Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
BRICS
Xulio Ríos (ECO, maio/2010)

Versión para imprimir

 

Non cabe imaxinar a día de hoxe un crecemento sostible da economía mundial sen a participación activa dos novos mercados emerxentes. A estabilidade global vai depender en grande medida do rol que desempeñen estas novas realidades, decisivas para impulsar a xestión e a reforma da orde económica internacional.

A rápida emerxencia dos mercados deste grupo de países (Brasil, Rusia, India, China, Sudáfrica) contribúe a dinamizar as respectivas economías internas e facilitan as interaccións en materia de cooperación económica mutua e recíproca. En consecuencia, esta cooperación Sur-Sur, a cada paso máis coordinada, promove o desenvolvemento das economías rexionais e asegura un efecto de conexión entre os diferentes mercados emerxentes. Cada un destes países, en maior medida, China ou Brasil, pero tamén os restantes, impulsan o desenvolvemento no seu entorno inmediato, exercendo de polo dinamizador das economías próximas.

Gran parte dese impulso vese favorecido polas circunstancias de estabilidade política que agroman en cada unha destas realidades. Mais, velaí tamén as súas sombras pola acusada deficiencia dalgúns dos seus sistemas institucionais. China asume unha enorme responsabilidade nese proceso por canto se trata do auténtico motor desta realidade pese a conducirse aínda como un país en vías de desenvolvemento. O seu insubstituíble papel na promoción do desenvolvemento económico rexional e mundial, froito da enorme escala do seu mercado, das súas vantaxes competitivas e do seu crecente poder, ten o contrapunto nunha arquitectura política autocrática que non permite disipar de todo as expectativas dunha inestabilidade que tería efectos demoledores no actual contexto global.

A crecente coordinación entre os BRICS esperta reticencias ante o temor de plasmar certo antagonismo contra os países desenvolvidos de Occidente, correspondendo a unha estratexia do maior xigante oriental para operar unha substitución do liderado global e acumular forzas fronte a aquelas resistencias que se empeñan en negar o cambio de paradigma que se está operando a escala mundial.

Non obstante, son tantas os matices das relacións no seo dos BRICS que fan dificilmente viable calquera alianza que transcenda os lindes da mera vertebración económica e o impulso do crecemento, aspectos que se ben poden entrar en contradición cos países occidentais mais desenvolvidos dificilmente pode conlevar a formación dunha axenda reivindicativa no plano político con efectos plausibles.

A intensificación da cooperación no seo do BRICS pode ter un grande impacto na economía global, resituando o papel de cada quen. Por iso, a súa coordinación é necesaria e beneficiosa. Pero de aí non se vai derivar a formación dunha alianza desafiante que ambicione algo máis que axustes nos esquemas e cotas de representación.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/04/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta