Presencia / Europa
Dez anos sen muro
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 09/11/1999)
Hoxe cúmprese o décimo aniversario da caída do muro berlinés, símbolo da bipolaridade nacida ao remate da II Guerra Mundial. Tan rápido como fora erguido ficou esborrallado. Dez anos sen muro, moito ou pouco tempo, segundo do que se trate. As relacións internacionais, as fronteiras europeas, o sistema de valores, as actuais perspectivas de futuro, non teñen moito que ver coas daquel entón. A perestroika gorbachoviana, que abriu as portas ás reformas no bloque do Leste, fracasou, e do mundo bipolar pasouse á unipolaridade no lugar de a unha esperanzada multiplicidade de centros políticos, económicos e culturais.
Nin os mesmo protagonistas esperaban un desenlace tan rápido. O chanceler Kohl atopábase, tal día coma hoxe hai dez anos, de visita oficial en Varsovia, tiña unha completa axenda do traballo na que figuraba unha entrevista co presidente polaco xeneral Iaruzelski. A reunión foi suspendida ante as insistencia alemana e o chanceler puido desprazarse a Berlín. O principal impulsor das teses nacionalistas alemanas, fronte a ostpolitik de W. Brandt e o SPD, negouse en todo momento a aceptar o confederación entre as dúas Alemañas así coma á posibilidade de que a RDA se integrase dentro do Mercado Común Europeo como un estado soberano. Ao final a CDU saíuse coa súa e logrou a reunificación. Kohl titulou anos despois un libro de conversas cos periodistas alemáns Kai Diekman e Ralf Georg Ruth cun grandilocuente “Eu quixen a unidade alemana”.
Daquela a situación interna era ben complicada para Kohl e a CDU en horas baixas, e o partido bisagra (FDP) do sempiterno ministro de Exteriores Hans-Dietrich Genscher iniciaba movementos de aproximación ao SPD de Oskar Lafontaine. O chanceler mesmo ocultou ao ministro de Exteriores os famosos 10 puntos cos que o goberno de Bonn negociou co da RDA e que no último deles dicía: “Esta política ampla e detallada pretende favorecer unha situación de paz en Europa na que o pobo alemán volva alcanzar a súa unidade no libre exercicio da autodeterminación. O obxectivo político do goberno federal segue sendo a reunificación, é dicir, a recuperación da unidade estatal de Alemaña”.
Os acontecementos precipitáronse e os alemáns do Leste entusiasmados ante a posibilidade de ter un nivel de vida semellante ao dos seus compatriotas do Oeste optaron pola CDU e déronlle o seu apoio nas eleccións. Moitos foron os que advertiron dos perigos que para a economía do Leste podía supor unha unificación precipitada, non foron escoitados. Os custes económicos foron elevados para Alemaña e para a parte de Europa por ela liderada que se veu sumida nunha nova crise que se prolongou durante a primeira metade da década dos noventa. Aínda hoxe as consecuencias de virar unha economía que ollaba cara o Leste para centrala cara o Occidente están presentes e moitos länd orientais son auténticos desertos industriais. O descontento púxose de manifesto nas recentes eleccións parciais en varios concellos e estados nos que o apoio ao PDS, os herdeiros do vello SED, foi tan importante que mesmo superaron ao SPD do chanceler Schröder.
A precipitada unificación alemana e a forma na que se produciu deulle a puntilla á perestroika e á posibilidade de que as reformas permitisen a transición a un sistema democrático que non supuxese o desmantelamento das conquistas sociais nin o reparto do botín entre unha minoría. A potencia soviética afundiuse cos seus pes de barro, a súa herdeira sumiuse nunha crise permanente e impredicible e a Europa do Leste é hoxe máis pobre e inestable que hai dez anos.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/01/2000