Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
O Plan de Humala
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 29/07/2011)

Versión para imprimir

 

Ollanta Humala tomou posesión onte da Presidencia de Perú para os próximos cinco anos. O seu compromiso poderíase resumir en transformar o país cunha estratexia de modernización e desenvolvemento con inclusión social. O Plan de Goberno de Gana Perú, a formación que o levou á presidencia en xuño pasado, propugna un cambio radical para desfacerse dun modelo de crecemento neoliberal que acentuou a desigualdade, depredou os recursos naturais, violentou a legalidade e a democracia e non xerou desenvolvemento sostible. Todo o Plan é unha descualificación en toda regra do Consenso de Washington, que se complementa coa aposta por un novo modelo de desenvolvemento, unha “economía nacional de mercado”, con atención á creación de amplos mercados internos, a nacionalización das actividades estratéxicas, a transformación da produción agraria e industrial e o fortalecemento das políticas sociais.

No plano internacional, Humala aposta pola integración andina e rexional, con especial atención a Unasur, destacando a súa vocación latinoamericana como mellor expresión para lidar cun mundo en transición no que cómpre dispor de plataformas potentes de conexión co exterior.

Pese aos vaticinios duns de doutros e hipotéticos acomodos de última hora para tranquilizar aos escuros mercados, todo indica que Humala non seguirá o camiño de Lula nin de Chávez, senón unha senda propia. Perú non é un país petroleiro nin o seu estado conta coa fortaleza institucional que, pese ás súas carencias, podemos constatar en Brasilia. O seu proceso beberá en ambas fontes (e en máis, inclusive), pero debe discorrer a resultas das propias circunstancias, facilitando o nivel de concertación preciso para superar a extrema fraxilidade da gobernanza democrática.

Afirmación nacional e dos intereses da rexión cunha irrenunciable dimensión ética e social na acción de goberno prometen ser os sinais de identidade dun mandato que será analizado con lupa a dereita e esquerda. Non obstante, Humala aínda pode sorprender.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/08/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta