Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
O servizo exterior europeo
Xulio Ríos (ECO, outubro/2010)

Versión para imprimir

 

O artigo 27 do Tratado de Lisboa prevé a creación do servizo diplomático europeo co obxecto básico de garantir a coherencia e a coordinación da política exterior e de seguridade da Unión, facilitando a creación dun auténtico servizo exterior con capacidade para asistir ao Presidente da Comisión e do Consello europeo no eido das relacións internacionais. O Servizo debe estar operativo en xaneiro de 2011.

A decisión de crear o SEAE (Servizo Europeo para a Acción Exterior) é froito dunha longa e labiríntica negociación entre os estados e as institucións da UE. O Parlamento europeo, actor clave pero recoñecido cunha función meramente consultiva, ten reivindicado un papel singular no control orzamentario e político do SEAE. No decurso da presidencia española da UE, o 21 de xuño asinouse un compromiso en Madrid entre a Comisión, o Parlamento, e a Alta Representante para os Asuntos Exteriores e a Seguridade da UE, que permitiu que en xullo último os deputados de Estrasburgo aprobaran o proxecto de creación do SEAE.

O SEAE estará ubicado en Bruxelas baixo a dirección da alta representante, a británica Catherine Ashton. Contará cun orzamento inicial aproximado de 8 mil millóns de euros, terá representantes especiais para conflitos ou zonas xeográficas e disporá de 136 delegacións no exterior, uns 6.000 funcionarios dos que uns dous terzos serán permanentes e comunitarios... Como tantas iniciativas da UE será moi singular en relación aos servizos diplomáticos comúns.

As pelexas por definir cotas por país ou por situar a nacionais nos postos chave da súa estrutura, sen afectar por iso á preservación de certo equilibrio xeográfico e paridade veñen dificultando, como cabía agardar, unha conformación na que o criterio do mérito cede ante outras esixencias. Por outra banda, o SEAE terá que delimitar con precisión e cautela as súas relacións con outras institucións da UE, para evitar solapamentos e contradicións coas diplomacias gobernamentais e intergobernamentais, exhibindo as súas mellores artes para xestionar e superar as desunións habituais en materias delicadas e importantes nas que habitualmente os 27 teñen moitas dificultades para falar cunha voz única e común.

O SEAE debera contribuír á elaboración de propostas relativas á política exterior, pero as súas posibilidades son limitadas. A Comisión, por exemplo, manterá as súas competencias en materia de políticas de desenvolvemento e veciñanza, así como canto atinxe ao alargamento ou as cuestións comerciais. Non obstante, de existir vontade política, pode cumprir cunha meta esencial, a de visibilizar a UE como un referente efectivo dunha sociedade internacional multipolar na que ven perdendo influencia.

O SEAE abre a porta para contar cunha diplomacia continental máis activa, o cal non soamente permite, a priori, unha maior incidencia nos asuntos globais, senón que potencia un poderoso factor de reforzamento da identidade europea nun tema que goza de crecente ascendencia nas respectivas opinións públicas.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/09/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta