PresenciaVolver ó índice / Iberoamérica


A UNAM reinicia as clases
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 15/02/2000)

Poucos vestixios quedan da folga estudiantil que se prolongou durante case dez meses.Os decanos das facultades deron orde de facer desaparecer as inesgotables pintadas que cubrían as paredes do recinto universitario. Os detidos quedan en liberdade en medidas doses e os 250.000 alumnos da nonaxenaria Universidade Nacional Autónoma de México estaban chamados onte a reiniciar as clases.

O erosionado Consello Xeral de Folga non tira a toalla e asegura que a folga non rematou.Os estudiantes máis reivindicativos non renuncian a súa plataforma e teñen previsto un novo calendario de protestas.

Fora o 20 de abril de 1999, cando a UNAM paralizou a súa bulideira actividade para oporse a astronómica subida das matrículas. As autoridades académicas desempolvaban antigos obxectivos e propuñan rematar coa perenne e simbólica taxa de matriculación de 33 pesetas para disparala cara ao infinito das 19.920 pesetas.

Multitudinarias asembleas que chegaron a acoller a 5000 estudiantes alimentaron e deron forza ao Consello Xeral de Folga (CGH) para enfrontarse directamente ao Goberno de Zedillo. O rector que propuxera a monumental subida, asumiu a súa derrota, e a pesares de ter retirado a impopular proposta tivo que abandonar o cargo en novembro.

A folga foi caendo nun letargo invernal mentres a súa forza diluíase e adelgazaban de xeito notorio os asistentes as nutridas asembleas doutrora.

Os membros máis radicais tomaron as rendas do CGH e tentaron botar un pulso no que o seu brazo foi perdendo tensión a medida que os estudiantes sentían a desorientación de atoparse nun canellón sen saída.

Cando o novo rector Juán Ramón de la Fuente, estreitamente vencellado ao PRI, considerou que a froita madura xa estaba podre, lanzouse a segarlle a herba debaixo dos pés dos folguistas. Convocou un unilateral referendo no que se pedía ao estudiantado que se definise sobre continuidade da folga, a pesares de decidida oposición do CGH. Un exultante rectorado celebrou tanto a participación que superou os 2/3 dos matriculados como que, o 90% dos que participaron na consulta, optasen por reiniciar as clases.

Co aval da vontade maioritaria do estudiantado e inmobilizada a Xefatura do Distrito Federal en mans do PRD, o Goberno de Ernesto Zedillo mandou unha policía expeditiva pero sen armas de fogo a desaloxar aos folguistas. Por nada do mundo querían revivir as escenas das matanzas estudiantís de outubro do 68. Porras e non pistolas portaban os policías que ocuparon a universidade.

Co pulso partido, o Consello Xeral de Folga insiste en que a folga non está rematada. Quere redinamizarse co malestar pola violación policial do recinto universitario e a maioritaria petición de liberdade para os detidos.

Para ás 10 da mañá, está prevista unha sesión plenaria do CGH na Facultade de Ciencias na que se definirán as novas liñas de actuación. Definitivamente, descartan utilizar a forza para impedir o acceso aos que queiran incorporarse ás clases, pero van relanzar as campañas de información e concienciación.

O xoves 17 está convocado un paro nacional para defender a gratuidade da educación pública, a liberdade dos presos, a desaparición da Policía Federal Preventiva e as coñecidas demandas que acochan baixo o bíblico e irrenunciable sete que se recolle no prego petitorio.

Dous días máis tarde, o sábado 19, será na Facultade de Economía onde se avalíe a situación e se propoñan novas medidas.

Esta será unha semana decisiva para medir a capacidade do CGH. Mentres haxa detidos non se aceptará ningún tipo de diálogo, pero cando os detidos estean na rúa quizais as forzas fraqueen en demasía como para poder ser parte crucial na saída do conflicto.

Lino Pellitero é membro do IGADI.Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/02/2000