PresenciaVolver ó índice / Balcáns


As guerras humanitarias da 3ª vía
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 19/06/1999)

¡NATO, NATO!, ¡UÇK, UÇK!, foi o entusiasta e compasado berro co que foron recibidas as tropas da Kfor polos vibrantes albano-kosovares. Poucos días máis tarde, o secretario xeral da OTAN, Javier Solana, non puido disimular a súa emoción ao saborear o baño das masas que o aclamaban, en Pristina, coma libertador da opresión serbia.

Os líderes da 3ª vía, respiran con alivio ao saír ¡por fin!, dunha guerra que na que fraqueou a firmeza, ao albiscar a presencia da pantasta da guerra do Vietnan, a medida que caían as follas do calendario e as opinións públicas cuestionaban a oportunidade do conflicto bélico.

O caos e sofrimento do millón de refuxiados albano-kosovares vagantes, as 10.000 vidas cobradas, os 700.000 traballadores serbios enviados ao paro por mor da destrucción dos centros productivos, os numerosos e eufemísticos danos colaterais, o comercio exterior serbio volatilizado, a sistemática destrucción das propiedades albano-kosovares e as matanzas colectivas planificadas por Milosevic na sinistra Operación Ferradura, os billóns necesarios para a reconstrucción... todo foi considerado como a peaxe necesaria por unha socialdemocracia, que renega do legado pacifista que impregnou á xeración do 68, da que formaron parte, insistindo que só existiu unha única solución: “a guerra humanitaria”, para finar coa intolerancia asfixiante do estado serbio.

Prestixiosos xenerais da OTAN, en situación de retiro, alertaron en tempos do ataque aliado sobre a fascinación que esperta a guerra nos líderes da 3ª vía e sentenciaron: “...as bombas só provocan odios que traspasan as xeracións.”. Na mesma liña o director do Centro de Investigacións para a Paz, Mariano Aguirre, afirma “ ..Tras seis séculos de tensións, maís de dez anos de represión serbia e diplomacia occidental desafortunada, a solución non ven da man da guerra”.

Décadas de implacable opresión serbia non conseguiron facer do Kosovo un territorio etnicamente limpo. Tampouco a millonaria diáspora de refuxiados albano-kosovares empurrados pola guerra e pola persecución serbia, en tempos de conflicto armado, foi quen de aniquilar definitivamente a coexistencia das etnias. Só a fin da guerra parece conducirnos cara a un novo e irreversible fracaso da convivencia.

Interminables carabanas de vehículos serbios, repletos ducias de miles de miserentos labregos cargados coas súas escasas pertenzas, emprenderon o camiño sen retorno de rachar as amarras coa súa terra, para acobillarse na serbia restante. O vertixinoso péndulo da historia, estaos a varrer do Kosovo, cando só hai tres meses, eran meros espectadores dos albano-kosovares que emprendían o seu penoso éxodo.

Outra volta a historia repítese a xeito de farsa, tal como aconteceu en Bosnia. Deixamos pechados no baúl os principios nos que basear as relacións entre os pobos, cimentadas na articulación de fórmulas que garantan a coexistencia democrática culturas, etnias, relixións...

As caravanas de humildes serbios, labregos na súa maioría, con nenos e vellos, flanqueados por ringleiras de albano-kosovares presos da rabia e a xenreira acumulada; insultando e apedrando aos incipientes refuxiados, non deixan espacio á optimismo algún.

Un mozo serbio, sen anos suficientes para encher unha vintena, berrou mentres se alonxaba; “.¡.. voltarei a esta terra coma guerrilleiro ou coma militar! Quizais sexa demasiado tarde para a paz.

Estamos a bendicir nefastos precedentes a aplicar as guerras do futuro, que segundo os insignes ideólogos da 3ª vía, terán coma causas desencadenantes no 3º milenio a vulneración dos dereitos humanos. Húngaros da Voivodina, kurdos de Turquía, tibetanos da China... entroutros moitos pobos tiranizados apreman como candidatos á xeralización da doutrina bélica do novo milenio.

Os fracasos da diplomacia preventiva non se reconducen con quiméricas guerras intelixentes, nin con guerras humanitarias.

Lino Pellitero é membro do IDADI e coautor de “O Conflicto dos Balcáns”Volver ó índice.


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/01/2000