Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
A banca dos BRICS
Xulio Ríos (Praza Pública, 15/03/2012)

Versión para imprimir

 

India e China levan ao cumio dos BRICS que terá lugar a finais deste mes a proposta conxunta de crear unha alternativa ao Banco Mundial (BM) e ao Fondo Monetario Internacional (FMI). De confirmarse a participación dos demais socios (Rusia, Brasil e Sudáfrica) asistiriamos a toda unha revolución na hexemonía das institucións que desde hai máis de cincuenta anos son controladas polos países máis ricos. Segundo o que transcendeu da iniciativa, o banco orientaríase  ao financiamento exclusivo de proxectos nos países en desenvolvemento e actuaría cunha axenda propia e alternativa no marco da cooperación Sur-Sur.

Os BRICS teñen urxido nos últimos tempos un maior poder de voto no seo das institucións financeiras globais á vista da nova realidade das súas economías. EEUU controla o 17 por cento dos dereitos de voto no FMI e pode vetar calquera decisión relevante. Na práctica, apenas se incrementou o voto dos emerxentes de forma marxinal. Tamén reclaman unha reforma non traumática e progresiva do sistema monetario internacional que exprese a nova arquitectura económica mundial coa conseguinte substitución do dólar por unha nova moeda internacional de referencia baseada no modelo dos Dereitos Especiais de Xiro do FMI. Coa mirada posta na redución da dependencia do dólar, China está a internacionalizar o reminbi e segundo uns cálculos efectuados por Dow Jones citados polo WSJ, a proporción das reservas chinesas investidas en dólares pasou do 74 por cento en 2006 ao 54% en xuño de 2011.

A reforma das estruturas interna do FMI e do BM, o outorgamento de máis dereitos aos países en vías de desenvolvemento, unha mellor distribución das responsabilidades e dos liderados, unha supervisión financeira más estrita ou un sistema mundial de alerta, son demandas que os BRICS, actuando desde unha posición claramente diferenciada dos países desenvolvidos, veñen formulando con diferente intensidade pero escasa aceptación.

Cando Strauss-Kahn foi relevado no FMI, China apuntou a necesidade de ter en conta outras distribucións nas máximas responsabilidades pondo fin ao esquema de reparto herdado da guerra fría. En abril debe ser relevado Robert Zoellick á fronte do Banco Mundial. Os BRICS volveron á carga, pero a quen mais se cita nalgunhas quinielas é a Hillary Clinton.

Lagarde, directora xeral do FMI, ven de anunciar o nomeamento do chinés Jianhai Lin á fronte da secretaría do Fondo, quizais anticipando unha pírrica compensación. Pero a axenda do FMI para os próximos anos está marcada pola necesidade de socorrer ás  economías europeas. Non é esa a principal preocupación dos BRICS que poden tirar proveito da actual crise para reducir o poder político e económico de EEUU e outras potencias aliadas. Se non é posible desde dentro serao virando en redondo. Segundo datos publicados polo centro de análise estadounidense Diálogo Interamericano, só China prestou en 2010 un total de 37.000 millóns de dólares a América Latina, máis que o outorgado conxuntamente polo BM, o Banco Interamericano de Desenvolvemento e o Banco Export-Import de Estados Unidos.

A nova alternativa podería estar debullándose. Falta saber se detrás dela existe non só un contra poder senón mesmamente outro discurso realmente alternativo.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/03/2012


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta