Presencia-Opinión / Iberoamérica
50.000 ánimas en pena vagan por Guatemala
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 04/04/2000)
No mundo Maia, os mortos que non son soterrados, continúan a vivir e permanecen suspendidos entre o mundo dos vivos e os difuntos, sen que a súa anima atope o descanso definitivo. Esta maldición, tan entroncada coa tradición galega, enche de angustia ás familias dos 50.000 desaparecidos durante a máis longa, cruenta e avultada represión latinoamericana.
A audiencia nacional ven de aceptar a petición de Rigoberta Menchú para investigar un período no que 150.000 persoas morreron víctimas da violencia e 50.000 permanecen desaparecidas. Sacar á luz o espectro das víctimas proe nos antigas autoridades e provoca distanciamento na antiga guerrilla da URNG (Unión Revolucionaria Nacional Guatemalteca) que prefire transitar por un penoso purgatorio, cara a unha auténtica democracia, antes que voltar ás lapas do inferno da guerra, das que aínda se senten moi preto e aférranse ao compromiso de paz que asinaron, sen querer ollar cara atrás.
A Comisión polo Esclarecemento Histórico (CEH) vota andar, logo de asinarse os acordos de paz, o 29 de decembro de 1996, aínda que o embrión xa estaba vivo dende os acordos parciais de Paz asinados en Oslo no 1994. Para pescudar nas violacións dos dereitos humanos, formouse unha comisión composta por unha representante do movemento de comunidades indíxenas, Otilia Lux de Coti, un xurista guatemalteco Edgar Alfredo Balsells Tojo e un prestixioso profesor alemán o Doutor Christian Tomuschat.
Inicialmente a URNG mostrouse remisa a calquera tipo de acordo de paz que significase unha amnistía xeral, argumentando que só víctimas teñen a potestade de decidir sobre a amnistía. Pero no acordo de Paz parcial, subscrito en Madrid o 17 días antes da sinatura da definitiva paz, decidiuse elaborar unha Lei de Reconciliación Nacional na que se determinaría a extinción da responsabilidade penal para os crimes cometidos durante o conflicto armado interior.
Guerrilla e goberno definiron milimetricamente os regulamento de xogo no que ía actuar a CEH. Os seus membros disporían de abundante financiación e non terían trabas para investigar todos e cada un dos casos individualmente. Mais, nas conclusións finais, non se podería individualizar a responsabilidade dos delitos. Das indagacións, tampouco se poderían tirar efectos de natureza xurídica.
Só lles estaría permitido establecer responsabilidades institucionais, propor medidas que impedisen unha volta ao inferno vivido ate hai ben pouco e promover medidas que puidesen reparar os danos morais e materiais infrinxidos.
Rigoberta Menchú Tum, premio Nóbel da Paz e maia como a maioría da poboación guatemalteca, viviu moi de preto o maior dos xenocidios do continente, estreitamente vencellado a outros acontecidos en Latinoamérica e inspirados na Doutrina da Seguridade Nacional que se impartía aos mandos militares latinoamericanos na Escola das Américas de Panamá, baixo a estricta dirección da CIA.
Non presenta unha demanda xeral, senón que circunscribe a súa petición de investigación, fundamentalmente, ao seu estricto ámbito familiar. Dous irmáns seus foron asasinados e a súa nai padeceu horribles torturas. Durante a ocupacion da embaixada de España en Guatemala, para demandar terras onde traballar, o. seu pai foi un dos 37 mortos que pereceron cando a policia incediou o recinto diplomático.
Non obstante, para darlle maior consistencia a implicación da Xustiza española, tamén inclue na demanda, as mortes de catro relixiosos españois. Faustino Villanueva, José María Gran Cirera, Juán Alonso Fernández e Carlos Pérez Alonso.
Oito notables persoeiros da vida político militar guatemalteca terán que enfrontarse ao peso da xustiza. Entre eles os presidentes e militares golpistas Rios Mont (actual presidente do parlamento), Óscar Humberto Mejía Víctores e Fernando Romeo Lucas García.
A decisión da Premio Nóbel indíxena ,casa e entronca á perfección cos principios da xurisprudencia internacional, en materia de crimes contra da humanidade. Considérase necesario coñecer a verdade, preciso xulgar e condenar aos culpables, ineludible a reparación moral e material ás víctimas.
Mais unha boa parte dos latinoamericanos non entenden a tutela da antiga metrópole, máxime cando ela non xulgou aos responsables da represión durante a dictadura franquista. Tampouco a entenden moitos dos que traballaron por unha paz aínda fráxil que pode crebarse ante á repentina saída das víctimas en busca de xustiza.
Son preocupantes os problemas que se ocasionan ao axitar os mortos vivintes da memoria recente, máis golpes de audacia coma os dos xuíces Baltasar Garzón ou Guillermo Ruíz Polanco teñen dado coa clave para acceder a caixa blindada dos crimes contra da humanidade.
Oxalá todas as ánimas en pena do mundo atopen definitivamente o seu descanso eterno.
Lino Pellitero é membro do IGADI.
Enlaces relacionados:
URNG
Comisión polo Esclarecemento Histórico
Proceso de Paz
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 06/04/2000