Presenza-OpiniónVolver a TitularesVolver a Presenza/Nacionalismos occidentais / Nacionalismos occidentais
Escocia cre en si mesma
Ánxelo González Vicente (A Nosa Terra, 09/05/2011)

Versión para imprimir

 

O pobo escocés deu o pasado xoves unha vitoria inesperada, pola contundencia, ao nacionalista Scottish National Party (SNP), que obtivo a maioría absoluta. Dun total de 129 asentos, o SNP obtivo 69, 23 máis que nas eleccións de 2007, deixando o laborismo, segunda forza, formidablemente lonxe, con 37 asentos, 7 menos que nos comicios precedentes.

Os partidos gobernantes en Londres recibiron un severo correctivo, que se materializou na perda de 5 escanos por parte dos conservadores, que pasan a ter 15, e de 12 por parte dos liberal-demócratas, que pasan a ter 5. A política neoliberal galopante aplicada desde Westminster probablemente lembre demasiado a desenvolvida por Margaret Thatcher durante os anos 80, que valeu ao partido de David Cameron o paso a un absoluto segundo plano permanente ao Norte da Fronteira, cando non á marxinalidade. O laborismo encargouse durante a campaña de que o fantasma da dama de ferro estivese ben presente. Pero, por outro lado, a cúpula liberal-demócrata recibe o golpe esperado após o divorcio operado coas súas propias bases, que se ven a si mesmas máis á esquerda que os seus dirixentes e que non dixeren ben a alianza cos conservadores nin a política neoliberal descarnada que se está a desenvolver desde o executivo de coalición.

O laborismo, a única alternativa de goberno en Escocia, obtén o seu peor resultado desde a Devolución de poderes á nación do norte en 1999. Unha Devolución en que demostrou crer pouco durante a campaña, ao apostar por un discurso elaborado en clave londinense. Para o laborismo a conquista do parlamento escocés non era un fin en si mesmo, se non un paso intermedio de cara á recuperación do parlamento e goberno estatais. Deron conta así da importancia meramente instrumental que atribúen a unhas institucións en que o pobo escocés cre cada vez máis. O outro erro foi axitar o fantasma do medo escocés ao conservadorismo, que probablemente supuxo antes un estímulo para votar no SNP.

Mais, para alén dos erros dos demais, o SNP ten consolidado durante os catro anos de goberno en minoría a imaxe dun partido serio e capaz de xestionar razoablemente ben a autonomía escocesa, a pesar das dificultades crecentes. Un partido que reivindica o orgullo e amor polo propio nun país que se consideraba culturalmente ferido: a imposición do inglés en detrimento do galés, a perda de prestixio das súas universidades, a perda das súas industrias emblemáticas, etc. E un partido que se sente máis libre para defender intereses xerais propiamente escoceses: a reivindicación de máis beneficios do petróleo situado en augas propias ou o rexeitamento dos submarinos nucleares británicos nas costas escocesas.

O referendum de independencia que o SNP non conseguiu levar adiante durante a anterior lexislatura terá lugar nesta, con toda probabilidade na súa segunda metade. Desta vez non lle van faltar os apoios necesarios: aos 69 asentos propios aínda compriría sumar o de Margo MacDonald, independente ex-SNP e os dous dos verdes, como mínimo. Agora ben, ninguén ha de confundir a ampla vitoria conseguida polo SNP cunha vitoria do independentismo escocés. No SNP sábeno ben.

O seu maior aliado pro-independentista pode ser o tempo. Non será fácil que o goberno de Londres se poida desmarcar da política de recortes e progresivo desmantelamento do Estado do Benestar que marcan as autoridades económico-financeiras internacionais, e eses recortes encontrarán ao Norte da Fronteira un inimigo forte. O SNP podería capitalizar o descontento que viñesen a xerar, na forma de apoio á independencia, como a única medida profiláctica verdadeiramente eficaz.

 
 

Ánxelo González Vicente,
vicedirector do Igadi.

Ánxelo González Vicente, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Nacionalismos occidentais



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/05/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta