Presenza-Opinión / Rusia Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia
Outra Rusia, ¿outro Putin?
Xulio Ríos (Praza Pública, 19/06/2012)

Versión para imprimir

 
 

A pesar da vitoria, as eleccións lexislativas rusas do pasado domingo evidenciaron o nivel de esgotamento da estabilidade putiniana, esa falsa pero ata agora efectiva percepción de que Rusia, con Putin, estaba nas mellores mans posibles.

O certo é que trala ruína da URSS e o interregno calamitoso de Ieltsin, as promesas de Putin de estabilizar a vida política e social e recuperar a influencia internacional non acabaron de callar. A Rusia de Putin maniféstase impotente para definir un proxecto de país así como as coordenadas básicas para establecer unha posición sólida nun mundo onde perde progresivamente capacidades efectivas para conducirse como un estado soberano. Ambos os dous factores están ligados: sen consolidación interior non hai restauración posible da súa influencia internacional, é dicir, capacidades efectivas para establecer unha esfera de influencia independente. E, probablemente, non hai mellor cohesionador nesta Rusia -como na vella- que a exhibición dun poder que convide ao orgullo nacional.

Putin lograra conectar con amplos sectores da cidadanía porque fixo valer ese dobre discurso, rexeitando a deriva dos lustros anteriores condicionados polo incremento da dependencia respecto dunhas políticas occidentais que ambicionaban facer de Rusia un país máis de Occidente, unha estratexia que converteu a Moscova nunha economía “emerxente”, un actor periférico do capitalismo mundial.

Marcando a axenda política rusa dende 1999, Putin non logrou transformar o papel de Rusia no mundo, nin restaurar unha influencia acorde co seu estatuto rexional, fallando nos seus principais obxectivos estratéxicos, incluído o relativo ao espazo da ex URSS, a actual CEI, onde a integración avanza a paso de tartaruga.

Putin gañou estas eleccións e gañará as presidenciais de marzo de 2012, pero o seu crédito político comeza a escorar. O reto principal consiste en mellorar os indicadores internos pero, sobre todo, en xestionar pragmaticamente as novas obsesións, marcadas polo crecente afán, vinte anos despois da liquidación da URSS, de distanciarse do Occidente euro-atlántico.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/06/2012


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

 

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta