Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
Estados a medio facer
Xulio Ríos (Atlántico Diario, 08/05/2010)

Versión para imprimir

 

Estados de Feito (EDF), seguindo a denominación de Scott Pegg, poden considerarse aquelas entidades secesionistas que reciben apoio popular e que acadaron a capacidade suficiente para proporcionar servizos gobernamentais a unha poboación significativa nun área territorial concreta, sobre a que mantén un control efectivo por un período de tempo prolongado. Poderíamos engadir a esta definición a existencia dun determinado nivel de recoñecemento exterior, se ben excluíndo a participación no sistema de Nacións Unidas. Estamos, pois, ante realidades fácticas semellantes a Estados pero que non podemos cualificar de tal no sentido plenamente formal ao carecer dun recoñecemento xurídico efectivo e maioritario.

Esta particular casuística engloba situacións moi dispares. Fronte ao caso de Taiwán, unha das maiores potencias comerciais do mundo a pesar das súas exiguas dimensións, podemos sinalar outras realidades caracterizadas pola fraxilidade máis absoluta (pensemos en Palestina). Aínda presentando como denominador común un conflito que afecta ao estado preexistente, as súas orixes tamén son diferenciadas: ligadas ao mundo da guerra fría nalgún caso, á fin do mundo bipolar noutros, ou tamén a procesos de descolonización deficientemente culminados.

A inmensa maioría destes EDF subsisten en condicións extremadamente difíciles. En tempos caracterizados pola mundialización e a intensificación das dependencias, o seu contexto interno é de complexa supervivencia, nalgún caso superada en condicións de práctica autarquía, a pesar do habitual apoio dalgún aliado protector, a miúdo insuficiente para colmar as necesidades de integración, repelidas por prudencia. Non obstante, outras veces, os EDF semellan ser máis estado ca outros formalmente recoñecidos e integrantes de Nacións Unidas (pensemos en Taiwán fronte a Somalia).

Tampouco cabe acreditar comportamentos uniformes por parte dos principais actores da sociedade internacional. Se nos referimos a Cosova ou a Osetia do Sur, as actitudes de EEUU e a UE, poñamos por caso, son claramente diferentes das adoptadas por Rusia ou China. En non poucos casos, esta discrepancia obedece a poderosos intereses estratéxicos.

Aínda sendo un número limitado de supostos, o impacto da problemática destes EDF non debe menosprezarse. Pensemos na transcendencia do incremento das tensións no Estreito de Taiwán ou na Transcaucasia, como constatamos na breve guerra do verán de 2008 entre Rusia e Xeorxia. Aínda que situados na periferia do sistema, a capacidade de impacto na axenda internacional segue a ser considerable.

Non cabe, pois, ignorar esta problemática dos EDF. Non son estados soberanos nin pode abordarse a súa situación conforme aos instrumentos convencionais. Por iso precísanse instrumentos innovadores que permitan encarala, a sabendas de que, lonxe da provisionalidade atribuída inicialmente, tenden a permanecer. A actitude que invita a pasar con pes de lá ou desprezar esta realidade non facilita unha aproximación construtiva ao conflito nin axuda á súa resolución. A persistencia de entidades como a UNPO (Unrepresented Nations and Peoples Organization, www.unpo.org), indica a existencia dun fenómeno que a sociedade internacional debe intentar resolver por vías pacíficas e democráticas para que non dexeneren en crises de seguridade ou humanitarias de máis difícil resolución.

Os EDF alertan da existencia de conflitos formalmente intraestatais de difícil saída que cabe inserir nun mundo en proceso de transformación estrutural no que aos episodios de emancipación territorial súmanse outros escenarios de tensión que sintomatizan unha fluidez de límites sensiblemente efémeros e perfís aínda incertos.


 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

O IGADI ven de publicar o primeiro
Informe Mundial de Estados de Feito
, accesible en www.igadi.org.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/05/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta