Presencia / Balcáns
A paz virtual
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 08/06/1999)
Occidente xa pode estar tranquilo, a paz virtual chegou de novo aos Balcáns. A verdadeira tardará moitos anos. A guerra nos medios informativos camiña cara o seu fin despois de máis de setenta días de bombardeos. A verdadeira dura xa oito anos con miles de víctimas, milleiros de desprazados e a destrucción económica da ex-Iugoslavia.
As portadas dos diarios e as cabeceiras dos informativos reproducían a noticia: Milosevic cede. O xornal serbio VREME titulaba “Fin”. Pola contra os cidadáns serbios ou non entendían nada: setenta días recibindo bombazos para esto ou, consolábanse coa posición oficial do goberno: mantivemos a integridade da patria iugoslava e conseguimos un acordo mellor que o de Rambuillet. A mesma confusión producíase entre os cidadáns da UE, dende o optimista: por fin rematou a ameaza dunha guerra xeneralizada en Europa, ata o desolador: Milosevic, de criminal de guerra a interlocutor.
Os dous bandos contendentes coincidían no fundamental. Ningún desexaba un enfrontamento terrestre. A OTAN por que entón a guerra virtual converteríase nunha con mortos reais. O goberno de Belgrado por que sabía que non podería resistila e a proximidade do verán dáballe argumentos aos partidarios da operación terrestre. Os dous tiñan algo gañado, Milosevic que non se engurraba ante as ameazas e contaba co apoio do irreductible pobo serbio capaz de desafiar aos máis grandes imperios. A OTAN presentar a cesión do goberno iugoslavo como un éxito dos bombardeos e quitarse do medio a espiñenta cuestión de modificar unha fronteira.
A paz de verdade está lonxe, non, esperemos, o remate dos combates, senón aquela para a que é necesaria o paso tempo e que os únicos que remexan no pasado sexan os historiadores.
A maioría parlamentar agrupada na coalición encabezada polo Partido Socialista Serbio aprobou o plano que lle presentou o presidente federal Milosevic por 136 votos contra 74, con tres abstencións e 47 ausencias. A Asemblea Nacional Serbia ou Narodna Skupština elixida o 21 de setembro de 1997 está composta por 110 deputados da coalición SPS-JUL-ND, 82 do Partido Radical (SRS) de Seseli, 45 do Partido de Renovación Serbia (SPO) de Draskovic e outros trece de diversos partidos. A votación deixa entrever a profunda división que o acordo está a producir en Serbia, manifestada na notable ausencia de parlamentarios e na aberta oposición do Partido Radical, quen xa ten anunciado o abandono do goberno.
Agora principiarán as conversas, non menos conflictivas, entre os militares. A proposta presentada por Chernomirdin e Ahtisaari a Milosevic fai continuas referencias á OTAN, especialmente nunha nota a pé de páxina; mentres, a presentada por Milosevic ao Parlamento Serbio resalta a supervisión da ONU e só cita a OTAN como compoñente esencial da forza internacional de seguridade. O xeito de participación de Rusia é outro tema candente, especialmente despois do alporizamento que o acordo provocou entre os partidos da oposición na Duma e as criticas do Ministro de Exteriores, Ivanov.
Menos conflictivo vai ser o plano de reconstrucción. Europa e os triunfantes EE UU teñen excedentes de capital suficientes para investir nunha Iugoslavia politicamente estable. Moitos en Serbia están xa a pensar nos beneficios que pode reportar.
Finalmente, o drama humano. ¿Cantos kosovares van estar dispostos a retornar a unha Serbia gobernada por Milosevic?. E si é a coalición electoral por el encabezada aínda menos mal, xa que si se trata dun goberno dirixido por Seseli ou o polo impredicible Draskovic, o futuro dos albano-kosovares é ben difícil. Probablemente gran parte dos refuxiados optarán por evitar o regreso, co que Belgrado terá, en parte, resolto o problema demográfico, central no conflicto do Kosovo. A actitude dos refuxiados e dos membros da UÇK pode ser un factor de inestabilidade na área sur dos Balcáns (Albania e Macedonia) durante anos, apoiado na nostalxia dos kosovares errantes pola Europa Occidental.
A paz pode ter chegado ás primeiras planas dos informativos, ao Kosovo aínda tardará.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/01/2000