PresenciaVolver ó índice / Balcáns


A sutil diplomacia do misil
Por Lino Pellitero (artigo publicado en Vieiros o 6/04/99)

As fórmulas para agrupar politicamente aos eslavos do sur en torno a un só Estado aparecen preñadas de tensións entre as concepcións centralistas, federalistas e secesionistas dende o mesmo proceso constituínte de 1919-20, que extenden as súas profundas raíces dende a Idade Media.

A aprobación dun texto constitucional serbiocéntrico (1921), negador das identidades nacionais eslovena e croata, elaborado polo Partido Radical Serbio, abre unha década chea de ininterrompidos conflictos entre serbios e croatas, que remata, en falso no 1929, cando o rei Alexandre I decide pór de manifesto os seus anceios excluíntes de Unión Nacional, mudando o nome do Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos polo de Reino de Iugoslavia.

A Iugoslavia federal emerxe no 1945 co obxectivo de atopar unha estructura estatal equilibrada, de soberanía compartida, para asegurar a convivencia pacífica. Nesta etapa o Kosovo é ignorado na práctica. Tardaríanse aínda 29 anos en acadar o recoñecemento político da súa singularidade.

O carisma político do croata Josip Broz (Tito), o modelo socioeconómico de socialismo autoxestionario nun mundo dividido en bloques, o exército comunista e a existencia dun federalismo real, ao que Kosovo non conseguirá acceder ata o 74, permitiu un período de equilibrio inestable.

Baixo a aparente mar calma aboiaron evidentes puntas da tensión mergullada, coma na destitución en 1966 do serbio Rankovic, colocado en situación privilexiada nas apostas sucesorias de Tito, acusado polas repúblicas periféricas de representar a ambición hexemonista serbia e de ter participado na represión dos cidadáns de orixe kosovar.

A morte de Tito, a fonda crise económica, as grandes desigualdades territoriais, os nefastos efectos da terapia de choque, o control serbio do exército... levan en xaneiro de 1990 á ruptura da Liga Comunista Iugoslava, esqueleto que aglutinaba e sostiña o crebacabezas dos eslavos do sur. A partir desta data teñen lugar dous procesos antagónicos. Mentres Croacia e Eslovenia comezan un proceso centrífugo, encamiñado primeiro cara a unha confederación e logo, xa nidiamente, cara a unha pacífica secesión, pola contra Serbia co apoio maioritario do exército, abandeira, xunto con Montenegro, a continuidade da Federación. O montenegrino Slobodan Milosevic vai ser o catalizador do unionismo expánsivo na percura da construcción da Gran Serbia, e emulando o período de entreguerras eríxese en defensor da Unión Iugoslava.

En sintonía co vixente discurso asimilacionista e co pretexto de defender a minoría serbia, Milosevic anula no 89 o estatuto de provincia autónoma recollido na modificación constitucional do 74, para decretar inmediatamente decretar o estado de escepción en resposta as protestas dos kosovares. Dende principios da década son privados dos seus máis elementais dereitos institucionais, políticos, culturais, idiomáticos, relixiosos e sociais.

A comunidade Occidental non interpretou, a tempo, a fondura da crise dos 90 nos Balcáns. Primeiro tentou inútil e artificialmente forzar “contra natura” a permanencia do Estado Federal, cousa que Milosevic interpretou coma un apoio implícito das potencias na súa guerra con Croacia e Eslovenia. Logo optouse por resolver a crise bosníaca mediante un criterio étnico que lexitimou as conquistas de guerra e enterrou as esperanzas dunha Bosnia pluriétnica, descentralizada, respectuosa coas minorías, multinacional, multicultural e laica.

No actual conflicto, logo dunha década de inhibición e abulia ante a permanente traxedia do pobo albano-kosovar, a precipitada e drástica opción bélica non favorece un futuro de convivencia en paz. Avivar os odios, distanciar as culturas e as etnias, bombardear, alimentar o sentimento de humillación do que se nutren os novos líderes ultraimperialistas que sobardan a Milosevic, como os fascistas de M.Vojislav Seselj –hoxe no goberno de concentración– que rondan o 30% dos sufraxios... cuestionan a efectividade da tosca diplomacia do misil.

Nos Balcáns existen demasiados conflictos engedellados, que lle valen os inquietantes alcumes de: abispeiro, madeixa, crebacabezas... ou quizais o máis atinado de polvoriño con múltiples cabezas detonadoras: Macedonia, Albania, Rusia, Grecia, Bosnia, Bulgaria.... Agora xa non queda nin unha diminuta greta para a diplomacia de trazo fino, da diplomacia do dólar con proxectos de reconstrucción e investimento, das propostas de convivencia ilusionantes e cicatrizantes, do permanente e escrupuloso respecto aos dereitos humamos, de crear espacios común nos que poidan coexistir as identidades nacionais...

A guerra abre portentosas feridas nuns Balcáns nos que as cicatrizacións son desesperantemente lentas e os atracóns de historia provocan frecuentes e mortais indixestións colectivas.

Lino Pellitero Ramilo é coautor do libro “O Conflicto dos Balcáns” e membro do IGADI. Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 8/4/99