Presenza-Opinión / Oriente Medio Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio
As teses políticas de Al Qaeda fracasaron
Roberto Mansilla Blanco (Galicia Hoxe, 04/05/2011)

Versión para imprimir

 

A morte de Osama bin Laden a mans dun equipo especial da Mariña estadounidense supón un golpe simbólico para a rede terrorista Al Qaeda, que viña perdendo capacidade operativa nos últimos tempos, e tamén un respiro para o presidente de EEUU, Barack Obama, que se afundía nas enquisas de popularidade por causa da crise económica.

"Atopar e liquidar a Bin Laden en Paquistán certifica a idea coa que Obama se presentou como presidente: que Paquistán era o epicentro da inestabilidade global e que se debía combater o terrorismo islamita desde o interior mesmo do país asiático", explica Roberto Mansilla, experto do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi).

O líder de Al Qaeda vivía nunha mansión valorada nun millóns de dólares na cidade de Abbottabad, a 60 quilómetros de Islamabad. Estados Unidos dubida de que o Goberno paquistaní descoñecera a identidade do morador desta casa, que curiosamente se encontra a escasos metros dun centro de formación militar do Exército paquistaní e dun cuartel.

Grazas ó éxito desta operación, Obama conta de novo coa aprobación popular, arrecuncha os republicanos e alicerza un segundo mandato. "Agora pode intensificar a súa estratexia antiterrorista, que centra a política internacional herdada de George Bush, aumentando de novo a inseguridade mundial", puntualiza Mansilla.

Noutro escenario, a indiferenza coa que os gobernos árabes recibiron a noticia da desaparición do líder de Al Qaeda ratifica, segundo o experto do IGADI, a escasa influencia política desta rede terrorista internacional. "O pouco peso das teses de Al Qaeda, que avoga pola creación de estados rexidos pola lei islámica resulta evidente. Ó contrario, o escenario actual que se abre no mundo árabe tende á democratización e á apertura da sociedade", explica. "A morte de Osama bin Laden pode axudar a cambiar a visión occidental sobre o papel dos partidos islamitas moderados no mundo árabe", comenta, incidindo na idea do evidente fracaso político de Al Qaeda na última década.

Por último, Mansilla cre que a desaparición do líder e fundador da rede, que nos últimos anos apenas era máis ca un símbolo e carecía do apoio da cúpula terrorista, seguramente rematará na división do grupo en diferentes células terroristas. Dubida que o cirurxián exipcio, Ayman al Zawahiri, se converta nun sucesor de Osama bin Laden con peso suficiente para manter a rede unida. "Agora, Al Qaeda intentará cometer atentados para amosar a súa unidade fronte ó golpe asestado por Estados Unidos pero co tempo desfragmentarase en pequenas células".

Zawahiri é agora o obxectivo número un do Pentágono. E quizá non tarde unha década en liquidalo.


 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/05/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta