Presenza-Opinión / África Volver a TitularesVolver a Presenza/África
Libia e os seus veciños
Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 28/02/2011)

Versión para imprimir

 

Libia ten moi pouco que ver cos demais países veciños. A súa sociedade é a máis tribal de todos eles; non ten en realidade un exército (Gadafi sempre pensou que non lle conviña para evitar tentacións golpistas); é un país na práctica sen Estado; e as súas institucións son tan rudimentarias que se poden ter por inexistentes.

Pero que non teña un grande exército non quere dicir que careza de medios de defensa, ou non poida armar, como parece que está facendo, á poboación civil e seguidores seus. O que pode determinar que aínda se poida producir unha masacre moi superior ás que se di tiveron lugar nestes últimos días.

En Libia non se ven unhas forzas armadas que poidan garantir unha transición, como parece que hai en Exipto e en Tunisia. Priman as forzas tribais –as que agora din que avanzan cara Trípoli-, ao parecer moi fragmentadas, que só teñen en común a finalidade de botar a Gadafi.

A améndoa da cuestión, pois, non está en Facebook, nin en Twitter, senón en quen ostente o poder coercitivo: este está moi claro en Exipto e en Tunisia; pero en Libia semella moi difuso e, por enriba, pouco coñecido. Nos próximos días saberase se ten razón Berlusconi: que Gadafi xa non ten o control do país.

Por todo isto, pode que a situación de Libia sexa máis difícil que a dos países veciños; e máis preocupante tamén se, como parece,  vai haber unha verdadeira batalla en Trípoli porque se negue Gadafi a abandonar o país. Unha batalla da que só cabe agoirar unha nova desgraza para Libia. “O que non me ama non merece vivir” -parece que é a súa derradeira arroutada. Por agora.
 
 

Xosé Luís Franco Grande é escritor.

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/África



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/03/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta