Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
O Santos de Uribe
Roberto Mansilla Blanco (igadi.org, 22/06/2010)

Versión para imprimir

 

Consumada a vitoria electoral presidencial en segunda volta do candidato “uribista” Juan Manuel Santos, o escenario político colombiano afrontará unha serie de expectativas internas, igualmente medidas dentro do contexto rexional.

Unha vez asuma a presidencia a partir de agosto, Santos asegurará basicamente o continuísmo do proxecto político estipulado desde 2002 polo actual presidente Álvaro Uribe Vélez, aínda que mantendo un ton probablemente máis conciliador, tomando en conta que a repentina aparición dunha oposición “alternativa” en mans do Partido Verde e da fórmula Antanas Mockus-Sergio Fajardo podería restar certa capacidade hexemónica para o “uribismo”.

Deste modo, o período 2010-2014 conterá determinadas obrigas inmediatas. Como ministro de Defensa, Santos infrinxiu sensibles derrotas militares á guerrilla das FARC que tentará materializar definitivamente en derrotas políticas no seu novo cargo presidencial. Dobregar militar e politicamente ás FARC para dar curso a un incerto proceso de paz e reconciliación, elementos estipulados no seu programa de goberno, suporá probablemente o maior caudal de concentración política e en materia de seguridade para o novo presidente colombiano.

Con isto, Santos afrontará tres temas sensibles: os dereitos humanos, escenario no que foi constantemente atacado durante a campaña electoral a partir dos polémicos “falsos positivos”, as eventuais execucións extraxudiciais dentro da loita antiguerrilleira; a tensa política exterior cos seus veciños, especificamente Venezuela e Ecuador, neste último caso coa vantaxe de reabrir as relacións diplomáticas con Quito; e  finalmente a consolidación do proxecto de “prosperidade democrática”, idea baseada no mantemento do indiscutible crecemento económico da etapa de Uribe lastrado por preocupantes índices de aumento da pobreza e das desigualdades socioeconómicas. Deste modo, a política social será un reto ineludible a nova presidencia colombiana.

Santos será tamén o presidente que deba asumir a ampliación da cooperación militar con EEUU, a través das sete bases militares estadounidenses en territorio colombiano. Compre considerar tamén a posible expansión do Plan Colombia dentro dunha vertente máis andina, coa presumible aceptación por parte de Perú e a consabida reacción virulenta por parte de Venezuela, Bolivia e un Ecuador que entra agora noutra fase de relación con Bogotá.

Neste sentido, deberá observarse con detemento a evolución (ou posible involución) das relacións diplomáticas entre Colombia e Venezuela. O presidente venezolano Hugo Chávez converteuse no gran actor externo dos comicios colombianos, acusando constantemente a Santos de preservar o “uribismo” e de ser o novo “lacaio do imperialismo estadounidense”. Con este panorama, a constantemente loada capacidade conciliadora de Santos deberá someterse a unha dura proba no marco das relacións co imprevisible mandatario venezolano.

Paralelamente, Santos deberá medir a consistencia dunha oposición “en bancada” manifestada por Mockus e Fajardo, plataforma que podería concentrar unha parte importante do apoio dos sectores de esquerda, dos liberais e dos progresistas. Igualmente, a elevada abstención electoral nesta segunda volta, comunmente atribuída a factores de carácter conxuntural, explica tamén unha opinión pública sumamente crítica coa oferta política, argumentos que Santos, Mockus e o renovado liderado político colombiano deberán igualmente considerar.

Con Uribe na sombra, resta observar cal será a real capacidade de autonomía política do novo presidente Santos, ampliando un intercambio de funcións cuxo símil máis inmediato pode atoparse na dupla Medveded-Putin en Rusia. Imponse así a posibilidade de observar ata qué punto Santos logrará manter a consistencia e unión dentro “uribismo” ou se ben se traducirán posibles fisuras internas.

Deste modo, o próximo período presidencial en Bogotá permitirá considerar se Santos finalmente logrará impoñer as súas ideas e proxectos ou se ben servirá de colofón para un eventual e aínda incerto regreso presidencial de Uribe no 2014.
 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/06/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta