Presenza-Opinión / Oriente Medio Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio
Obama e Palestina
Roberto Mansilla Blanco (ANT, 23/09/2011)

Versión para imprimir

 

Compre observar ata qué punto o pretendido xiro “multilateral” e aperturista da política exterior estadounidense baixo a presidencia de Barack Obama, pode definitivamente sepultarse ante o anunciado veto de Washington ao recoñecemento do Estado palestino na votación que se levará a cabo o próximo 23 de setembro no Consello de Seguridade da ONU.

Cun Oriente Próximo “inflamado” polas tensións e os conflitos e ante a riada de cambios políticos na rexión, a decisión de Obama complicará seriamente a pretensión de Washington por ofrecer unha imaxe máis crible cara o mundo árabe. Así mesmo, e a pesar de manter un cauto e inédito distanciamento cara Israel dende a súa chegada á presidencia en 2009, Obama finalmente decidiu salvagardar a estratéxica relación de Washington con Tel Aviv, outorgándolle ao seu primeiro ministro, o dereitista Benjamín Netanyahu, un táctico “balón de osíxeno” que lle permita amortecer o inédito illamento rexional que está experimentando Israel nos últimos tempos, especialmente ante achegamento entre actores decisivos na rexión como Turquía e Exipto.

A falta de verificar ata qué punto o contexto rexional está mudando contra os intereses israelís e, en especial, ante as incertezas demarcadas polo audaz xiro da política exterior turca cara o mundo árabe, o veto estadounidense na ONU ao Estado palestino desequilibrará unha balanza seriamente polarizada, evidenciando as presións e manipulacións que Washington ven realizando nos últimos días cara países membros non permanentes do Consello de Seguridade, como Colombia e Alemaña, que igualmente votarán en contra do estatuto palestino.

Con todo, e se ben membros permanentes do Consello de Seguridade como China e Rusia e outros non permanentes como Brasil e Líbano si votarán a favor, Obama encargouse de boicotear a petición do presidente palestino Mahmud Abbas de recoñecer a un Estado baixo as fronteiras anteriores á guerra de 1967, é dicir con Gaza, Cisxordania e Xerusalén Leste baixo soberanía dun hipotético Estado palestino. Unha movida que pasa por alto o feito de que actualmente un total de 122 dos 193 países membros da ONU recoñecen a legalidade e lexitimidade do Estado palestino, un factor que explicaría porqué Palestina tería asegurado o seu asento na ONU no caso de que a votación se realizara na Asemblea Xeral e non no Consello de Seguridade.

Pero non só é Washington o que move fichas no taboleiro. O presidente francés Nicolás Sarkozy tamén exerce unha sutil diplomacia, moito máis enfocada en gañar peso dentro do novo contexto que se abre no mundo árabe, especialmente de cara á posguerra libia e no Magreb. Días antes da votación na ONU, Sarkozy erixiuse como o defensor dun recoñecemento “light” para Palestina, como “Estado observador” dentro da ONU. Así, Sarkozy tenta gañar os puntos que Obama practicamente xa perdeu dentro do mundo árabe.

Coas negociacións de paz paralizadas e o avance do plan de asentamentos xudeus en Cisxordania e Xerusalén Leste levado a cabo por Netanyahu (fálanse xa de 500.000 colonos xudeus asentados nos territorios palestinos, alterando substancialmente o mapa xeográfico e demográfico palestino), poucas expectativas de solución se ofrecen a mediano prazo, independentemente de cal sexa o futuro da votación na ONU sobre o estatuto palestino. A frustración pode medrar nunha nova “Intifada” aderezada polos índices de pobreza e desencanto na poboación palestina, toda vez Tel Aviv tentará reforzar o poder político e ata militar dos colonos xudeus, armándoos ante calquera renovación da violencia.

Un nefasto panorama, igualmente traducido pola falta de visión estratéxica de Obama e a certificación do incumprimento das súas promesas políticas cara o mundo árabe. E un reto ineludible para a ONU, que se xoga na decisión sobre Palestina tanto o seu prestixio como organismo de resolución de conflitos como a necesidade de impulsar un paralizado proceso de reformas internas, moito máis condescendente cos cambios no mapa xeopolítico global.


 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/09/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta