Presenza-Opinión / OutrosVolver a TitularesVolver a Presenza/Outros
Viraxe ao Sur na ONU
Roberto Mansilla Blanco (igadi.org, 17/10/2010)

Versión para imprimir

 

A inclusión de Brasil, India, Nixeria e Sudáfrica na lista de 10 países membros non permanente do Consello de Seguridade da ONU (CSNU) para o período 2011-2013, certifica o ascenso das denominadas “potencias emerxentes” dos países do Sur dentro das institucións internacionais.

Tomando en conta que Rusia e China son membros permanentes do Consello de Seguridade, xunto a EEUU, Gran Bretaña e Francia, para os próximos dous anos este organismo estará conformado por membros non permanentes pertencentes ás dúas plataformas base do “mundo emerxente” do Sur: o Grupo BRIC (Brasil, Rusia, India e China) e o Grupo IBSA (India, Brasil e Sudáfrica) Xunto a estes países destaca tamén a presenza de Turquía, con pretensións de ocupar posicións importantes no taboleiro internacional.

Compre observar que, con 187 votos de 191 posibles, a India foi o país máis votado na Asemblea Xeral da ONU para ser incluído neste grupo de 10 membros non permanentes. Nova Delhi é actualmente membro non permanente no período 2010-2012, polo que a súa reelección reforza as súas demandas de ocupar un asento no Consello permanente. Pouco despois desta votación, Rusia e India anunciaron a realización de exercicios militares conxuntos, un aspecto que reforza as pretensións indias.

Destaca tamén o protagonismo de Portugal, país que sorprendentemente desprazou a Canadá desta lista e, incluso, superou en número de votos a Alemaña, país que xunto á India insiste constantemente na súa inclusión como membro permanente do Consello de Seguridade. A inclusión de Portugal suporá con case toda seguridade un punto a favor das aspiracións de Brasil para formar parte como membro permanente do CSNU, así como pode significar unha xanela clave cara o mundo lusófono.

Esta lista de 15 membros non permanentes se completa con Arxentina, Colombia, Xapón, Líbano, Gabón, Bosnia Hercegovina, Uganda, Austria e Turquía. Pero a votación non estivo exenta de decisións polémicas. Pese a obter 186 votos posibles (o segundo máis votado tras India), a inclusión de Colombia provoca o receo entre países como Bolivia, Ecuador e Venezuela, precisamente por consideralo un “peón de Washington”.

Paralelamente, a presenza africana (Nixeria, Gabón, Uganda e Sudáfrica) tentaría reforzar a atención da ONU sobre o proceso de desenvolvemento nese continente así como no seu futuro político, en especial ante a inminencia de escenarios delicados para a seguridade rexional como son as próximas eleccións presidenciais en Sudán, previstas para finais de xaneiro de 2011, que poden dar curso á separación de facto da provincia de Darfur.

Destaca tamén a escasa presenza do mundo árabe e islámico no próximo CSNU, nun momento sumamente complexo para a situación en Oriente Próximo. A labor posiblemente testemuñal de Líbano, Bosnia Hercegovina e Turquía non garante un peso importante para os países musulmáns ante posibles crises en curso a curto e mediano prazo, como é o caso da tensións de Occidente cara o programa nuclear de Irán.

Por contra, en caso dunha hipotética situación de crise militar contra Teherán, a tensión sobre este tema no CSNU se incrementaría ante a influencia de Brasil e Turquía, países que conforman un eixe alternativo con Teherán, así como do Líbano, país recentemente visitado polo presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad, dentro da conformación de alianzas rexionais con Siria.

Escenarios aparte, o próximo Consello de Seguridade da ONU para o período 2011-2013 terá un marcado peso dos países do Sur, onde cabe destacar o cada vez maior protagonismo de India, Brasil e China. Pode que con esta votación se certifique a inevitable (e absolutamente necesaria) aceleración do proceso de reformas da ONU, en especial co respecto á ampliación dos membros permanentes do seu Consello de Seguridade.
 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/10/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta