PresenciaVolver ó índice / Iberoamérica


A invasión de Colombia máis perfilada
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 31/08/1999)

As hipóteses que se manexan sobre a rexionalización do conflicto Colombiano nunha acción multinacional planificada polos EEUU, na que participarían tamén Brasil, Bolivia e Perú -ou mesmo Arxentina-, víronse reforzadas coas informacións, feitas públicas o domingo pola frecuencia Latina Canal 2-TV de Lima, nas que se pormenorizaba a estratexia intervencionista, planificada para comezos do 2000.

Tanto Brasil coma Colombia xa se apresuraron a negar calquera verosimilitude á noticia, pero a detallada exposición do Plano, así coma a estreita relación da canle de TV co Servizo de Intelixencia Nacional de Perú outórganlle un plus de credibilidade.

Segundo a citada fonte Barry McCaffrey, o alcumado Tsar Antidroga, que viaxou a Lima acompañado por destacados membros da CIA, tería plantexado, baixo a etiqueta de Top Secret”, unha estratexia de acción conxunta con Brasil, Bolivia , Perú e Arxentina, que comporían unha forza multinacional disposta a intervir a partir de xaneiro do 2000. Ata esta data o presidente Pastrana dispón de marxe para avantar na súa teimuda estratexia negociadora coas FARC-EP. A partir de entón o presidente de Colombia veríase forzado a declarar o estado de excepción que daría cobertura as accións intervencionistas.

O máis sorprendente dos datos que se coñecen é a precisión dunha operación, da que se detalla ata a súa composición, xa que estaría formada por cinco batallóns que actuarían en diversos frontes e serían adestrados en norteamérica.

As forzas multinacionais compostas por soldados de Perú, Brasil e Ecuador actuarían por terra, mentres portaavións dos EEUU darían cobertura coa súa artillería e a súa aviacíon ás accións terrestres. No plano exposto polo Tsar considérase imprescindible, ao contrario que no Kosovo, o avance terrestre coma única forma de vencer ás afortaladas FARC.

A pesares do ímpeto do Tsar por atopar aliados na súa particular cruzada contra do quimérico eixo Cuba-Venezuela-FARC, non parece doado que os gobernos latinoamericanos se implique en operacións que non serían entendidas polos seus cidadáns, anque tamén é certo que crecente número de mortos e desaparecidos en Colombia pode precipitar as accións militares.

Lino Pellitero é membro do IGADI.

Enlaces relacionados:

http://www.presidencia.gov.co/

http://members.tripod.com/farc/

http://www.dirlafax.com.co/dih/eln.htm

http://members.tripod.com/farc/

Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/01/2000