos, arrendadores e/ou propietarios das terras (Público.es, 22 maio).

Na ONU propúxose que o dereito á alimentación debe ter prioridade por riba do mercado de títulos de propiedade ou de arrendamento de terras, ademais de reforzar os dereitos dos labregos, gandeiros e cazadores ou pescadores tradicionais sobre o chán no que traballan polo seu sustento.

Pero o certo é que a fame creceu no ano pasado en relación co anterior. Unha vez máis lembraremos o que dixera Darwin: “Se a miseria dos nosos pobres non é causada polas leis da natureza, senón polas nosas institucións, que grande é o noso pecado”.

 

Xosé Luís Franco Grande é escritor.

 
 
 
28/05/2010 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/artigos/2010/xfg_baixo_o_peso_da_fame.htm