Presencia / Nacionalismos
A dimisión de Trimble
Por Xulio Ríos (La Voz de Galicia, 11/02/2000)
Son moitas as probabilidades de que o líder unionista David Trimble efectivice a súa dimisión nas próximas horas. A súa carta está nas máns do Presidente da Asemblea de Irlanda do Norte; só lle queda abrila. Esa reserva foi a principal garantía ofrecida para acalar a negativa de boa parte das súas bases militantes a participar nun goberno con participación do Sinn Fein. Hai, pois, un compromiso moi persoal de Trimble co avance do proceso de desarme e unha ligazón directa de ambos os dous fracasos. Aínda que, en efecto, segundo se recolle no acordo de Venres Santo, o prazo para o desarme de todas as faccións remata a finais de maio, Trimble precisa aportar "probas" da sinceridade da aposta republicana pola paz. Pero ata agora, o IRA negouse en redondo a entregar un só gramo de explosivo á comisión internacional que preside o xeneral John de Chastelain.
A caída de Trimble, a suspensión das institucións, a merma da influencia de Clinton entre os líderes católicos, a presión do IRA Continuidade, o desempolvamento dos arsenais, situariannos ás portas dun escenario que ninguén desexa, pero que ninguén tampouco consigue eludir.Un efecto dominó de consecuencias imprevisibles podería orixinarse levando por diante as esperanzas depositadas no proceso de paz.
A lóxica convicción de que non hai outra saída para o contencioso irlandés que non sexa perseverar no acordo de Venres Santo é o mellor aliado dos diferentes protagonistas do proceso, pero tamén a maior trampa na que poden caír. As imaxinativas solucións non caen do ceo, pero da a impresión de que todos agardan un milagre de última hora que evite a suspensión da autonomía.
Dende Washington, o presidente Clinton estase a empeñar directamente na paz. O fracaso tamén sería seu. Nun ano electoral, habida conta da relevancia do voto irlandés, precisa evitar a quebra das esperanzas e non escatimará esforzos nin presións. Pero nun proceso tan delicado, como xa quedou demostrado en anteriores crises, o papel dos interlocutores de cada unha das partes está seriamente laminado pola opinión de partidos reais, estructurados, con voces internas que toman partido, sen que os líderes, máis apegados e inclinados ás saídas, poidan distanciarse das bases a risco de provocar novas fragmentacións. A delicada situación do unionista Trimble é un exemplo, no seu partido non andan con bromas, pero tamén pode chegar a ser a de Gerry Adams e Martin Mac Guinness, impopulares entre aqueles sectores do seu partido que sempre desconfiaron da utilidade do actual proceso. Máis alá da entrega ou o depósito simbólico de armamento por parte do IRA, o que está en xogo hoxe en Belfast é o fortalecemento dos protagonistas do proceso, a súa credibilidade e autoridade, de cada un entre os seus, e recíproca.
A anunciada suspensión das institucións non soamente colapsa e desvía o proceso do seu curso natural. Chega nun momento en que o entramado institucional deseñado por John Hume, pensado para recuperar o valor intrínseco da política e diluír o xogo da confrontación, aínda é moi frouxo. Non deu tempo a normalizar un pulso propio e a forza das coñecidas dinámicas do pasado teñen aínda terreo dabondo para impoñer o seu predominio sobre as atractivas incertezas dun presente en paz.
A inhabilitación das institucións anunciada desde Londres, esixe dos líderes políticos norirlandeses, maior habilidade ca nunca para non defraudar as esperanzas da sociedade irlandesa, pero tamén de toda a sociedade europea. Certamente, a paz non é un xesto, pero un xesto pode salvar a paz. Paradoxalmente, as armas do IRA teñen a palabra.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/02/2000