Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Brasil e España: unha relación da “mutua irrelevancia” á “asociación estratéxica”
Roberto Mansilla (igadi.org, 01/03/2012)

Versión para imprimir

 


Se un aspecto identifica a natureza das relacións diplomáticas entre o  Reino de España e a República Federativa de Brasil nos seus case dous séculos de percorrido,  este é o que se denomina a “mutua irrelevancia”(1), é dicir un baixo perfil e de intensidade nas relacións bilaterais; notoria ausencia de conflitos e problemas específicos de relevancia entre ambos países; escasa instrumentalidade diplomática e institucional; e a pouca densidade política e económica, matizada con certo nivel de intensidade a través dunha notable e prolífica relación cultural(2).

O Reino de España foi o último Estado europeo en recoñecer a independencia do Imperio de Brasil en 1834, caso contrario ao rexistrado unha vez Brasil converterase en República a partir de 1889. Non obstante, a persistencia dunha especie de triángulo España-Portugal-Brasil foi un factor que exerceu unha enorme influencia nas relacións bilaterais, xa que durante décadas limitou e, incluso, condicionou as relacións bilaterais hispano-brasileiras, feito basicamente superado co ingreso de España e Portugal na Comunidade Económica Europea (CEE) a partir de 1986(3). Outro factor que identificou con gran importancia as relacións bilaterais hispano-brasileiras foi o aspecto da inmigración española a Brasil desde mediados do século XIX.

O presente traballo abarcará os alicerces desta etapa de “mutua irrelevancia” (1834-1979), que comezou a ser superada coa visita a Brasil do primeiro ministro español Adolfo Suárez en marzo de 1979, sendo así o primeiro alto cargo gobernamental español en visitar ao país suramericano. Dende entón comezou a cimentarse unha progresiva e estreita relación ata abarcar o status actual de “asociación estratéxica”, con especial énfase nas relacións económicas e comerciais, cuxo impulso principal cifrouse co ingreso español na CEE e trala creación do Mercado Común do Sur (MERCOSUR) en 1991, abrindo os canais dunha relación estratéxica entre a Unión Europea e Brasil.

a) A etapa da “mutua irrelevancia” (1834-1979)

A independencia de Brasil co respecto ao Reino de Portugal produciuse o 7 de setembro de 1822, no coñecido como o “Grito de Ipiranga” realizado polo monarca Pedro I, entón Príncipe Rexente posteriormente coroado como Emperador do Brasil. Nese momento, o contexto internacional amosaba unha España concentrada nas campañas militares derivadas dos procesos independentistas en América, toda vez a Europa post-napoleónica configurábase en torno á conformación da denominada “Santa Alianza”, cuxo carácter reaccionario estipulaba precisamente a preservación do seu cometido colonial.

Por tanto, para o Reino de España, o asunto do recoñecemento da independencia brasileira co respecto a Portugal suporía un problema político e estratéxico de enorme importancia tomando en conta que, de formalizalo, estaría por tanto lexitimando aos movementos independentistas das súas ex colonias hispanoamericanas(4). Ante o inicial receo español por recoñecer a independencia brasileira, o Consulado español de Río de Xaneiro serviu como foco de apoio militar e loxístico para as tropas españolas no Alto Perú, así como politicamente como ente de protesta ante o goberno brasileiro en caso de que este apoiara aos movementos independentistas hispanoamericanos(5).

Pola súa banda, Brasil decidiu en 1826 enviar a Duarte da Ponte Ribeiro como Cónsul en Madrid, proceso que paulatinamente levaría ao recoñecemento oficial español da independencia brasileira o 13 de decembro de 1834, tras recibir a Raíña Isabel II as credenciais de Pedro Afonso de Carvalho como representante brasileiro en Madrid(6). Compre destacar que España foi o último Estado europeo en recoñecer a independencia brasileira e que, nas seguintes décadas posteriores, estas relacións bilaterais ben poderían cualificarse de baixo perfil, sen conflitos de relevancia, con escasa intensidade e ausencia clara de intereses comúns, salvo o aspecto derivado da chegada de emigrantes españois a Brasil na segunda metade do século XIX(7). Este é o marco que identifica este nivel de “mutua irrelevancia” e indiferenza existente nas relacións bilaterais hispano-brasileiras.

Nestes anos, só existiu un suceso que provocou a tensión bilateral: a ocupación naval e militar española en 1864 das illas Chincha, pertencentes a Perú, dando paso así a unha intervención brasileira, primeiro ofrecendo a súa mediación no conflito para, posteriormente, bombardear á flota española na localidade chilena de Valparaíso en 1866(8). Dende a perspectiva xeopolítica, pódese intuír que esta intervención brasileira revela a potencialidade e o peso político deste país no contexto suramericano e a súa pretensión por defender e preservar a independencia das nacentes repúblicas hispanoamericanas ante calquera intervención estranxeira, principalmente europea. É salientable considerar que unha boa parte da sociedade brasileira era contraria ao mantemento do sistema colonial e imperial español en América(9), con especial referencia neses anos co mantemento das colonias españolas en Cuba e Porto Rico.

Esta potencialidade de Brasil como actor xeopolítico relevante no escenario rexional suramericano aínda que periférico no contexto do capitalismo global, en especial como produtor de materias primas (café, cacao, caucho) a partir da segunda metade do século XIX, certificouse coa proclamación da República dos Estados Unidos de Brasil en 1889, recoñecida con relativa rapidez por parte do Reino de España o 6 de decembro de 1890. Non obstante, o acervo republicano do novo Estado brasileiro e a preservación dun influxo anticolonialista na sociedade brasileira foron factores que provocaron un certo deterioro nas relacións políticas co monárquico Estado español, especialmente sensible trala caída da I República española (1873-1874) e o conflito nas Antillas co respecto a Cuba e Porto Rico, os cales iniciaron a partir de 1868 os seus respectivos procesos independentistas.

Tralo incidente da explosión da embarcación estadounidense Maine nas costas da Habana en 1898, suceso que deu paso ao espallamento da guerra hispano-estadounidense e á posterior independencia de Cuba e Porto Rico do poder español, Brasil mantivo a súa neutralidade aínda que non dubidou en vender navíos de guerra a Washington, incluso manifestando publicamente a súa simpatía polo éxito militar estadounidense e as respectivas independencias de Cuba e Porto Rico(10). Deste modo, Brasil beneficiouse comercialmente deste proceso independentista desviando ao seu favor o comercio que España mantiña coas illas antillanas.

Superado este impasse nas relacións hispano-brasileiras, o período 1900-1930  non rexistrou maiores cambios na percepción da “mutua irrelevancia” e o baixo perfil das relacións bilaterais. No caso brasileiro, España ocupaba un lugar marxinal na formulación da súa política exterior . Ao mesmo tempo, Brasil activaba a súa tradicional orientación xeopolítica, diplomática e económica cara Europa occidental, en especial Italia, Francia e Alemaña, focalizada na atracción de tecnoloxía industrial, capital financeiro e apoios políticos. Nos casos italiano e portugués, a relación brasileira era moito máis forte ante a crecente persistencia da recepción de emigrantes deses países desde finais do século XIX, coa súa consecuente influencia cultural na sociedade brasileira.

Por tanto, a certificación da caída do imperio español a partir de 1898 motivou a un maior illamento de España nas relacións internacionais e a certificación da súa natureza de “Estado periférico” e marxinal dos centros de poder europeos(11), un aspecto moi relevante dentro da percepción e formulación da política exterior brasileira daqueles anos.

Polo contrario, o interese comercial e económico español cara Brasil, así como a intensificación da emigración española cara ese país, deu paso a que a prensa española outorgara un relevante tratamento sobre a situación interna no país suramericano(12) e as posibilidades que o comercio español tería neste mercado. En 1923, Brasil propuxo a España outorgar o tratamento de nación máis favorecida no terreo comercial, a cambio da aplicación da taxa mínima da tarifa española aos produtos brasileiros.

Non obstante, non sería ata década de 1930 cando acontecerían cambios políticos mais profundos que afectarían sensiblemente as relacións hispano-brasileiras. Este contexto ven determinado pola crise económica internacional (1929); a existencia e potencialidade da URSS a partir da súa creación en 1922; o ascenso dos movementos fascistas e populistas en Europa, incluso cunha leve variante brasileira, como se verá mais adiante; a proclamación da “República Nova” en Brasil (1930), coa chegada ao poder de Getúlio Vargas, convertido en “Estado Novo” a partir de 1937, de corte corporativista e, incluso, simpatizante cos movementos fascistas europeos; a proclamación da II República española (1931); e, finalmente, co espallamento da Guerra Civil española (1936-1939) e a posterior instauración do réxime ditatorial de Francisco Franco.

a.1) O “Estado Novo” de Vargas (1930) e a Guerra Civil española (1936-1939)

A década de 1930 imprimiu un alto nivel de interacción e de tensión nas relacións bilaterais hispano-brasileiras que, paralelamente, influíu con forza nas décadas posteriores, especialmente durante o réxime franquista en España (1939-1976) e a posterior transición democrática non só en España senón tamén en Brasil, tralo período da ditadura militar (1964-1985).

Os acontecementos políticos mais relevantes se cifraron na instauración en Brasil da Revolución de 1930, que deu paso ao ascenso de Getúlio Vargas ao poder, así como do proceso constituínte celebrado en 1933 e a posterior proclamación do Estado Novo por parte de Vargas tras o golpe de 1937. Paralelamente, foron os anos de tensión en España trala proclamación da II República (abril de 1931) e do espallamento da Guerra Civil (1936-1939), evento que igualmente provocou un forte interese e unha gran polarización sociopolítica en Brasil.

Durante a etapa da II República española, comprendida entre a súa proclamación o 14 de abril de 1931 ata o golpe militar franquista do 18 de xullo de 1936, as relacións hispano-brasileiras pasaron por intensos e contraditorios períodos de aceptación e rexeite. A República instaurada por Getúlio Vargas congratulouse inicialmente coa proclamación republicana en España mentres que na Constitución da II República española, no seu artigo 24.2, mencionábase expresamente a Brasil recollendo a posibilidade de conceder a cidadanía española “a todos aqueles naturais de Portugal e dos países hispánicos de América, incluíndo a Brasil”(13). Deste modo, certificábase a importancia de Brasil na política exterior española.

No obstante, e durante a evolución da II República española, o réxime de Vargas deu paso a un período de tensións a tenor do seu marcado talante anticomunista e autoritario (14). O deterioro foi evidente unha vez Vargas comezou a manifestar maior apoio aos sectores fascistas e do movemento falanxista español, distanciándose do goberno da II República española unha vez Vargas (a pesar da súa  pública e inicial posición de neutralidade ante o conflito) tomara partido a favor do golpe militar de Franco en xullo de 1936.

Posteriormente, o fait accompli da ruptura de relacións de Vargas coa II República española certificouse coa clausura dos Centros Republicanos de Brasil a partir de 1937; cos ataques de milicianos republicanos á embaixada brasileira en Madrid a fin de “evitar que desertores e elementos fascistas alcanzasen o refuxio diplomático”; da expulsión de Brasil dos emigrantes españois leais á República; do golpe militar de Vargas en 1937 para instaurar o réxime corporativista do Estado Novo; e, principalmente, coa decisión de Vargas de estar disposto a recoñecer ao réxime franquista vencedor da Guerra Civil española a partir de marzo de 1939(15).

Non obstante, compre sinalar que a pesar de que a participación directa de cidadáns brasileiros na Guerra Civil española foi mais ben escasa, si que existiu unha forte simpatía pola República española en diversos sectores políticos e sociais brasileiros(16), obviamente contrarios ao réxime corporativista e proto-fascista de Vargas. O impacto da Guerra Civil española, irradiando certo nivel de polarización sociopolítica en Brasil, perdurou incluso trala morte de Vargas (1954) e durante a existencia do réxime franquista en España, implicando a diversos sectores intelectuais, políticos e estudantís brasileiros nas mobilizacións e protestas a partir da década de 1960, fronte á embaixada española de Río de Xaneiro e o Consulado de São Paulo, pedindo polo retorno da democracia en España(17).

Compre finalmente observar neste apartado que o prolongado réxime de Vargas iniciado en 1930 e asentado co golpe de 1937, durou ata 1945. Neste período, a neutralidade brasileira durante a II Guerra Mundial (1939-1945), inicialmente pedida pola Alemaña nazi e a Italia fascista, derivou posteriormente e a tenor da presión das potencias aliadas con EUA e Gran Bretaña á cabeza, no distanciamento de Vargas dos réximes fascistas europeos, a tal punto de declarar a guerra a Alemaña e Italia en agosto de 1942. Obviamente, esta condición deteriorou as relacións do goberno de Vargas cos réximes filo-fascistas de Franco en España e António de Oliveira Salazar en Portugal, incluso dando paso á supresión das actividades da Falanxe española en territorio brasileiro(18).

A caída do réxime de Vargas en 1945 e a súa substitución polo xeneral Dutra inseriu a Brasil dentro da esfera de influencia e interese estadounidense e das potencias aliadas vencedoras da II Guerra Mundial, evidenciando un nivel de distanciamento nas relacións brasileiras coa España franquista e o Portugal “salazarista”. Aínda que Vargas retornou en 1951 á presidencia ata o seu suicidio en 1954, o estado das relacións bilaterais hispano-brasileiras evidenciaron ese distanciamento e o nivel de baixo perfil.

a.2) O triángulo España-Brasil-Portugal

Merece un apartado considerar a persistencia dunha relación triangular entre España, Brasil e Portugal como eixe vertebrador (fundamentalmente nos aspectos político e cultural) das relacións bilaterais hispano-brasileiras, un elemento que exerceu un factor condicionante incluso ata 1986, con ingreso español e portugués na CEE.

Tomando en conta a tradicional afinidade, principalmente cultural, entre Brasil e Portugal anteriormente descrita noutro artigo(19), compre considerar que España observou a Brasil como un escenario proclive para a inserción da lingua e cultura española, un aspecto que motivou fortes receos e controversias con Portugal. España vertebrou así unha política de “Hispanidade” en Brasil que provocou inquietudes en Madrid unha vez Portugal e Brasil subscribiran en 1953 o Tratado de Amizade e Consulta.

Por tanto, o réxime franquista descifrou unha política “pragmática” pero non menos intervencionista ao tentar aproveitar esta inserción portuguesa en Brasil a través deste tratado, considerando que o achegamento entre Lisboa e Río de Xaneiro podería servir como trampolín para unha maior inserción española nos países latinoamericanos. Paralelamente, o réxime franquista observou a Brasil como un actor relevante para romper o illamento internacional que sufriu España nas décadas de 1940 e 1950, tomando en conta a persistencia dun réxime autoritario de carácter fascista(20).

Non obstante, aconteceron leves tensións nas relacións hispano-portuguesas pola visión española de penetrar culturalmente en Brasil. En 1952 creouse o Instituto Brasileiro de Cultura Hispánica na Universidade de Río de Xaneiro. Para 1956, Madrid anunciou a apertura dos Institutos Hispánicos en Río de Xaneiro, condición que provocou unha enérxica protesta por parte do embaixador portugués en Brasil(21) pola “penetración española” no Brasil. Aínda así, a superación dos receos entre Lisboa e Madrid permitiron vertebrar unha relación moito máis fluída neste triángulo que, definitivamente, certificaron a súa consistencia co ingreso ibérico na CEE a partir de 1986 e a observancia mutua de Brasil como un “actor emerxente” e un “socio estratéxico” no contexto internacional.

a.3) A visita de Kubitschek e as sinerxias das ditaduras militares (1961-1975)

Aínda que preservando a súa baixa intensidade, as décadas de 1950 e 1960 evidenciaron un reordenamento das relacións hispano-brasileiras, especialmente pola constatación dunha nova vaga de emigración española a Brasil, a cal entre 1931 e 1960 calculouse en aproximadamente 120.000 españois(22), así como polo ascenso de Brasil a través dos seus programas de desenvolvemento económico e de atracción de man de obra barata.

A rexión de São Paulo concentrou a maior parte da emigración española en Brasil, con aproximadamente 350.000 persoas. Paralelamente, na década de 1960 comezou a ser evidente a capacidade asociativa da emigración española, coa creación de diversos centros galegos, asturianos, vascos, cataláns, etc, que permitiron inserirse na sociedade brasileira a través da confluencia de relacións culturais e sociais(23). En 1960, Brasil e España asinaron un Acordo de Emigración orientado a regular o fluxo inmigrante e asentar os niveis institucionais de cooperación bilateral nesta materia. Este acordo completouse en 1969 cun Convenio sobre a Seguridade Social que recoñeceu o principio de reciprocidade nos beneficios dos réximes vixentes de seguridade social(24).

Este marco nas relacións bilaterais hispano-brasileiras deu paso a que, en xaneiro de 1956, o entón presidente electo Juscelino Kubitschek, converterase no primeiro alto mandatario brasileiro en visitar España. Como ocorrera posteriormente coa súa visita a Portugal en 1960, Kubitschek logrou unha notable empatía persoal co ditador Francisco Franco, quen observou esta visita como a evidencia da normalización das relacións hispano-brasileiras e como unha xanela exterior que permitira mitigar o prolongado illamento internacional do seu réxime(25).

Trala visita de Kubitschek e principalmente coa década de 1960, Brasil comezou a mudar a súa tradicional visión de observar a España como un actor marxinal da súa política exterior, a favor dunha maior concreción de intereses principalmente de carácter económico e comercial, considerando que España podería ser un socio relevante no proxecto “desenvolvista” brasileiro. Kubitschek foi o primeiro quen propuxo en Madrid a posibilidade de ensinanza obrigatoria do español nos estudos secundarios en Brasil(26). Coa visión do réxime franquista de observar a Brasil como un apéndice da “hispanidade”, a relación cultural comezou a ser mais prolífica, coa apertura de Institutos Brasileiros de Cultura Hispánica e de Centros Culturais españois en Brasil e a subscrición do Acordo Cultural Brasil-España en xuño de 1960.

A relación bilateral hispano-brasileira adquiriu igualmente un carácter de sinerxia política co golpe militar de marzo de 1964 en Brasil e a asunción ao poder da xunta militar en Brasilia, capital do país desde 1960. O talante anticomunista e de fortalecemento do desenvolvemento industrial como elemento de inserción na economía internacional imposto pola xunta militar brasileira aceleraron as empatías políticas co réxime franquista(27), fundamentado igualmente co autoritarismo militar e a persecución da oposición política e dos movementos esquerdistas, confluídos no caso brasileiro na proliferación de guerrilla urbanas. 

Desde o golpe de 1964, o réxime militar brasileiro acelerou unha campaña internacional orientada a “lavar a súa imaxe”, con especial referencia en focalizar o golpe como a “Revolución de 1964”, así como en outros apartados máis polémicos como o decreto da Acto Institucional Nº 5, que establecía a censura de prensa, a supresión das actividades lexislativas, a abolición do habeas corpus e a supresión dos dereitos políticos e cidadáns, entre outras disposicións. Neste cometido, a xunta militar brasileira tivo na España franquista un aliado importante, especialmente en mans do seu Ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne, quen ocupou este cargo no período 1962-1969. Fraga Iribarne declarou entón que “ningún otro país mejor que España tenía condiciones para comprender y aceptar medidas como las del Acto Institucional Nº 5, que perseguían preservar el orden y hacer frente a los actos subversivos de la extrema izquierda”(28).

Esta sinerxia política ampliouse no apartado económico coa creación en 1964 do Grupo Mixto hispano-brasileiro, orientado á promoción das misións comerciais e a posibilidade de intercambios tecnolóxicos e industriais. A partir de 1966, ambos países negociaron incluso un acordo de cooperación para o uso pacífico da enerxía nuclear, o que deu paso á subscrición deste acordo en Madrid en maio de 1968, entrando en vigor en 1970(29). Non obstante, si se presentaron diverxencias noutros ámbitos, tales como a oposición brasileira a que a Conferencia das Nacións Unidas para o Comercio e o Desenvolvemento (UNCTAD polas súas siglas en inglés), cualificara a España como “país en vías de desenvolvemento”, especialmente á hora de beneficiarse do sistema de preferencias xerais.

Mantendo unha relación de cordialidade política e económica, a España dos últimos anos do franquismo e o Brasil do réxime militar seguiron transitando por unha relación bilateral onde a “mutua irrelevancia” seguiu levemente predominando. Só a morte do ditador Francisco Franco en novembro de 1975 e o gradual proceso de transición democrática española evidenciaron a asunción dunha nova etapa nas relacións hispano-brasileiras, que coincidiu coa diminución da represión política en Brasil a finais da década de 1970 e a aceptación, a partir de 1979, dun proceso igualmente gradual de transición democrática. Por tanto, 1979 marca un comezo nas relacións bilaterais entre ambos países, nunha conxuntura onde a transición democrática española serviu de referencia política para Brasil ao mesmo tempo que comezou a fraguarse mutuamente unha visión de “asociación estratéxica”, principalmente no apartado económico.

b) A visita de Adolfo Suárez a Brasil e as bases da “asociación estratéxica” (1979-2011)

Cunha España en plena transición democrática baixo o goberno de Adolfo Suárez que coincidiu, paralelamente, coa promulgación a partir de 1974 dunha serie de aperturas políticas graduais no Brasil que tiveron a súa maior concreción durante o mandato do xeneral João Figueiredo (1979-1985), as relacións bilaterais hispano-brasileiras abriron unha nova etapa que, a grandes resgos, predomina case invariable ata hoxe.

A evolución da transición democrática española comezou a impoñerse como tema de referencia no discurso político e nos medios de comunicación brasileiros entre finais da década de 1970 e comezos de 1980, unha vez o goberno de Figueiredo abriu as perspectivas de pluralismo político coa elección indirecta de Tancredo Neves como vicepresidente. Neves logrou o cometido de agrupar aos diversos partidos e movementos de oposición política ao réxime militar(30). Este proceso deu paso a unha maior concreción de intereses comúns nas relacións hispano-brasileiras, que desembocaron na visita a Brasil do xefe de goberno español Adolfo Suárez, acaecida en agosto de 1979, e que simbolicamente constituíu a primeira visita dun presidente do goberno español nos, ata entón, 157 anos de independencia de Brasil.

Alén do significado histórico e da apertura dunha nova etapa política entre ambos países, a visita de Suárez tivo un forte significado económico, derivado dos problemas de déficit comercial español co respecto a Brasil e da necesidade de cooperación bilateral(31). Compre observar que Suárez imprimiu unha nova concepción da política exterior española cara Brasil, “presidida por los principios democráticos, por el respeto a los derechos humanos y por la cooperación mas intensa, lejos del tinte paternalista de la política de Hispanidad auspiciada por Franco”(32).

A visita de Suárez serviu de referencia para os posteriores encontros e visitas bilaterais, especialmente a que realizaron os Reis de España a Brasil en 1983 (repetida no ano 2000) e, posteriormente, dos distintos xefes de goberno españois e brasileiros, onde destacou con especial significado político a que realizara o entón primeiro ministro socialista Felipe González en 1987, no marco do proceso constituínte en Brasil que levou á promulgación da actual Constitución de 1988.

Por tanto, estas visitas e a intensificación das relacións bilaterais a partir de 1979 ilustran un paulatino proceso de superación da “mutua irrelevancia” que por décadas identificou as relacións hispano-brasileiras, por unha nova modalidade de relación que progresivamente destacaba a importancia da “asociación estratéxica” ou da “relación privilexiada”, contida na ampliación dos intereses comúns, aínda que basicamente determinados por prioridades de índole económica.

No caso brasileiro, destaca a visita de Figueiredo a España en 1984, tras invitación dos monarcas españois, e que significou a primeira visita dun xefe de goberno brasileiro ao país ibérico trala realizada por Kubitschek en 1956. Exemplo repetido en xaneiro de 1985, cando o entón electo presidente brasileiro Tancredo Neves visitou España, sendo o primeiro xefe de goberno civil brasileiro en visitar este país, precisamente tras Kubitschek e ante a ausencia de visitas durante o réxime militar instaurado en 1964.

En maio de 1991, o entón presidente Fernando Collor de Melo(33) iniciou unha xira por España, respectando unha dinámica de visitas bilaterais que continuou co seu sucesor presidencial Itamar Franco en 1994. A visita de Collor de Melo permitiu subscribir a Acta de Bases do Tratado de Cooperación e Amizade, finalmente asinado en xullo de 1992 no marco do II Cumio Iberoamericano de Madrid e que entrou en vigor a partir de 1994. Este tratado reflectiu a importancia que Brasil lle outorgaba a España como socio estratéxico, xa que ampliou as modalidades de cooperación en materia económica, financeira, técnica, científica, tecnolóxica, cultural e consular(34). Este acordo estipulou igualmente un substancial acordo económico valorado en US$ 3.000 millóns, na que España facilitaría créditos e investimentos mutuos con Brasil no período 1992-1995.

Estas visitas acrecentaron a visión brasileira de considerar a España como un socio importante en Europa e, de parte española, a sentar as bases da “asociación estratéxica” con Brasil. Neste apartado, tivo un papel importante nas relacións bilaterais o tema da integración. Persuadidos da necesidade de implicarse nos procesos de integración rexional para inserirse con mais fortaleza dentro da globalización económica, tanto en España como en Portugal acontecen a mediados da década de 1980 unha serie de procesos paralelos de integración, sendo o mais significativo o seu ingreso conxunto na Comunidade Económica Europea (CEE) en xaneiro de 1986.

Pola súa banda, o Brasil que consolidou a súa transición democrática en 1985 coa elección de José Sarney como presidente, subscribiu en 1986 o Programa de Integración e Cooperación Económica (PICE), mellor coñecido como o Acordo Sarney-Alfonsín, en referencia aos mandatarios brasileiro Sarney e o falecido ex presidente arxentino Raúl Alfonsín. O PICE foi a referencia clave da integración non só brasileiro-arxentina senón tamén sudamericana, e que definiría a creación en 1991 do Mercado Común do Sur (MERCOSUR), ampliado cara Paraguai e Uruguai. Paralelamente, a creación dos Cumios Iberoamericanos a partir de 1991 imprimiu de maior relevancia as relacións bilaterais hispano-brasileiras, precisamente co obxectivo de concretar axendas comúns nos foros internacionais.

b.1) O apetecible mercado brasileiro

Con España dentro da CEE e ante a pretensión da diplomacia española de outorgarlle a América Latina un lugar preponderante na axenda exterior europea, Brasilia concibiu a Madrid como un socio estratéxico valedor das posicións brasileiras no comercio internacional, especialmente cara Europa, nun marco de actuación que definirá co paso do tempo a asociación estratéxica entre Brasil e a Unión Europea. Ao mesmo tempo, esta “asociación estratéxica” hispano-brasileira no marco da UE e do MERCOSUR permitiría a ambos países imprimir un maior peso as súas demandas e inquietudes nos foros multilaterais tanto rexionais como internacionais(35).

Ao mesmo tempo que avanzaban as relacións bilaterais principalmente en materia de cooperación económica e España avanzaba na concreción dun nivel socioeconómico superior grazas ao seu ingreso na CEE, comezou igualmente a observarse dende Madrid con maior inquietude a evolución económica brasileira, en especial ante as súas recorrentes crises financeiras (crise da débeda externa a partir de 1982), depreciacións monetarias, elevados niveis de inflación e, incluso, de hiperinflación (calculada en 5.000% entre 1990 e 1993) que viviu o país suramericano entre mediados da década de 1980 e mediados dos anos 1990.

Paralelamente, durante a breve presidencia de Fernando Collor de Mello (1990-1992), favorecedor da predominante visión neoliberal aplicada en América Latina desde mediados da década de 1980, Brasil iniciou un acelerado plan de privatizacións nas que se beneficiaron amplamente as multinacionais españolas, como Telefónica, BBVA, Repsol YPF, Banco Santander Central Hispano (BSCH) e Iberdrola, entre outras. Estas privatizacións en Brasil foron impulsadas de forma acelerada durante o goberno de Fernando Henrique Cardoso (1995-2003), nas que Telefónica consolidouse como a primeira multinacional española no mercado brasileiro(36), e que posibilitaron que para o ano 2000, España liderara a lista de países con investimentos no mercado brasileiro.

En particular, as empresas españolas perseguían en Brasil uns marxes de lucro e índices de rendabilidade moito maiores e máis rápidos cos obtidos no mercado europeo(37). Para o ano 2000, Telefónica controlaba o 25% do mercado brasileiro, con trece millóns de clientes. Nese ano, o BSCH ingresou con maior forza no mercado brasileiro coa privatización da entidade BANESPA. Pola súa banda, BBVA adquiriu en 1998 a maioría das accións do Banco Excel Económico, mentres ENDESA e Iberdrola beneficiáronse da privatización da Compañía de Electricidade de Río de Xaneiro, da Compañía Eléctrica do Ceará, da Compañía de Electricidade do Estado da Baía e da Compañía Enerxética de Río Grande do Norte. Grazas a unha concesión da estatal PETROBRAS, Repsol YPF adquiriu diversos xacementos e refinerías no sur, centro e sueste brasileiro, mentres o Grupo SOL MELIÁ e outras empresas como GAMESA, RENFE e CAF tamén ingresaron neste mercado coa adquisición de diversos complexos hostaleiros, empresas aeronaúticas e liñas férreas(38).

b.2) O Plan Real, a xestión de Fernando Henrique Cardoso e a concreción da “asociación estratéxica” (1995-2003)

Un momento importante do relanzamento económico de Brasil e da superación dos seus problemas económicos foi a adopción do denominado Plan Real durante o mandato presidencial de Fernando Henrique Cardoso (1995-2003).

O Plan Real estipulaba unha política económica que “redefinía o papel do Estado e asignaba á empresa privada e aos investimentos estranxeiros unha responsabilidade ampliada no desenvolvemento económico brasileiro”(39). O seu obxectivo principal foi o control da inflación e un crecemento económico sostido. O mesmo serviu ao Brasil para superar os embates provocados por diversas crises financeiras internacionais, especialmente o “efecto tequila” da crise económica mexicana en 1994; a crise do sueste asiático de 1997; a crise rusa de 1998 e as súas repercusións na depreciación da moeda brasileira, o Real, e das crises na Bolsa de Valores brasileiras en 1994 e 1999.

A consolidación do Plan Real permitiu moderar positivamente a balanza comercial hispano-brasileira, tema que motivou friccións bilaterais no pasado. Entre 1996 e 1997, España consolídase como un relevante socio comercial brasileiro, con índices de intercambio en torno aos US$ 1.200 millóns(40). Por tanto, o Plan Real permitiu “quebrar de forma repentina un longo tempo de estancamento nas relacións económicas e comerciais bilaterais (…) que levaron ao presidente Cardoso a visitar España en varias ocasións”(41).

Cardoso asumiu un estilo propio na condución da política exterior e da política económica brasileira, coa finalidade de elevar o perfil exterior do seu país. A partir de 1996, o plan de privatizacións de empresas públicas brasileiras adquiriu un factor relevante para a presenza española en Brasil, xa instaurada anteriormente durante o período presidencial de Collor de Melo, e que permitiron que para o ano 2000, España se convertera no principal país inversor no mercado brasileiro.

Deste modo, o goberno de Cardoso coincidiu cos intereses empresariais españois e coa visión do entón xefe de goberno español José María Aznar (1996-2004) de outorgarlle ao sector empresarial un papel protagónico na intensificación das relacións bilaterais hispano-brasileiras(42). No período de goberno de Cardoso, as diplomacias brasileira e española aceleraron os seus contactos a través das visitas de Felipe González e Aznar a Brasil e do propio Cardoso a España, así como en foros multilaterais como os Cumios Iberoamericanos e da Unión Europea con América Latina e o Caribe. En 1995 asinouse o Acordo Marco Interrexional de Cooperación entre a Unión Europea e o MERCOSUR.

Outro apartado ten que ver cunha ampliación de perspectivas trala introdución dun inédito actor na relación bilateral hispano-brasileira, tal como foi a participación das Comunidades Autónomas do Estado español, con frecuentes visitas a Brasil, entre as que destacan as cinco visitas do ex presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga Iribarne (1991, 1995, 1997, 1998 e 1999); do ex presidente da Generalitat de Catalunya Jordi Pujol (1988, 1997 e 1998); os dous Lehendakaris vascos Ardanza e Ibarretxe (1998 e 2003); do presidente da Comunidade de Madrid, Alberto Ruíz Gallardón (1998); Juan José Lucas da Comunidade de Castela e León (2000); e Miguel Sanz da Comunidade Foral de Navarra (2000)(43).

No plano político, o período de Cardoso tamén caracterizouse pola innovación doutro nivel de relación bilateral, contido nas relacións dos partidos políticos españois e brasileiros. Así, foron frecuentes os contactos e visitas entre representantes do Partido Popular (PP) e do Partido do Fronte Liberal (PFL), así como do Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB) co PSOE español, ante a súa pretensión de ingresar na Internacional Socialista a partir do ano 2000. Pola súa banda, o Partido dos Traballadores (PT) de Lula da Silva, mantivo os seus fortes lazos coas centrais sindicais españolas así como coa fundación Alternativas (PSOE), a través da inserción da Fundación Perseu Abramo(44). Ao mesmo tempo, a constitución do Grupo de Amizade España-Brasil permitiu a conexión e interacción entre os Congreso español e brasileiro, tomando especial relevancia as visitas a Brasil da Mesa e Delegación do Parlamento de Galicia(45).

b.3) A presidencia de Lula da Silva (2003-2011)

A vitoria electoral de Lula da Silva (PT) en outubro de 2002 e a súa ascensión presidencial en xaneiro de 2003 foi recibida con beneplácito e cun impacto positivo en Madrid. A súa ortodoxia económica, pragmatismo político e diplomático e compromiso coa superación da pobreza, da desigualdade socioeconómica e a loita pola xustiza, inseridas no seu programa de goberno, intensificou a imaxe positiva de Lula na opinión pública española e na súa clase política e empresarial, reflectida coa concesión en 2003 do Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional(46).

A pesar das diferenzas de carácter político entre o goberno de Lula e o entón gobernante José María Aznar, a primeira visita oficial do novo mandatario brasileiro a España en xullo de 2003 afianzou aínda mais o carácter de asociación bilateral estratéxica, concretando así novos acordos de investimentos e o compromiso español de colaborar co programa Fame Cero(47), bastión clave da política social de Lula. Trala visita de Aznar a Brasil en outubro de 2003, e no marco do XIII Cumio Iberoamericano de Santa Cruz de la Sierra (Bolivia) celebrado en novembro de 2003, asinouse o documento final de asociación estratéxica que contiña catro campos definidos de actuación(48):

  • Permanente diálogo bilateral a través de mecanismos diplomáticos;
  • Accións conxuntas de cooperación en materia de desemprego e promoción da inclusión social;
  • Fortalecemento dos vínculos económicos e comerciais existentes;
  • Cooperación educativa, conservación do medio ambiente, colaboración científico-tecnolóxica e recuperación do patrimonio histórico.

Un avance significativo, principalmente en materia política, ocorreu coa vitoria de José Luís Rodríguez Zapatero (PSOE) nas eleccións xerais españolas de marzo de 2004, en particular ante a estreita sintonía política e ideolóxica entre Zapatero e Lula.

Tralas visitas a Brasil do entón ministro de Asuntos Exteriores Miguel Ángel Moratinos en xullo de 2004 e especialmente de Zapatero en xaneiro de 2005, Brasilia e Madrid adoptaron posicións comúns no que respecta á reforma das Nacións Unidas, principalmente pola pretensión brasileira de ampliación do Consello de Seguridade; a loita contra a pobreza; o cumprimento dos Obxectivos do Milenio e do Protocolo de Kyoto contra o cambio climático; a axilización das estancadas negociacións entre a UE e o MERCOSUR; a inclusión da ensinanza do español nos currículos de educación secundaria en Brasil, así como maior reciprocidade para a ensinanza do portugués en España; a creación do Plan de Partenariado Público-Privado (Parcerías Público-Privadas ou PPP) e a execución do Plan de Asociación Estratéxica.

Durante esta visita de Zapatero asinouse a Declaración de Brasilia, documento marco que define a aposta estratéxica española por Brasil no contexto de América do Sur(49), consolidando así a Asociación Estratéxica España-Brasil. Posteriormente, en febreiro de 2005, visitou Brasil o Príncipe Felipe de Asturias, imprimíndolle un carácter de maior relevancia institucional ás relacións bilaterais entre ambos países.

Unha vez alcanzada a súa reelección presidencial en outubro de 2006, Lula realizou unha nova visita a España en setembro de 2007, na que presentou o Plan de Aceleración de Crecemento (PAC) impulsado polo seu goberno. Este programa prevía de investimentos valorados en US$ 260.000 millóns ata o 2010, con especial énfase en potenciar a presenza española en Brasil como segundo maior investidor estranxeiro, por detrás de EUA(50).

A derradeira visita de Lula a España en calidade de presidente foi en maio de 2010, durante unha xira que levouno por Rusia, Qatar, Irán, España e Portugal. Xa como ex presidente pero figura importante na promoción exterior de Brasil, Lula volveu a España en abril de 2011, sendo recibido por Zapatero, para recibir en Cádiz o III Premio “Libertad Cortes de Cádiz” polo seu labor na loita a favor da xustiza e a paz e contra a pobreza e a exclusión social(51).

O período 1995-2010 certificou os alicerces da relación bilateral de asociación estratéxica impulsada a partir de 1979, coa visita de Adolfo Suárez a Brasilia. Pero non foi un labor unicamente limitado aos contactos institucionais e políticos. Tal e como manifestara Celso Amorim, ministro de Exteriores brasileiro durante a presidencia de Lula, neste punto de inflexión encamiñado cara a concreción dunha Asociación Estratéxica, foi fundamental a implicación inicial dos actores privados, principalmente empresariais, desde o impulso do Plan Real na presidencia de Cardoso e, principalmente, co pragmatismo e a pluralidade de visión do presidente Lula.

b.3) A asociación estratéxica UE-Brasil

Compre considerar un breve apartado mais na relación bilateral hispano-brasileira, que ten que ver coa concreción, en xullo de 2007 en Lisboa, dunha “asociación estratéxica” entre a Unión Europea e Brasil, un proceso que xa comezara a fraguarse cando en 1995, a UE subscribiu co MERCOSUR o Acordo Marco Interrexional (AMI).

A UE constitúe o principal mercado exterior tanto para Brasil como para o MERCOSUR, e igualmente posúe unha posición preponderante para o comercio exterior brasileiro, xunto á Organización Mundial do Comercio (OMC), en especial á hora de constituírse nun foro de negociación e, principalmente, para amortecer os efectos que tería para Brasil a ampliación hemisférica da Área de Libre Comercio para as Américas (ALCA) impulsada desde 1994 por Washington.

Por tanto, Brasil é un vértice clave e esencial para o funcionamento dos acordos de asociación entre a UE e MERCOSUR, especialmente en materia de libre comercio. O MERCOSUR conta co 20% da produción mundial de gando e un 35% da produción mundial de soia, sectores nos que Brasil e Arxentina lideran significativamente(52). Dende a perspectiva europea, a asociación estratéxica UE-MERCOSUR-Brasil permitiría a Europa contrarrestar a crecente influencia de China como socio comercial latinoamericano e como rival económico da UE.

Resulta tamén evidente que o liderado de Brasil dentro do MERCOSUR e dos procesos de integración na área sudamericana, especialmente a Unión de Nacións do Sur (UNASUR), permitiu igualmente vertebrar unha relación de achegamento da UE cara outros foros rexionais como a Comunidade Andina de Nacións (CAN) desde 2004(53), co especial énfase europeo en observar con atención os problemas políticos latinoamericanos, tales como o narcotráfico, a eventual expansión rexional do conflito colombiano, as vicisitudes dos procesos de cambio en Bolivia, Ecuador e Venezuela, a seguridade rexional, o Amazonas, etc.

c) Investimentos, comercio e vínculos culturais

O comercio bilateral e os investimentos entre España e Brasil tiveron a súa maior concreción no período 1993-2000, cunha expansión principalmente de investimentos das empresas españolas cara Brasil, unha vez o país suramericano, decidido a inserirse nos mercados internacionais a través do proceso de globalización neoliberal, desprazara de forma gradual o seu tradicional sistema “cepaliano” de substitución de importacións e proteccionismo do seu mercado interno cara unha maior apertura exterior.

Anteriormente, a balanza caracterizábase polo baixo perfil inversor español en Brasil, cunha breve fase de expansión do comercio bilateral (1980-1982), no que Brasil representaba o 9,5% e o 4,6% respectivamente dos investimentos españois en América Latina, mentres España ocupaba o vixésimo lugar dos investimentos totais recibidos por Brasil, cun 0,4%. Entre 1983 e 1986, observase unha fase de desaceleración dos investimentos, recuperándose no período 1987-1990(54). Compre observar que, para o ano 1981, abríronse as axencias do Banco Exterior de España e do Banco Central en Brasil  mentres o Banco de Brasil e o Banco do Estado de São Paulo abriron sucursais en Madrid e Valencia. No caso da débeda externa brasileira co respecto á España, en 1982 esta contabilizaba US$ 328 millóns.

Este impulso presentado a partir de 1993 levou progresivamente a que España constituirase no principal investidor estranxeiro no mercado brasileiro para o ano 2000. No período 1993-2000, Brasil absorbeu o 37,8% dos fluxos brutos dos Investimentos Estranxeiros Directos (IED) de España(55).  O IED español focalizouse principalmente nos sectores da alimentación, bebidas, produtos metálicos, material eléctrico e industria automotriz.

A expansión do IED español en Brasil adquiriu unha importancia capital a través dos procesos de privatización de empresas públicas brasileiras, especialmente nos sectores financeiro e enerxético, acaecido nos comezos da década de 1990, escenario que permitiu o ingreso no mercado local das multinacionais españolas BBVA, Banco Santander Central Hispano (BSCH), Telefónica, Fenosa, Iberdrola, Repsol, Sol Meliá, Gas Natural, Mapfre e Endesa.

Para 1996, os investimentos españois en Brasil limitábanse a só US$ 251 millóns, cunha participación total do 0,6% e o vixésimo posto no ranking internacional. No 2000 rexistrouse un cambio radical, onde o liderado español no mercado brasileiro consolidouse co 3% do volume total de investimentos estranxeiros nese país, con US$ 9.593 millóns. Por tanto, entre 1996 e 2001, o crecemento dos investimentos españois en Brasil foi do 8.000% mentres que no conxunto dos investimentos españois en América Latina, Brasil concentraba o 62% deses investimentos(56).

A potencialidade do mercado brasileiro verificase a través dunha forte pauta exportadora, principalmente no sector agrario, como importante produtor mundial de café e caña de azucre (onde o país é o segundo a nivel mundial) así como un liderado global na produción de soia e de cítricos e abastecedor de laranxas(57). Tamén é un importante exportador de tabaco, cacao, gando, ferro, aceiro, equipos de transportes e aeronaves.

No período 2001-2006, Brasil converteuse no terceiro destino do IED español, co 11,9%, especialmente no sector manufatureiro, automóbiles, metalurxia, electricidade e telecomunicacións(58), dentro dunha conxuntura onde predominaron as incertezas en materia de investimentos estranxeiros ante a perspectiva de recesión e deflación económica internacional. Nese mesmo período, España constituíuse no cuarto maior investidor estranxeiro para Brasil, totalizando US$ 7,8 billóns, representando un 6,7% do total investido(59).

Caso contrario se identifica nos índices de investimentos brasileiros en España. No inicio da década de 1980, os mesmos eran irrelevantes(60) co respecto aos índices de investimentos estranxeiros de Brasil, por debaixo dos US$ 900 millóns. Foi ao longo da década de 1990 cando este proceso modificouse, con índices de investimentos brasileiros que totalizaron durante esta década US$ 1,2 billóns.

A partir de 2004 gañou forza o impulso á internacionalización das empresas brasileiras, principalmente coa presenza en España de firmas como o grupo siderúrxico Gerdau, que adquiriu o 40% das accións da empresa Corporación Sidenor, a mais importante siderúrxica española. Pola súa banda, o grupo Camargo Correa adquiriu o 58,9% da empresa téxtil Tavex, importante a nivel mundial pola súa produción de tecido denim(61).

No apartado da inmigración, resulta evidente un cambio de tendencia trala diminución do fluxo de emigración española a Brasil a partir da década de 1970 substituída por un aumento da emigración brasileira en España, principalmente a partir da década de 1980, motivada por razóns económicas e sociais, entre as que caben destacar os niveis de inseguridade cidadá. A pesar da crise económica acaecida en España a partir de 2008, co aumento dos niveis de desemprego, non se rexistrou unha emigración de retorno masiva de brasileiros residentes en España.

Entre 2004 e 2008, fontes do Ministerio de Traballo utilizados  nun estudo sobre inmigración elaborado pola Universidade de Barcelona, sostiveron que a poboación de inmigrantes brasileiros en España pasou de 40.000 a 120.000 persoas(62), restrinxíndose a partir de 2008 a súa entrada en España. Outro apartado ten que ver coa colaboración policial conxunta, principalmente desde comezos da década de 2000, ante delictos como a trata de persoas, a prostitución e o narcotráfico.

No aspecto cultural, desde 1979 obsérvase unha revitalización acelerada dos convenios de cooperación bilaterais, así como das actividades da Casa de Brasil en Madrid, no relativo á creación de lectorados de español e portugués, do intercambio científico e tecnolóxico e da firma de convenios interuniversitarios. Desde finais da década de 1960, os estados de São Paulo e Río Grande do Sul incorporaron a ensinanza do español nas súas escolas secundarias, proceso ampliado a partir de 1991 grazas á dimensión adquirida polo espazo MERCOSUR, en particular nas relacións de Brasil cos seus veciños hispanoamericanos. A partir dese momento, o estado brasileiro de Santa Catarina incorporou a ensinanza do español na escola secundaria(63).

Na actualidade, as rexións do Sur e Sueste brasileiros son as que maior presenza posúen de ensinanza do español na educación secundaria, con aproximadamente un 43% de presenza nos institutos e escolas deses estados, a maioría deles fronteirizos cos seus veciños do MERCOSUR.

Outro apartado ten que ver coa cooperación exterior española en Brasil, na que se aprecia un baixo volume e unha achega modesta, mediatizada pola preponderancia dos convenios de cooperación técnica, social e científica.

Segundo datos de 2011 elaborado pola Axencia Española para a Cooperación Internacional ao Desenvolvemento (AECID), o monto total da axuda de cooperación ao desenvolvemento de España en Brasil é de US$ 6,8 millóns, focalizada nos sectores de educación, saúde, auga, goberno e sociedade civil, xénero, medio ambiente e proxectos multisectoriais(64). Brasil forma parte do Grupo C dos países de América do Sur como prioridade xeográfica para a AECID, un apartado no que se reflicte a súa modesta achega e prioridade secundaria.

d) Conclusión

Resulta evidente que o nivel actual das relacións bilaterais entre Brasil e España superou amplamente o prolongado estado de “mutua indiferenza” presentado entre 1822 e 1979, para dar curso a unha dinámica “asociación estratéxica” que revela ao mesmo tempo, o cada vez mais importante peso xeopolítico de Brasil no contexto global.

Cabe esperar que a relación bilateral hispano-brasileira continúe e amplíe o seu marco de actuación con outros actores (Portugal, UE, MERCOSUR, CAN, UNASUR, etc) na concreción de intereses comúns, principalmente en materia de cooperación e investimentos económicos.

Non obstante, a actual crise económica europea (moi especialmente marcada nos casos español e portugués) así como o notorio estado de estancamento nas relacións UE-MERCOSUR, contrastan co dinámico ascenso de Brasil no contexto internacional, en especial polo seu peso nos foros de potencias emerxentes (BRIC, IBSA), un aspecto que pode reforzar as demandas e pretensións de Brasilia en determinados aspectos da política internacional, principalmente nos apartados de radicais reformas dentro da ONU e da OMC.

Este cambio de perspectiva xeopolítica reafirma o peso internacional adquirido por Brasil nos derradeiros anos, en contraste coa prolongada perda de influencia europea. Por tanto, este factor identificase como o mais decisivo á hora de descifrar a continuidade da actual “asociación estratéxica” entre Brasil e España.

 

 



1 A fin de analizar con maior precisión o marco histórico das relacións entre España e Brasil, recoméndase a lectura dos traballos de AYLLÓN PINO, Bruno, La política exterior de España hacia Brasil: de la Mutua Irrelevancia a la Relación Estratégica (1945-2005). Dispoñible en: http://halshs.archives-ouvertes.fr/docs/00/10/26/89/PDF/Bruno_Ayllon.pdf, así como AYLLÓN PINO, Bruno, Las relaciones entre Brasil y España ponderadas desde la perspectiva de la política exterior brasileña (1979-2000), Tese Doutoral, Universidade Complutense de Madrid, Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía, Departamento de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais, Madrid, 2004. ISBN: 84-669-2629-1. Dispoñible en: http://www.ucm.es/BUCM/tesis/cps/ucm-t27854.pdf. Ambos traballos servirán de referencia capital na elaboración do presente artigo.

2 AYLLÓN PINO, Bruno, La política exterior de España hacia Brasil: de la Mutua Irrelevancia a la Relación Estratégica (1945-2005), op.cit

3 AYLLÓN PINO, Bruno, Las relaciones entre Brasil y España ponderadas desde la perspectiva de la política exterior brasileña (1979-2000), op.cit

4 Ibid

5 Ibid

6 Ibid

7 Diversas fontes oficiais estiman en 750.000 os emigrantes españois en Brasil, entre orixinarios e descendentes. Entre 1880 e 1930, ao menos 500.000 cidadáns españois emigraron a Brasil, destacando principalmente os de orixe galego e catalán. Ver AYLLÓN PINO, Bruno, Las relaciones entre Brasil y España…., op.cit

8 Ibid

9 Ibid

10 Ibid

11 Ibid

12 Ibid

13 Ibid

14 Ibid

15 Ibid

16 Ibid

17 Ibid

18 Ibid

19 MANSILLA BLANCO, Roberto, Unha “pragmática fraternidade”: novas realidades nas relacións luso-brasileiras.Ver en: http://www.igadi.org/

20 AYLLÓN PINO, Bruno, Las relaciones entre Brasil y España…., op.cit

21 Ibid

22 KLEIN, H: A emigração Espanhola no Brasil, São Paulo, Editorial Sumaré, 1994. Tomado de AYLLÓN PINO, Bruno, Las relaciones entre Brasil y España…., op.cit

23 Ibid

24 Ibid

25 Ibid

26 Ibid

27 Ibid

28 Oficio Confidencial Nº 115 da Embaixada de Brasil en Madrid para SERA, 13 de marzo de 1969, AHIB. Citado en AYLLÓN PINO, Bruno, Las relaciones entre Brasil y España…., op.cit

29 Ibid

30 Ibid

31 Ibid

32 AYLLÓN PINO, Bruno, La política exterior de España hacia Brasil: de la Mutua Irrelevancia a la Relación Estratégica (1945-2005), op.cit

33 Fernando Collor de Melo, presidente durante o período 1990-1992, foi apartado do alto cargo presidencial tras un proceso de impeachment en setembro de 1992. Foi entón substituído polo seu vicepresidente Itamar Franco, quen completou o período presidencial ata 1995, cando nas eleccións presidenciais resultou gañador Fernando Henrique Cardoso. (nota do autor)

34 AYLLÓN PINO, Bruno, Las relaciones entre Brasil y España…., op.cit

35 Ibid

36 O labor de Telefónica no mercado brasileiro non foi exactamente produtivo nin eficaz, segundo diversas fontes brasileiras. En 1998 foi a empresa que liderou as maiores reclamacións e demandas dos seus usuarios. Ver  AYLLÓN PINO, Bruno, Las relaciones entre Brasil y España…., op.cit

37 Ibid

38 Ibid

39 Ibid

40 Datos do Ministerio de Economía y Hacienda, Secretaría del Estado de Comercio, Gobierno de España. Citado de Citado en AYLLÓN PINO, Bruno, Las relaciones entre Brasil y España…., op.cit

41 Ibid

42 Ibid

43 FRERES, C. e SANZ, A,: Las Comunidades Autónomas españolas y América Latina: una nueva dimensión de la conexión iberoamericana, Madrid, Síntesis/AIETI, 2002. Citado en AYLLÓN PINO, Bruno, Las relaciones entre Brasil y España…., op.cit

44 AYLLÓN PINO, Bruno, La política exterior de España hacia Brasil: de la Mutua Irrelevancia a la Relación Estratégica (1945-2005), op.cit

45 AYLLÓN PINO, Bruno, Las relaciones entre Brasil y España…., op.cit

46 AYLLÓN PINO, Bruno, La política exterior de España hacia Brasil: de la Mutua Irrelevancia a la Relación Estratégica (1945-2005), op.cit

47 Ibid

48 Ibid

49 Ibid

50 “Lula y Zapatero intensifican relación entre Brasil y España”, El Nuevo Diario (Nicaragua), 17 setembro de 2007. Ver en: http://www.elnuevodiario.com.ni/variedades/1304. Ver tamén “Lula llega a España para buscar una segunda oleada de inversiones”, El País (España), 15 de setembro de 2007. Ver en: http://internacional.elpais.com/internacional/2007/09/15/actualidad/1189807201_850215.html

51 “Zapatero y Lula reafirman la fortaleza de las relaciones entre España y Brasil”, La Vanguardia (España), 16 de abril de 2011. Ver en: http://www.lavanguardia.com/politica/20110416/54142345703/zapatero-y-lula-reafirman-la-fortaleza-de-las-relaciones-entre-espana-y-brasil.html

52 “La UE y Mercosur se apresuran para suscribir un pacto de libre comercio este año”, El País (España), 17 de maio de 2010. Ver en: http://internacional.elpais.com/internacional/2010/05/17/actualidad/1274047207_850215.html

53   ARDILA, Martha, “Brasil y la Unión Europea en la agenda EEUU-Región Andina”, Revista Nueva Sociedad Nº 192, xullo-agosto de 2004, Caracas (Venezuela), Ver en: http://www.nuso.org/upload/articulos/3213_1.pdf

54 AYLLÓN PINO, Bruno, Las relaciones entre Brasil y España…., op.cit

55 ARAHUETES, Alfredo e HIRATUKA, Célio, “Relaciones Económicas entre España y Brasil/Relações Econômicas entre Espanha e Brasil”, Real Instituto Elcano de Estudios Internacionales y Estratégicos, Madrid, 2007. Ver en: http://www.realinstitutoelcano.org/wps/wcm/connect/262722804f0195cf88faec3170baead1/Arahuetes-Hiratuka_Relaciones_Espana_Brasil1.pdf?MOD=AJPERES

56 Datos do Banco Central de Brasil, dispoñibles na web: http://www.bcb.gov.br, e do artigo “La inversión española en el exterior llegó a 10,7 billones en 2000”, Cinco Días (España), 12 de xullo de 2001. Ambos citados en AYLLÓN PINO, Bruno, Las relaciones entre Brasil y España…., op.cit

57 Ibid

58 ARAHUETES, Alfredo e HIRATUKA, Célio, “Relaciones Económicas entre España y Brasil/Relações Econômicas entre Espanha e Brasil”, op. cit

59 Ibid

60 Ibid

61 Ibid

62 “Inmigrantes brasileños resisten la crisis en España”, Inter Press Service en español. Ver en: psnoticias.net/nota.asp?idnews=95988

63 AYLLÓN PINO, Bruno, Las relaciones entre Brasil y España…., op.cit

64 Páxina web da Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento (AECID) Capítulo Brasil: http://www.aecid.es/galerias/cooperacion/por_Paises/descargas/brasil/Brasil.pdf

 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/03/2012


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta