Presenza-Opinión / Oriente Medio Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio
Iraq e as eleccións 2012
Roberto Mansilla Blanco (igadi.org, 20/12/2011)

Versión para imprimir

 

Barack Obama oficializou o pasado 18 de decembro o retiro militar definitivo de EE.UU en Iraq para dar curso á campaña electoral 2012. Tras nove anos de conflito, que cobraron a vida de máis de 100.000 iraquís e provocou un custe aproximado de US$ 1 billón para a economía estadounidense, Washington abandona un país árabe inestable, institucionalmente débil e baixo o constante risco dunha guerra sectaria a longo prazo.

Por tanto, é salientable observar cómo este retiro militar pasou case absolutamente desapercibido en EE.UU, onde as enquisas de 2011 igualmente amosan un cambio absoluto na súa opinión pública co respecto á guerra en Iraq. Se no 2003, ano da unilateral invasión ordenada polo entón presidente George W. Bush, o 70% dos estadounidenses estaban a favor da guerra, as enquisas de 2011 identifican que un 68% dos estadounidenses consideraron a mesma como “un erro”, amosando unha posición contraria e crítica.

Por tanto, pechar o polémico capítulo iraquí nunha conxuntura de crise económica resulta vital para os obxectivos de reelección de Obama nos comicios presidenciais de novembro de 2012. O próximo ano, a Casa Branca espera igualmente acelerar o retiro militar estadounidense de Afganistán, pautado para 2014, nun país onde aínda mantén 90.000 soldados. En Iraq quedarán 50.000 expertos militares, baixo o cargo da CIA e do Pentágono, coa misión de apoiar a unhas forzas de seguridade iraquís con escasa preparación e apoio institucional por parte das novas autoridades.

Co retiro militar, Obama espera frear o custe de ambas guerras no orzamento de defensa para tentar revitalizar unha economía estadounidense que está dando mostrar de certo nivel de recuperación nos últimos meses. Non obstante, a reinserción militar e civil dos soldados que regresan ao seu país tamén suporá un elevado custe social para o seu goberno, un tema álxido especialmente agora que a discusión no Congreso sobre os Orzamentos 2012 está practicamente paralizada pola negativa dos republicanos a apoiar o plan de Obama. En 2010 pagáronse US$ 32.000 millóns en asistencia médica e pensións aos soldados incapacitados pola guerra.

Alén de certificar o cumprimento da súa promesa electoral de 2008, este retiro militar de Iraq non deixa de constituír unha ollada estratéxica de Obama de cara aos acontecementos políticos derivados da incerta Primavera árabe. Aparentemente, Iraq amosase inmune ao impacto destes cambios, probablemente aparcados polo temor do espallamento dun conflito civil con características tribais, rexionais ou relixiosas. Existe preocupación polo posible estalido de tensións no Kurdistán iraquí, escenario que involucraría á veciña Turquía, mentres a influencia iraniana é patente nas rexións controladas polos xiítas.

Por tanto, poucos apostan pola estabilidade dun país institucionalmente fráxil e con autoridades de relativa ou escasa lexitimidade. Ninguén se atreve a estimar economicamente o impacto que tivo a guerra para os propios iraquís, pero as secuelas sociais son evidentes: caos administrativo, violencia e inseguridade. Mentres, as multinacionais petroleiras aceleran os seus plans de extracción, a pesar da desfeita nas infraestruturas. Estimacións da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) consideran que o subsolo iraquí posúe o 4% das reservas petroleiras mundiais e que o país árabe podería producir case cinco millóns de barrís diarios para os próximos anos.

Por outra banda, non semella reflectirse que o triste legado de Washington en Iraq terá algunha influencia na campaña electoral estadounidense de 2012, obviamente a “guerra” que realmente lle interesa gañar a Obama.


 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/12/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta