Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/África/ África
Libios
Xulio Ríos (ECO, 05/2012)

Versión para imprimir

 

Desaparecido Gadafi e o seu réxime ditatorial e represivo, Libia segue convulsa nunha dinámica de enfrontamentos internos que fan perigar a súa transición. O goberno de Trípoli tan pronto anuncia un cese das hostilidades como as tribos rivais retoman as armas para sumar centos de mortos e miles de feridos segundo os propios balances oficiais, cifras con escaso reflexo na prensa occidental que xa deixou de prestar atención ao conflito unha vez Gadafi quedou fóra de escena. Os esforzos reconciliadores de Abdel Rahim al-Kib, á cabeza do goberno provisional, teñen escaso éxito mentres o fráxil ministerio de Defensa privilexia o control das instalacións e zonas estratéxicas antes que a propia vida dos seus nacionais.

En moitas zonas do país, a cidadanía decidiu armarse para simplemente defenderse e plantar cara ás operacións de limpeza étnica en curso, mentres algunhas tribos fan chamamentos á ONU e a UE para que interveñan a fin de preservar a convivencia. O exército segue desorganizado e non é quen de impoñer a orde, o que explicaría a pasividade do goberno. Desde a caída do réxime de Gadafi en outubro de 2011, as novas autoridades teñen enormes dificultades para controlar as ducias de brigadas de ex rebeldes que combateron aos gadafistas e que agora impoñen a súa lei por onde pasan. Varias tribos e habitantes de numerosas rexións fixéronse con armas do abundante arsenal militar de Gadafi e botan man delas á mínima ocasión para resolver calquera conflito.

 Mais todo indica que as mesmas potencias internacionais que noutrora se abalanzaron sobre o país para “protexer a poboación civil”, agora, cos recursos enerxéticos en mans mais afíns, están menos preocupadas polo sufrimento e o futuro da xente común. Como moito, Bruxelas expresa a súa “inquietude” pola situación aquí ou acolá e chama ás partes implicadas á contención e á negociación. Pero os seus exhortos á calma caen en saco roto. Para a OTAN é un asunto interno.

Sorprende a imprevisión con que se afronta a xestión da vitoria. Ou quizais non sexa tanta. Non é só que predomine a inhibición senón tamén un concepto dos conflitos que reduce a súa conclusión a unha mera derrota do adversario. Pero tan importante como planificar a guerra é planificar a paz, salvo que a conclusión da primeira deba deixar paso a certo caos deliberado para maior gloria de toda caste de mercenarios.

O compromiso de Sarkozy, Cameron e demais alcanza ata as propias conveniencias internas. Se fose realmente cos valores de dignidade, democracia e dereitos humanos, a súa irresponsable actitude na posguerra libia sería outra. Estamos por desgraza afeitos a esta hipocrisía sen reparar na inmensa dor que provoca en miles de vidas abandonadas á súa sorte.
 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/África



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/04/2012


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta