Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia/ Asia
Asia aumenta o seu peso no mundo
Xulio Ríos (ECO, xaneiro/2011)

Versión para imprimir

 

A mundialización está a facer que a vertente do Pacífico (India, China, Australia e os países do Sueste asiático) se afirme como alternativa económica á vertente euroatlántica. Ninguén dubida que, no futuro, esta rexión do mundo terá cada vez máis peso, pero ese futuro, a resultas da crise desatada en 2008, está a visibilizarse xa con toda nitidez axexando mesmo aos países desenvolvidos de Occidente, que hoxe en día non poden vivir prescindindo das economías asiáticas. En suma, o centro do crecemento global estase movendo de Occidente cara Asia.

A maioría dos países da zona caera nunha severa recesión en 2009, pero o auxe das exportacións foi alentando o impulso destes países, permitíndolle sortear con folgura os riscos provenientes da crise europea e o baixo crecemento de EEUU. A entrada en vigor en 2010 da Área de Libre Comercio entre os países da Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN, siglas en inglés) e China, á que se sumarán Xapón e Corea do Sur, conforma un escenario de integración que contribuirá de modo decisivo a realzar o seu protagonismo mundial.  

En conxunto, ao longo do ano 2010, os países do continente asiático, pese ao relativo estancamento de Xapón, demostraron novamente que están superando a crise en mellores condicións que Occidente. China, convertida na locomotora da zona, pasou por diante a Xapón confirmándose como a segunda potencia económica do mundo, cun crecemento que, previsiblemente, roldará o 10 por cento en 2010. O xigante oriental foi dos primeiros países do planeta en superar a crise, converténdose no maior exportador global e no maior mercado de venda de automóbiles. Os paquetes de axuda pública, pero tamén a presenza de circunstancias políticas e valores culturais singulares (que priman a colectividade e a familia) permitíronlle superar a recesión, evitando axustes drásticos e minorando os riscos de conflito social. A visión do mundo que deriva dos seus valores e filosofía, presentes en boa parte dos países da zona, determinan outro modo de facer negocios que, unido á presenza de importantes recursos naturais e demográficos, facilita o crecemento continuo da súa economía. Non obstante, a pesar do elevado crecemento rexistrado en 2010, o rexurdir da inflación e a burbulla inmobiliaria (tamén no mercado de accións) indican tensións estruturais que advirten dun posible requentamento da economía, dificultando a transformación do modelo de desenvolvemento económico. China aposta por unha política monetaria mais ortodoxa en 2011.

Polo que atinxe a Xapón, despois de moderar a forte caída de 2009 (cunha contracción do 5,1%, a maior das grandes economías do mundo), achegou en 2010 claros síntomas de recuperación, pero sen superar de todo as ameazas que a condicionan. O aumento do consumo interno tirou do crecemento, incluso en condicións mellores das esperadas, pero o pesimismo, condicionado pola mala influencia do yen nas exportacións, segue imperando nunha economía que no ano rematado pechou o exercicio con garantías dun crecemento arredor do 2%.

A fortaleza da industria manufactureira, a expansión dos servizos e o reposicionamento da agricultura, incidiron moi positivamente no crecemento da economía hindú, con ritmos próximos á chinesa, amosando capacidades de innovación e transformación que auguran ritmos de elevada expansión nos próximos exercicios. A mellora da situación fiscal e das infraestruturas así como a mitigación das desigualdades sociais (como acontece en China) son desafíos relevantes que deberá afrontar para reducir riscos futuros.

En canto aos catro tigres asiáticos (Hong Kong, Singapur, Corea do Sur e Taiwán) e os países meridionais, tras ser golpeados pola caída do 11,8% no comercio mundial durante 2009, moitas destas economías, con modelos igualmente orientados á exportación, caeron en recesión (Taiwán, Malasia, Tailandia ou Singapur) ou padeceron unha forte  desaceleración (caso de Indonesia e Corea do Sur). As cifras de Taiwán, despois de asinar un importante acordo comercial con China continental en xuño de 2010, poderían superar o 8% de expansión. En Tailandia, pese aos graves conflitos políticos vividos polo país durante boa parte do exercicio, as exportacións e o turismo empuxaron á alza o crecemento, podendo situarse arredor do 5%. En condicións similares atópase Corea do Sur ou Malasia, mentres que Indonesia non soamente rebaixou a súa débeda por debaixo do 30 % do PIB, senón que o crecemento sitúase arredor do 6%. O medre de Singapur podería confirmarse como o maior do mundo, arredor dun 15%, despois dunha contracción do 1,3% en 2009.

Pese a todo, a debilidade da recuperación de EEUU e Europa e a incerteza da demanda global non permitirá grandes alegrías nos próximos anos. Por iso, o continente reflexiona sobre o cambio no modelo de crecemento, apostando por estimular o consumo interno e depender menos das exportacións (responsables por máis do 40% do crecemento de Asia).

Pero cabe resaltar o feito de que non son só China e India os países que brillan en Asia. Son varias as economías rexionais que sorprenden positivamente pola solidez das súas cifras, liderando a recuperación mundial con ritmos envexables de expansión.

Do Ano do Tigre ao do Coello

Os expertos prognostican un crecemento continuo para as economías asiáticas, sinalando os investimentos en infraestruturas, o transporte, as enerxías e as tecnoloxías como os eidos de maior puxanza na rexión. Os vaticinos para o próximo lustro indican que a produción de Asia equipararase a EEUU e Europa. Será entón responsable dun terzo da produción mundial.

Co incremento do seu vigor económico tamén aumentará a súa influencia nos organismos económicos e financeiros a nivel global. Asia suma arredor dun 20 por cento do voto no FMI, pero este irá sumando enteiros coa reforma das institucións globais, un proceso que deu xustamente os seus primeiros pasos efectivos na reunión que o G20 celebrou en Seúl en novembro de 2010.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta