Presenza-Opinión / África Volver a TitularesVolver a Presenza/África
O porvir de Exipto
Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 22/02/2011)

Versión para imprimir

 

Estamos a ver que dá de si esa “transición ordenada” que Barack Obama pediu (ou máis ben esixiu) aos militares exipcios. Como xa dixemos a semana pasada, non parece que as demandas do pobo vaian ser escoitadas e atendidas. No mellor dos casos, teremos unha solución á turca.

Os militares temen pola perda dos moitos privilexios de que sempre gozaron, e todo indica que non están dispostos a perdelos. A xenreira que sempre lle tiveron a Gamal, o fillo de Mubarak, tiña dous fundamentos: que non era militar e que, por ser partidario das privatizacións, non vían que puidese garantir tales privilexios.

Cabe a posibilidade de que os militares impoñan a súa lei e que tal cousa dea como resultado unha solución á turca. Pero esa non era a urxente demanda das masas que tiveron o valor de saír á rúa esixindo liberdade e dignidade. Moi ben pode suceder que esa vía tímida, se se dese, teña unha segunda parte: unha nova revolta das masas. ¿E isto o que están apoiando os EE UU?.

Pode suceder tamén que se hai unhas eleccións libres e limpas, como prometen os  militares, teñan bos resultados os da Irmandade Musulmá por seren o único partido verdadeiramente organizado: ese feito daríalle unha manifesta superioridade sobre as demais opcións, de cuxa existencia case nin se sabe. ¿Cal sería, nese caso, a actitude dos militares?

O único claro, por agora, é que o exército vai ser o que domine a transición. Se o fai á marxe do que a xente demostrou que quere, ou é morno por demais na súa actitude, tarde ou cedo terá en contra á sociedade exipcia. Entón, pode que en pouco tempo, Exipto exerza a represión, como hoxe Alxeria, Libia, Iemen, Bahréin e outros. Unha incógnita máis entre tan poucas certezas.

 
 

Xosé Luís Franco Grande é escritor.

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/África



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/02/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta