Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
O suicidio non é diplomático
Xulio Ríos (igadi.org, 24/04/2012)

Versión para imprimir

 

As comunidades autónomas non deberían permitir que unha vez aberto se pechara en falso o debate sobre a acción exterior, ata agora reducido a cuestións case anecdóticas. Pola contra, é unha oportunidade para avanzar na racionalización e na optimización dos recursos, preocupación compartida polas autonomías e polo goberno central, e para operar un urxente cambio de cultura neste crucial asunto.

A reestruturación debería comezar polo propio Estado. O esqueleto do servizo exterior responde a un mundo que non existe. A simple representación xeográfica das embaixadas do Reino de España non resiste a mínima análise, lastrada como está pola inercia, os intereses creados e a lentitude ou falta de reacción ante os cambios experimentados na economía e na política internacional. Nunha Unión Europea como a actual e nun espazo territorial tan ben comunicado a todos os niveis, ¿qué sentido ten contar, por exemplo, con dez consulados en Francia? En India só hai un. O reto de menos Europa, ou se queremos, menos países OCDE, e máis economías  emerxentes non está a ser abordado coa presteza que esixe o mundo no que vivimos. En comparanza con outros países europeos, a diplomacia española leva tempo fosilizada.

Se nos referimos á estrutura interna das representacións, outro tanto poderiamos dicir. Por Europa adiante podemos atopar legacións con agregados de agricultura, traballo, defensa, información….En non poucos casos, non teñen sentido nin xustificación mais que servir de apreciable e cómodo retiro para altos cargos a custes a miúdo que fan palidecer.

Fixámonos nos inmobles… probablemente é o menos importante. Simplemente abordando unha atrevida reestruturación nos dous aspectos citados, o Estado gañaría eficiencia na administración dos seus recursos dando así exemplo ante as comunidades autónomas. É por onde hai que empezar.

Pero a reforma sería incompleta se non se acompaña dun cambio de paradigma a propósito das representacións exteriores das comunidades autónomas. Outra vez estamos ante a pluralidade entendida como problema en vez de transformala nun activo que fortaleza as accións comúns. Desde o Estado deben facerse esforzos en catro sentidos. Primeiro, facilitando a participación das autonomías na xestión exterior das competencias que teñen asumido internamente. Por exemplo, educación. É un eido especialmente relevante cando a internacionalización do espazo educativo e universitario é fundamental. Os mecanismos existentes para integrar a participación das autonomías na formación da vontade exterior do Estado deben ser mellorados. Segundo, aceptar que a diversidade de representacións exteriores é un feito politicamente normal  que pode desenvolverse con plena lealdade e ao que compre dotar dunha visión de Estado eludindo a súa interpretación como manifestación dun desafío. Tanto no ámbito económico, cultural como da diplomacia pública, as autonomías poden desempeñar un papel útil e non conflitivo.

Terceiro, a acción exterior do Estado debe incorporar o feito político-territorial na súa estratexia. Algo se ten feito co impulso alentado desde Cataluña en relación ao Mediterráneo. Galicia é un tesouro oculto en relación á lusofonía que está totalmente desaproveitado. Un goberno esperto e sen prexuízos utilizaríao.

Por último, capacitación e dignificación dos recursos dispostos polas autonomías para atender a xestión exterior. Cómpre acordar mecanismos que os poñan en valor e recoñecer o positivo papel que poden desempeñar na renovación dun servizo diplomático con importantes desfases.

Para Galicia, contar con representacións fóra é fundamental para abrir a nosa economía ao mundo. No contexto actual, coas nosas dificultades, non contar con elas é simplemente un suicidio. O que poidamos facer teremos que facelo nós.  E teremos que facelo ben. Non se trata de utilizar as representacións para xogar a ser o que non somos senón para servir a unha función estratéxica que hoxe é vital: a internacionalización.
 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/04/2012


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta