Presencia-Opinión / Cuba Volver ó índice


¿Alónxase Cuba da Unión Europea?
Por Marcos Martín Pérez (Canal Mundo, 16/05/2000)

O vindeiro 8 de xuño subscribirase en Souba (Fiji) o novo Convenio de asociación entre a Unión Europea es mailos países ACP. As relacións entre os Quince e os países de África, Caribe e o Pacífico remóntanse ós anos 60 cando aínda eran territorios dependentes dos países europeos. Co tempo, novos países foron incorporándose ó Convenio de Lomé –un paquete comercial e de axuda ó desenvolvemento no marco das relacións UE-ACP– ata o punto de incluir na actualidade 71 países, a práctica totalidade dos países en vías de desenvolvemento.

Pola súa parte, os cambios acontecidos na sociedade internacional e o progresivo achegamento entre Cuba e a Unión Europea fixeron que en 1998 Cuba converterase en observador nas negociacións para o novo convenio de asociación que substituiría ó de Lomé, coa intención de chegar a ser membro de pleno dereito do mesmo. Así, o 10 de marzo Cuba renovou a súa solicitude formal de adhesión. A sorpresa xurdiu cando o pasado 28 de abril, o Goberno cubano anunciou que retiraba a súa solicitude para formar parte do acordo sucesor da Convención de Lomé.

O motivo de tal decisión, recollido nunha carta do Ministro de Asuntos Exteriores cubano, foi o apoio dos Estados membros da Unión Europea a unha resolución contraria a Cuba aprobada pola Comisión de Dereitos Humanos das Nacións Unidas na súa sesión do 21 de abril. Na carta, tras agradece-lo apoio dos países ACP á súa solicitude, denuncia a conspiración dos Estados Unidos contra Cuba na Comisión de Dereitos Humanos e lamenta a hostilidade de certos países da Unión Europea á súa admisión ó novo Convenio.

Esta maneira de ver as cousas, foi tamén o motivo de que dous días antes as autoridades cubanas cancelasen a visita á illa da Troika da Unión Europea (formada polo Presidente actual da UE e os dous anteriores). A visita, a primeira dende 1995, tiña por obxectivo relanza-lo diálogo entre a UE e Cuba e trata-la súa adhesión ó Convenio de Lomé, que sería discutida en xuño en Fiji.

A pesar do respaldo dos países do Grupo ACP e de cumpli-las condicións xeográficas económicas e xurídicas requeridas para entrar no Grupo (en relación coa obriga de respecta-los dereitos humáns, esta é a posteriori e non un requisito para a sinatura), segundo algúns observadores, era pouco probable que a UE aceptara a solicitude de Cuba, polo que a decisión de La Habana podería ser unha forma de anteciparse ó rexeitamento europeo a súa solicitude de integrarse no novo acordo. O que sen dúbida está claro é que a decisión non contribuirá a mellora-las relacións entre a UE e Cuba a medio prazo.

Marcos Martín Pérez é colaborador do IGADI.Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/05/2000