Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
A senda do PRI
Roberto Mansilla Blanco (igadi.org, 06/07/2010)

Versión para imprimir

 

Triunfando en 10 das 14 gobernacións en xogo nas eleccións rexionais mexicanas realizadas o pasado domingo 4, o Partido Revolucionario Institucional (PRI) avanza na súa perspectiva de regresar ao poder para as eleccións presidenciais de 2012. Con isto, o outrora hexemónico PRI tentará alterar unha década de transición política iniciada en 2000, coa vitoria do Partido de Acción Nacional (PAN), e a súa posterior reelección en 2006.

Nuns comicios marcados polo asasinato a semana pasada do candidato do PRI no estado de Tamaulipas, Rodolfo Torre Cantú, e a arremetida da denominada “guerra do narco” entre os carteis da droga e diversas mafias políticas por lograr o control do Estado mexicano, o PRI logrou consolidarse como o rival a bater nas presidenciais de 2012.

A tal punto está configurada esta perspectiva dun probable retorno presidencial do PRI que o actual gobernante e conservador PAN do presidente Felipe Calderón, e o esquerdista Partido Revolucionario Democrático (PRD), conformaron unha inédita alianza en cinco estados para evitar unha vitoria aínda máis folgada do PRI nestes comicios rexionais. Deste modo, a coalición PAN-PRD logrou arrebatar ao PRI o goberno no estado de Oaxaca, tras oito décadas de hexemonía “priísta”.

Non obstante, “baróns” políticos do PRD como os ex candidatos presidenciais Cuauhtémoc Cárdenas e Andrés Manuel López Obrador (quen perdeu as eleccións de 2006 ante Calderón e o PAN baixo acusacións de fraude) condenaron este pacto de conveniencia PRD-PAN porque, segundo argumentaban, “lexitimaban” a presidencia de Calderón.

A pesar de non alcanzar os 12 estados que o PRI calculaba antes destas eleccións rexionais, está claro que a súa hexemonía política segue sendo o seu mellor puntal para regresar ao poder nacional en 2012. Actualmente, o PRI controla 19 dos 31 estados mexicanos, iniciando a partir de 2008 un proceso de reestruturación que permitiu configurar a base de poder actual en torno á súa presidenta Beatriz Paredes, o gobernante do Estado de México, Enrique Peña Nieto (posible candidato no 2012) e o influente político Mainlo Fabio Beltrones.

En diversos medios e sectores políticos e de opinión pública mexicana, especúlase que o PRI vai verse fortalecido para o 2012 coa candidatura de Peña Nieto, mentres o PRD baralla a posibilidade de elevar como candidato a Marcelo Ebrard, gobernador do Distrito Federal, considerado un dos políticos máis críticos co PRI.

Resta observar se cunha “guerra do narco” estragando os cimentos do Estado e da sociedade mexicana, con máis de 23.000 mortos desde 2007, México está a prepararse para unha nova transición política dentro dun panorama marcado polo poder dos carteis, a corrupción e o sicariato. Así, resulta unha incógnita barallar cal será o futuro político mexicano, tanto como coñecer se a incerta alianza PAN-PRD servirá para amortecer a todo custo un posible regreso do PRI en 2012.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/07/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta